Irene González Basanta (1909-1928) aparece como a primeira muller que xoga ao fútbol nos anos vinte do pasado século, participando con grupos modestos no campo da Estrada e o de Fortaleza, situado na parte alta de Santa Margarida, sempre xogando entre homes.
O seu nome formaba parte do propio equipo, o Irene Football Club, mais como correspondía á época atopouse con moitos detractores que a acusaban de inmoral. Con todo, ela seguiu adiante enchendo os campos, onde os partidos do Irene constituían o prato estelar das festas ou dos domingos pola mañá, nalgún caso disputando partidos con outros clubs fóra da Coruña.
As crónicas deportivas normalmente destácana como boa porteira e relatan que os penaltis sempre os tiraba ela. Nas crónicas sinálase que comezara a xogar de dianteira centro nun equipo infantil. Na prensa aparece a polémica de que chegou a cobrar no Ortigueira F. C., mais non temos máis datos que os da prensa e son contraditorios.
Dedicáronselle coplas nos apropósitos coruñeses pero, lamentablemente, en 1928 a porteira enfermou e deixou de xogar. Organizouse un partido para recadar fondos cos que poder axudala mais Irene falecería de tuberculose nese mesmo ano.