AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Gloria Pérez Corrales

Gloria Pérez Corrales

María de la Gloria Pilar Pérez Corrales nace o día 30 de marzo de 1893, no número 136 da rúa de San Andrés. Aparece inscrita como “filla natural” de Pilar Pérez Corrales, empregada na Fábrica de Tabacos onde ostentaba o cargo de Mestra de labores. O pai, un militar de orixe cacereña apelidado Asensio, co que tivo 3 fillos, era un home casado.

A modesta condición social de Gloria, de familia cigarreira e ela mesma costureira nunha sombreiraría cando comeza o seu noivado con Santiago Casares Quiroga, foi causa de escándalo na cidade. Gloria é descrita como unha muller que posuía un encanto natural: elegante, moderna e deportiva, fumaba en boquilla, parecía unha artista inglesa ou francesa e non desentoaba na alta sociedade coruñesa. Esta sociedade nunca a admitiu e ela tampouco pediu permiso para vivir a súa vida.

Gloria Pérez CorralesApós 5 anos de noivado, Santiago e Gloria casan o 27 de outubro de 1920, no santuario de Santa María de Pastoriza, en Arteixo. En 1922 nace a súa filla María, que se convertería, co tempo, na gran actriz do teatro francés. María, nas súas memorias, di dela que “miraba de fronte a calquera, cría que o ser humano se fai na vida, non nace condicionado. Os dous eran liberais, non os ataba a sociedade da súa época, tan estreita, tan ridícula”.

En 1931 a familia trasládase a Madrid, ao ser nomeado Casares Ministro da Mariña.

Canto á súa faceta política, sabemos que estaba afiliada a Izquierda Republicana, que asistía a asembleas do partido, e que mesmo participou na confección de listaxes electorais. Tras o levantamento militar, Gloria comezou a traballar no Hospital Oftálmico como enfermeira e alí permaneceu até mediados de outubro, data en que se trasladou coa filla a Barcelona.

A viaxe definitiva ao exilio produciuse semanas despois. Nai e filla chegaron a París en novembro de 1936 e, con escasos recursos tiveron que pasar por momentos duros nos anos da ocupación alemá pola súa condición de refuxiadas.

Gloria voltou a París e, estreitamente unida á filla, dedicouse con entusiasmo a axudar e animar a traxectoria artística de María Casares. Existe unha absoluta identificación en María Casares entre a nai e Galicia: “Galicia quedou dentro de min, coma miña nai quedou dentro de min”. Gloria foi fundamental na carreira de María: «si j’ai décidé de devenir comédienne, c’est elle en fait qui a choisi pour moi» .

Gloria Pérez Corrales faleceu dun cancro de estómago en París aos 52 anos de idade, o 10 de xaneiro de 1946, apenas cinco meses despois do retorno do seu home de Gran Bretaña. Está enterrada no cemiterio de Montparnasse.


Para saber máis:

Comparte esta biografía

Explorar máis

El Progreso Femenino
Colectivos

El Progreso Femenino

En novembro de 1910 fúndase El Progreso Femenino, Sociedad de cargadoras y descargadoras de carbones, sales y minerales da Coruña, continuadora de La Libertad en

Ler máis »
As fadas do caracol- Díaz Baliño
Colectivos

Mulleres artistas

Cuestionarmos tocaría sobre a posibilidade de que as artes plásticas en manufactura feminina conformen ou non profesión nesta cidade herculina. Temos en conta que a

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies