AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Irmandiñas

Irmandiñas

En maio de 1916 xorden na cidade da Coruña as Irmandades da Fala. Unha única muller asiste a esa primeira reunión das IdaF, Micaela Chao Maciñeira, mais pronto comeza a verse a necesidade de crear un grupo de mulleres dentro das Irmandades e así en agosto de 1918 créase a “Sección Feminina” da Irmandade da Fala coruñesa. Con máis de 200 asociadas, segundo indica o xornal A Nosa Terra, a súa Conselleira Primeira foi Micaela Chao. Logo a ANT do 25 de decembro de 1918 conta que na asemblea realizada nese Nadal o grupo queda constituído así:

Conselleira: Josefa Vázquez

Secretaria: Elvira Bao

Vicesecretaria: Teresa Chao

Contadora: María Balboa

Tesoureira: Mª Hermitas López

Vogais: Micaela Chao, Rosa Martínez, Avelina Fernández, Teresa Fernández, María Miramontes, Genoveva Casal e Avelina Sardina.

IrmandiñasMais xa antes desa constitución fálase do grupo das Irmandiñas. Do 20 de abril de 1917 ata mediados de 1918, rexistrouse en A Nosa Terra unha colecta entre mulleres, co fin de financiar a dotación dunha bandeira galega bordada para a Irmandade da Coruña. Na listaxe de contributos, significativamente encabezada pola propia Micaela Chao, figuran, entre outras, as súas irmás Tereixa e Carme, Clementina Ponte, Eudosia Álvarez, María Luísa Cabanillas, María Miramontes, Sofía Domínguez, Luísa Souto, Elvira Bao, Ánxela Roibal, Pura González e as súas fillas, Pilar e Pura Lugrís, María Balboa, as irmás Mercedes e Ramona Pavón, Ánxela Blanco, Carme Meléndrez, Carme Díaz Varela; Sofía Domínguez, Luísa Souto Eudosia Álvarez, María Luísa Cabanillas, as irmás Amalia e Ramona Tettamancy… Tamén as cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña, que facían parte do montepío La Laboriosa, achegaron 73 pesetas de man da súa presidenta, María Villares, o mesmo que un grupo de mozas de Sada encabezado por Laura Prado.

E comezan así a organizarse as Irmandiñas, para facer bandeiras si, mais para outras moitas cousas: son as mulleres que van traballar arreo na creación das Escolas de Ensiño galego, nos grupos de teatro das Irmandades, as que máis tarde formarán a Agrupación Republicana Feminina

Seguramente sen a súa presenza e o seu traballo, o manifesto da Primeira Asemblea Nacionalista (Lugo, 17 e 18 de novembro de 1918) nunca tería recollido como 1º dos Problemas Políticos “Igualdade de dereitos pra muller”.

Aínda que houbo varias tentativas para facer grupos de mulleres nas diferentes IdaF das localidades, até onde nos sabemos, isto non foi posible. No caso da Coruña sábese que foron moi activas sobre todo na actividade cultural, alí están as irmandiñas na homenaxe popular que se lle fai ao violinista Manuel Quiroga no teatro Rosalía de Castro, ou tamén a súa presenza no teatro das IdaF. Desde o inicio foron conscientes do valor do teatro como unha ferramenta de concienciación lingüística e traballaron para chegar coa lingua galega aos públicos urbanos e rachar coa idea de que idioma galego era válido só para tratar temas de ambiente mariñeiro ou labrego. As mulleres e homes das Irmandades apostan, no teatro, por un proxecto claramente anovador, comezan a traballar coa tradución ao galego de As alegres comadres de Windsor e finalmente estrean A man de Santiña, de Ramón Cabanillas e participaron ademais nos traballos do Conservatorio Nazonal do Arte Gallego, creado en 1918. Carme Chao foi actriz na estrea de A man de Santiña e na representación da peza do seu cuñado Entre dous abismos. Segundo contan chegou a ser bautizada como a “Sara Berhnart” da escena galega… Jenaro Marinhas relatou tamén que cando os entreactos das representacións eran longos, Micaela Chao Maciñeira amenizábaos tocando o piano.
Mais eran moi conscientes que non só a cultura podía dar respostas ás necesidades do pobo galego e o Manifesto de 1918 que fan como resposta ao manifesto da Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME) é o exemplo máis claro do seu traballo político.

A ANME promoveu un manifesto asinado pola súa presidenta María Espinosa de los Monteros, contra “el ideal separatista” e a resposta das irmandiñas foi rotunda:

“…al hablarnos de esa unidad nada se dice a nuestro espíritu ni a nuestro corazón, nada se dice al corazón y al espíritu de Galicia, cuyos sacrificios por España no recibieron del centralismo más compensación que el oprobio y la injusticia…

Con la mano puesta sobre el corazón creemos que Cataluña y Vasconia no reclaman sino aquellos derechos que por ley natural y fuero de nacionalidad les corresponden. Galicia, nuestra Patria, está en el mismo caso que esas nacionalidades hermanas y pide a su vez iguales derechos que algún día pueden Ser exigidos si ahora no se les conceden.

¡La unidad! Pero, señoras, ¿es que España, esa vuestra España que veis en peligro de perecer tan pronto se manumitan sus siervas, estuvo alguna vez unida, de hecho, a estos pueblos sometidos a su férula, sometidos a sus gobiernos oprobiosos y al arbitrio de sus políticos hebenes, inmorales, degenerados y de cultura fósil y retardatoria? ¿Es que, tanto en lo espiritual como en lo político, hubo alguna vez unión entre esta Galicia ultrajada, trabajadora y noble y esa Castilla verbenera, ociosa y taurólatra?

… gracias, señoras, por haberos acordado de que en el territorio Ibérico hay un trozo de tierra que se llama Galicia y allí unas mujeres que sienten y piensan. Mas ese recuerdo es tardío. Los pueblos cansados de pedir justicia llegan a exigirla, en una exaltación de su dignidad y su derecho. Galicia no espera nada de Madrid, de sus gobiernos de pandillaje ni de sus política torpe y mezquina. Ha vivido largo tiempo en el olvido y aún en el desdén, en la más absurda de las postergaciones, y nosotras ante el inicuo abandono hemos vertido muchas lágrimas sin la solidaridad de un corazón amigo, mientras vosotras, señoras, os sentíais halagadas en las soirées cortesanas, acaso de brazo de quienes nos reducían a condición de esclavos, ó repartíais sonrisas desde los palcos en las taurinas fiestas nacionales.”

Como vemos editar folletos de propaganda, recoller información sobre a situación laboral da muller galega, participar en determinados actos públicos e interesar aos Centros Galegos de América pola protección á muller emigrada, foron algúns dos obxectivos da Sección feminina das IdaF.

Nomes propios, xunto a outras mulleres anónimas, conformaron as Irmandiñas, as mulleres das Irmandades da Fala, con traballo relevante e compromiso auténtico, fundamentais por si mesmas, non por ser “a muller de” como tradicionalmente se nos contou. Mulleres que non quixeron ser, e non o foron, satélite de ninguén senón que brillaron con luz propia.

(Na imaxe de cabeceira, Amparo López Jean e Elvira Bao)

Para saber máis:

Comparte esta biografía

Explorar máis

María Barbeito
Represaliadas

María Barbeito

María Nicolasa Paula Barbeito Cerviño, nada na Coruña en 1880, foi mestra, pedagoga, escritora, tradutora, lingüista, socióloga, educadora. Con apenas dezaseis anos aproba a reválida

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies