AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Isabel Zendal

Isabel Zendal

Isabel Zendal Gómez, primeira enfermeira da historia en misión internacional, así recoñecida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1950, pola súa participación na Real Expedición Filantrópica de la Vacuna (REFV). Naceu en Santa Mariña de Parada, Ordes (ca 1772), nunha familia “pobre de solemnidade” segundo consta na documentación.

No 1800 entrou a traballar como Reitora na Casa de Expósitos da Coruña, do Hospital da Caridade, onde se acollía as nenas e nenos abandonados e depositados no torno, creado grazas a outra muller da Coruña, Teresa Herrera. O posto de Reitora era dunha grande responsabilidade, escaso recoñecemento e menor retribución. Como tal, formou parte da expedición que levou a vacina da varíola polo mundo, aos territorios de ultramar do Imperio borbónico onde a enfermidade facía estragos entre a poboación, e que partiu do porto da Coruña cara México o 30 de novembro de 1803, co equipo médico formado por Francisco Xavier Balmis (director) e Josef Salvany.

Isabel Zendal foi a única muller da expedición e imprescindible partícipe “en clase de Enfermera” segundo a Real Orde de Carlos IV. Ao seu cargo e coidado ían os 21 nenos expósitos de entre 3 e 10 anos, entre os que se incluía o seu fillo Benito, que foron portadores da vacina brazo a brazo para realizar as campañas de vacinación dende México por América Central e do Sur ate o sur de Chile. Posteriormente participou na expedición e campañas realizadas en Filipinas, Cantón, Macau, Santa Elena, etc., nas que foran 26 os nenos portadores e que se prolongarían ate 1814. A REFV considérase como a primeira e unha das máis importantes campañas de vacinación universal da historia.

Despois dun longo período no que a transcendencia da expedición, e maiormente de Isabel Zendal Gómez, foi ignorada e excluída da historia, o seu primeiro recoñecemento veu da OMS (1950) e posteriormente do Goberno de México co Premio Nacional de Enfermería e a Escola de Enfermería de Texmelucan, Puebla, que leva o seu nome. Na cidade da Coruña dedicóuselle unha rúa en 1971, “Isabel López Gandalia”, que en 2017 se restituíu polo seu nome correcto, xa que foran diversos os que se lle atribuíran. Nos derradeiros anos estanse a realizar investigacións que dan luz sobre esta muller e a expedición e, ao tempo, accións de divulgación dende a literatura, cine, educación, etc., con iniciativas particulares, de colectivos e de institucións, que contribúen ao recoñecemento que corresponde.

Para saber máis: López Mariño, A., 2018. Isabel Zendal Gómez nos arquivos de Galicia. Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies