AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Inés de Ben

Torre de Hércules

A historia sempre a escriben os gañadores. Sempre precisamos líderes, promotores… mais a masa que participa na batalla sempre é anónima. Se coñecemos o nome de Inés de Ben é porque formou parte dese exército que defendeu a cidade coas súas mans, isto é, defendeu o de todos, e tamén pretendeu defender o seu.

Cando en maio de 1589 o pirata Drake, ao mando da flota da súa Maxestade a raíña de Inglaterra, entra na Coruña, ten que ser a poboación, no seu conxunto a que defenda a súa cidade.

Inés de Ben é unha modesta comercianta que axuda, como tantas outras mulleres a reconstruír as murallas, mentres a tropa contén os ingleses.

Mais o seu papel vai máis alá. Perde o seu marido no primeiro día da batalla e, cando se acaban as municións, pon ao dispor das autoridades todo o que pode valer da súa tenda situada na Peixaría: cordas, chumbo, pólvora… Ela tampouco sae indemne: recibe dous impactos dun arcabuz: un na cabeza e outro nunha perna… que a retiran da batalla.

Cando son expulsados os ingleses, Inés, con dous fillos que alimentar e sen poder traballar, ten que pedir esmola para comer. Mais aínda así, non se resigna e inicia un preito no que demanda do Rei a restitución do perdido.

En 1915, no boletín número 97 da Real Academia Galega, Eladio Oviedo Arce, transcribe as declaracións da propia Inés e de varias testemuñas, e que figuran no Arquivo do Reino de Galiza, nun proceso destinado a reclamar a restitución do entregado por Inés de Ben na defensa da cidade. Ponse de manifesto como perdeu marido e facenda, unha “merçaría” na que había, entre outras moitas cousas, chumbo, pólvora e corda por valor de máis de 800 ducados; que todo o entregou para a defensa da cidade, ademais de traballar na reparación dos muros e de ser ferida, segundo testemuña o médico que a atendeu na cabeza e no muslo esquerdo, de dous balazos.

Perdeu o preito, morreu na indixencia e foi soterrada nunha foxa común, coma moita outra xente.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Canto ás traballadoras
Colectivos

Cantar ás traballadoras

Dentro das camadas sociais menos favorecidas, as mulleres foron as que desempeñaron a esencial centralidade no proceso de manutención e de xeración de lírica tradicional.

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies