En marzo de 1805 nace na Coruña Juana María de la Vega Martínez y Losada, coñecida como Juana de Vega (1805 – 1872). Nada no seo dunha familia ilustrada e liberal, seu pai foi un dos principais organizadores e patrocinadores do pronunciamento de Juan Díaz Porlier a favor da Constitución de 1812, desde nena recibiu unha esmerada educación en letras e humanidades.
Cando tiña quince anos coñece a Francisco Espoz y Mina, co que casa en 1821. O seu home foi unha das figuras máis relevantes da Guerra da Independencia española, alcanzando o grao de Mariscal de Campo, mais o regreso de Fernando VII obrigou a Mina a exiliarse e Juana de Vega únese ao seu home nese exilio por Inglaterra e Francia. Falecido Espoz y Mina en 1836, o goberno outorgou á súa viúva o título de condesa de Espoz y Mina e Juana de Vega regresa entón á Coruña. Nos últimos trinta anos da súa vida, os salóns da súa casa serían o punto de reunión da sociedade liberal coruñesa, cidade onde exercería ademais como mecenas, exemplo disto é o caso do violinista Pablo Sarasate ou o seu apoio aos Xogos Florais de 1861 celebrados en Coruña, que constitúen un punto de partida do Rexurdimento.
Outra das súas constantes dedicacións foi a beneficencia. O seu labor foi fundamental para conseguir que Galiza contase cun Hospital Psiquiátrico en Conxo. O seu labor asistencial comezou en 1838 cando iniciou os trámites para fundar a Asociación de Señoras de La Coruña. A súa finalidade foi coidar de nenas/os orfos e asistir os enfermos do Hospital da Caridade desde presupostos liberais centrados na “humanidade doente” e sen relación coas institucións católicas. Pero a súa preocupación social non se reduciu ao campo asistencial, outra preocupación súa foi a educación. Fundou e financiou unha escola para nenos pobres, rexentada polas Hijas de la Caridad de la Congregación de San Vicente de Paúl, en 1863; e unha escola gratuíta para adultos, levantada en 1864 na súa propia casa.
A finais de 1840, Juana de Vega aceptou o cargo de Aia da raíña nena Isabel II e da súa irmá, foi responsable de supervisar o seu coidado e educación. En outubro de 1842 foi nomeada tamén Camareira maior de Palacio, ambos os cargos foran sempre ocupados por mulleres da alta nobreza, o que lle xerou moitas tensións na Corte. Permaneceu nestas ocupacións até xullo de 1843.
Xa de volta na Coruña foi moi amiga e deu sempre o seu apoio, moitas veces de xeito económico (no seu testamento déixalle corenta mil reais), a Concepción Arenal, a máis importante activista e pensadora social do século XIX no estado español. En 1868, Juana de Vega e Concepción Arenal reclaman publicamente peticións de indulto para os condenados a morte e protestan xuntas pola supresión das Conferencias da Congregación de San Vicente de Paúl. Juana de Vega tamén intercedera en 1862 para pedir o indulto de dous protestantes condenados a pena de cárcere por motivos relixiosos. Fundaron xuntas un padroado de señoras para a visita e ensino das persoas presas. Coincidiu tamén con Concepción Arenal na necesaria difusión en Galiza de temas agrícolas, base do desenvolvemento do país naquela época. O seu grande anhelo era a creación dunha escola teórico–práctica de agricultura, na casa que posuía en San Pedro de Nós, para iso constituíu unha fundación á que vinculou as rendas do seu patrimonio; fundación que chega ata os noso días.
Testamento de Juana de Vega
Fullscreen Mode