Joaquina Dorado Pita nace na Coruña, no barrio de Santa Lucía, en xuño de 1917. Nesta cidade firmemente republicana e cunha grande presenza e forza das ideas anarquistas vai medrando esta moza e posicionándose xa desde moi nova, segundo ela mesmo contaba, fronte ás inxustizas.
En 1934, a súa familia emigra a Barcelona e Joaquina comeza a traballar en empresas de mobles realizando tarefas de tapiceira e vernizadora. Tamén nesa época comeza a colaborar coa CNT e militar na Federación Ibérica das Juventudes Libertarias del Poble Sec.
Desde o primeiro momento do golpe de estado participa activamente coas forzas antifascistas, facendo parte do Comité de Defensa de Barcelona, e comeza a traballar na Federación das Industrias Socializadas da Construción, Madeira e Decoración, como secretaria de Manuel Hernández. Cando Manuel se ten que incorporar ao exército, será Joaquina quen ocupe o posto de presidenta. Será a primeira e única muller que ocupa un cargo de responsabilidade nesta organización que publicou xornais, que dirixiu Joaquina, así como diversos folletos.
Participa nos graves enfrontamentos acontecidos entre o 3 e o 8 de maio de 1937 entre anarquistas e comunistas en Barcelona onde Joaquina forma parte do grupo “Luz y Cultura” e coñece a Liberto Sarrau que sería o seu compañeiro de loita e de vida.
Coa caída de Barcelona nas mans do exército franquista ten que fuxir a Francia. Pasa dous meses encerrada no campo de concentración de Briançom aínda que logra fuxir a Montpellier, mais é detida novamente e internada en dous campos de concentración dos que tamén consegue fuxir. En maio de 1940, está en Toulouse reorganizando as Xuventudes Libertarias.
Pouco tempo despois decide volver a España para loitar contra a ditadura franquista. É detida, xunto con Liberto, o 24 de febreiro de 1948, e pasa varios anos presa. Será o seu trabalo de costureira o que permitirá axudar a seus pais e ao seu compañeiro tamén no cárcere. Finalmente é posta en liberdade.
A súa fortaleza e as súas ideas impedíanlle estar á marxe da forte represión que padecía o pobo baixo o franquismo e por iso, en 1955, pasa de novo á clandestinidade colaborando nas accións do guerrilleiro Quico Sabaté. En 1956, logra pasar a Francia e exiliarse por segunda vez, alí Joaquina traballa de costureira até a súa xubilación. Vive durante uns anos entre París e Barcelona para fixar definitivamente a súa residencia en Barcelona, onde fina o 14 de marzo de 2017.
Joaquina sempre se mantivo fiel ás súas ideas anarquistas. En marzo de 2007, xunto con outras trinta mulleres galegas, recibe unha homenaxe da Xunta de Galiza, no Teatro Principal de Compostela. En xullo do 2008 participa na Homenaxe ao Exilio e nas xornadas Exilios Femininos, realizadas na Illa de San Simón, organizadas pola Consellería de Cultura da Xunta de Galiza.
Sempre se sentiu moi unida a Galiza. Segundo recolle Aurora Marco, Joaquina deixou escrito “… mi libro de cabecera es de doña Rosalía de Castro: “Cantares gallegos” y “Follas novas”. Seguramente el haber nacido en Galicia fue una suerte para mí. Poseo la fuerza del viento y del mar. Siempre solitaria, aun en compañía. Animé a otros seres, hombres o mujeres, que desfallecían. ¡Rosalía! Siempre es nueva su lectura. Termino de leerla y vuelvo a empezar”.
Para saber máis:
Pérez Leira, Lois. Mulleres da emigración (Páxinas 131-136).