Isabel Ríos Lazcano naceu en Curtis 1907 e foi militante do partido comunista represaliada. En 1929 casa co médico Manuel Calvelo López.
Xa cun fillo, en 1932, a familia trasládase a Madrid coa intención de continuar cara a Alemaña para que Manuel cursase o doutoramento. Mais coa chegada de Hitler ao poder deciden quedar en Madrid, onde Manuel pasa a traballar como profesor adxunto na Cátedra de Patoloxía do profesor Roberto Nóvoa Santos.
No ano 1934, aínda que vive en Curtis, traballa en Lugo e afíliase ao Partido Comunista. Tras o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, foi detida xunto co seu home o 5 de agosto e levados ao cárcere de Santiago. O 19 de decembro, tras unha farsa de consello de guerra, Isabel e a Manuel son condenados a pena de morte. “Ben, xa estamos condenados a morte; aos cinco días, polo tanto o día do nadal cumprirase a sentencia, seremos fusilados. Calvelo dime que para salvarme simule un embarazo; el poderá conseguir dous médicos que certifiquen, polo menos as dúbidas, sobre o meu estado. Ante isto, teríase que suspender a execución e mentres tanto moitas cousas poderían pasar, entre elas as de gañar a guerra, etc.. Mais eu non quero de ningún xeito; paréceme unha inmoralidade botar man da facultade de ter fillos para me salvar… ¡se me salvaba! Prefería morrer con Calvelo. Co do embarazo aprazaríase o cumprimento da sentencia e pasado o tempo tería que morrer soa… ¡non, iría con él!…”.
A Isabel comunícanlle o día 30 de decembro que lle conmutaran a pena pola de reclusión perpetua, pero Manuel Calvelo foi fusilado ese mesmo día.
Durante sete anos, Isabel percorreu as cadeas de Santiago, Saturrarán e Betanzos, e foi posta en liberdade condicional en 1943.
Trasládase a vivir á Coruña en 1946, na rúa Rego de Auga. Mais como o acoso policial era continuo, decidiu marchar a Bos Aires, onde tiña familia. A intención era deixar os fillos ao coidado da familia e ela volver a Galiza para incorporarse á guerrilla. No seo da emigración, reinicia en Arxentina a súa militancia comunista. Incorporada á Federación de Sociedades Galegas, participa na comisión feminina e na de cultura. Alí compartía ideas e proxectos con outros intelectuais galeguistas como Arturo Cuadrado, Ramón de Valenzuela, Eduardo Blanco Amor, Mariví Villaverde, Luís Seoane ou Lorenzo Varela.
“Non me levou á loita ambición ningunha, mellor dito, levoume unha ambición inmensa, a de querer achegar o meu gran de area á transformación dunha sociedade inxusta, deshumanizada, cruel, noutra máis xusta que abarcase a todos os seres e na que todos atopasen a posibilidade de vivir a nivel humano…”.
Para saber máis:
- Enciclopedia da Emigración Galega: Isabel Ríos.
- Ríos, Isabel (1998). Testimonio de la Guerra Civil. Sada: Ediciós do Castro.