A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Juana Teresa Juega López

Juana Teresa Juega

O día 8 de abril de 1885 nacía no corazón da Costa da Morte –en Laxe– a poeta Juana Teresa Juega López. O seu pai –Ramón Juega Charlín– foi como médico para Tacuarembó (Uruguai) e alí casou coa uruguaia Juana Isabel López Jáuregui. A familia alterna a residencia entre Tacuarembó e Laxe, onde en 1885 nace Juana Teresa. En 1890, cando a nena ten cinco anos, a familia volve para Uruguai, onde permanece ata 1898, cando Juana Teresa ten trece anos. De volta á nosa terra, a familia instálase na Coruña, onde o doutor Juega se fai cargo da Casa de Baños “La Primitiva” –un balneario–, enfronte da praia de Riazor.

La Primitiva - Casa de Baños
Casa de baños “La Primitiva”

A partir de 1904, María Teresa Juega comeza a publicar versos –algúns en galego– en El Eco de Galicia e El Compostelano. En 1908, a poeta –con 22 anos de idade– tiña preparado para publicar un libro de poemas que se titularía Alma que llora. O volume ía levar un prólogo do catedrático de Xeografía e Historia do instituto da Coruña, Leopoldo Pedreira Taibo, e unha presentación –“Dos palabras”– do doutor José María Rigueira Montero. O noivo de Juana Teresa – o militar José Morales Villar–, que non vía con bos ollos que a poeta escribise e fose publicar, o día 4 catro de marzo de 1908 foi á súa morada – na Casa de Baños “La Primitiva”– e disparou varias veces contra ela, feríndoa gravemente, e a continuación o tenente suicidouse no areal de Riazor. O libro nunca se publicaría. A prensa da época contou os tráxicos sucesos do catro de marzo con amplitude de detalles. É o caso do xornal El Diario de Pontevedra do 7 de marzo de 1908.

Juana Teresa JuegaJuana Teresa Juega casa dous anos despois co avogado –e escritor– de Melide Emilio Pereiro Quiroga, co que ten catro fillos. O matrimonio reside sucesivamente en Caldas de Reis, Arzúa, Palas de Rei, Melide e Santiago de Compostela.

Membro de Acción Católica e activista da CEDA, Juana Teresa colaborou durante a Guerra Civil española en actos e manifestacións co franquismo.

Juana Teresa Juega López falecía en Melide o día 3 de decembro de 1979, á idade de 94 anos.

O día 18 de abril de 1982 a escritora coruñesa Josefina López González (1822–1998) –máis coñecida como Josefina López de Serantes– publica unha ampla reportaxe en El Ideal Gallego co título de “Las fotos inéditas de Juana Teresa Juega”.

Josefina López de Serantes dedica a reportaxe ao escritor Xosé María Monterroso Devesa, sobriño–neto de Juana Teresa Juega.

Prensa: Teresa Juega

Prensa_ Teresa Juega

 

Na antoloxía da Literatura gallega (1911) de Uxío Carré Aldao aparece o poema de Juana Teresa Juega titulado “Á morte”:

¿Por qué fuxiche cando a miña vida
coa tua fouce viñeches a tronchar?

………………………………………….

Marte cruel, ouh Morte despiadada,
ven ó meu rente que eu te chamo, ven!

………………………………………….

Ven axiña, ven, Morte, non me deixes.
e si non, dime xa. ¿pra qué nacín?
Se foi para arrincarlle o veo á infamia.
entón, ouh Marte, entón quera vivir!

Teresa Juega López aparece incluída na Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, en Mulleres destacadas de Galicia de Enrique Alvarellos Iglesias, en Escritoras galegas de Carmen Blanco, no Diccionario bio–bibliográfico des escritores de Antonio Couceiro Freijomil, no Diccionario de escritores en lingua galega de Francisco Fernández del Riego, no Dicionario de Escritores e Escritoras da Costa da Morte de X.M. Lema, no Diccionario da Literatura Galega de Galaxia que coordinou Dolores Vilavedra. Igualmente, –difícil era que ao grande estudoso da nosa literatura se lle escapase incluíla nos seus estudos–, Juana Teresa aparece na Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo Carvalho Calero. O erudito ferrolán ve na súa poesía “un negro pesimismo”.

No número 7 (1990) da revista “Festa da Palabra Silenciada”, Amara Amor dedícalle un artigo de catro páxinas a Juana Teresa titulado: “J. Teresa Juega: poeta esquecido. Nel inclúe varios poemas en galego da autora, que publicara en El Compostelano.

NON CHORES

Non chores, velliña
das trenzas de prata,
non chores a morte
da moza galana.

 Non chores, velliña.
¿Non ves que a sua ialma
reloce nos ceos
 porque era moi branca?

 Non chores, velliña,
contén as tuas bágoas
 que xa non ten penas
 a moza galana!

 Sufreu nista terra
 a mociña incauta
as grandes torturas
dos peitos que aman.

 E veu as suas ánseas
de amor traicionadas…
 Non chores, velliña
que a moza descansa! …

( 9–1–1926)

 

ILUSIÓS

Cheo de alegría un neno,
 posta nelo sua atención,
con delicia fabricaba
unhas pompas de xabón.

Mirábaas, satisfeito,
polos espacios voar
e novamente volvía
outras pompas a formar.

Mais pronto se desfixeron
e o nena triste quedou
mirando o enredo roto
que polos aires marchou.

Así é a vida … formamos
quimeras coa ilusión…
soños que se desvanecen
como a escuma do xabón.

(17–4–1926)

Xosé María Monterroso Devesa, sobriño–neto de Juana Teresa fixo unha recompilación da súa obra. Son máis de setenta composicións –unha delas en prosa–, entre as que hai oito en galego. O traballo de Monterroso Devesa está publicado no número 13 do Boletín do Centro de Estudos Melidenses. Museo da Terra de Melide, no ano 2000.


Para saber máis

Juana Teresa Juega, a moça que venceu á morte. Artigo de Xosé-Mª Monterroso Devesa, publicado en A Nosa Terra, 6 de xuño de 1991.

Fullscreen Mode

Artigo sobre Juana Teresa na revista Festa da Palabra Silenciada, publicación galega de mulleres. Galiza. Outono 1990.

Fullscreen Mode

Comparte esta biografía

Explorar máis

Filomena Dato
Pioneiras

Filomena Dato

Filomena Dato nace en Ourense en 1856 no seo dunha familia de militares con forte inclinación católica e monárquica, ideoloxía que ela nunca abandonará. Foi

Ler máis »
Irmás Carré
Pioneiras

Irmás Carré

María del Pilar Carré Sánchez nace na Coruña en 1921 e María Purificación Carré Sánchez nace, tamén na Coruña, en 1922. As irmás María del Pilar

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies