Gertrudis Gómez de Avellaneda –coñecida como Tula– naceu en Santa María de Puerto del Príncipe (hoxe Camagüey, Cuba) o 23 de marzo de 1814. Expoñente do Romanticismo, é considerada, hoxe, unha das precursoras da novela hispanoamericana e do feminismo moderno. Escribiu poesía, novela e teatro.
Na súa infancia, a súa nai enviuvou e casou novamente con Gaspar Isidoro de Escalada y López de la Peña, de orixe galega, con quen Gertrudis non tivo boa relación por consideralo estrito de máis. Aos 13 anos, o seu avó materno tentou amañar o seu casamento cun parente pero ela, nunha precoz mostra de rebeldía, rexéitao, razón que motivou a súa exclusión do testamento. Con 15 anos marcha a vivir a Santiago de Cuba, e en 1836 partiu para Bordeos coa súa familia, e tras unha curta estadía de pouco máis de dúas semanas, viaxa á A Coruña –lugar de residencia da familia do seu padrasto– onde pasou dous anos. Os dous meses que durou a travesía desde ultramar, déronlle a oportunidade de escribir xa un dos seus sonetos máis coñecidos: Al partir.
Foi na Coruña onde redactou as súas primeiras composicións: A la poesía, A las estrellas, La serenata e A mi jilguero.
As súas inquedanzas intelectuais non eran entendidas na provinciana sociedade coruñesa. Frecuentaba a biblioteca do Real Consulado, algo mal visto por ser a única muller. Foi acusada mesmo de atea simplemente pola súa afección á lectura. Na Coruña tivo unha relación co fillo do Capitán Xeneral de Galicia, Mariano Ricafort Palacín y Abarca, pero este noivado rómpese porque el non vía oportuno que ela se dedicara á poesía. Gertrudis non estaba disposta a renunciar por nada ao que xa consideraba a súa paixón.
Seguramente por este pouco encaixe co conservadorismo da sociedade coruñesa daquela época, non garda unha boa impresión destes anos. Nos seus escritos de entón describe a cidade comparándoa coas de Cuba que ela ben coñecía. Así queda escrito na interesante descrición da Coruña e o seu ambiente recollida nas súas memorias de 1834.
Da Coruña pasou a Sevilla, co seu irmán, onde tivo unha relación amorosa bastante tormentosa con Ignacio de Cepeda y Alcalde. Na capital andaluza colaborou con xornais da cidade e de Cádiz, publicando versos co pseudónimo de La Peregrina. En Sevilla tamén escrebe o seu primeiro drama: Leoncia.
No 1840 trasládase a Madrid. Alí publica Sab, considerada a primeira novela antiescravista da historia, once anos antes que a popular A cabana do Tío Tom da escritora estadounidense Harriet Beecher Stowe. Nela equipara a subordinación feminina coa escravitude: «¡Las mujeres! ¡Pobres y ciegas víctimas! Como los esclavos ellas arrastran pacientemente su cadena y bajan la cabeza bajo el yugo de las leyes humanas. Sin otra guía que su corazón ignorante y crédulo eligen un dueño para toda la vida».
En 1842 publica a novela Dos mujeres, onde apoia o divorcio como solución a unha unión non desexada. Tamén escrebe Espatolin, unha novela social criticando o sistema penal daqueles anos.
En 1844 coñece ao poeta Gabriel García Tassara. Teñen unha relación, chea de celos por parte del, ao extremo de chegar a escribir versos de crítica e reproche para desacreditala como escritora e acusándoa de arrogante e coqueta. A relación termina cando el a abandona, estando embarazada e solteira. A filla, María, nace en 1845 pero falece aos sete meses.
Casa en 1846 con Pedro Sabater, gobernador civil de Madrid, pero este enferma e pouco despois dun ano do seu casamento morre.
Gertrudis seguiu escribindo ao punto de chegar a ser considerada unha das escritoras máis recoñecidas da época. A súa poesía foi moi valorada por José Zorrilla, Fernán Caballero ou José de Espronceda. Estivo a piques de ser a primeira muller en entrar na Real Academia Española, pero impediuno Marcelino Menéndez Pelayo. Aínda terían que pasar 125 anos para que entrara a primeira muller –Carmen Conde– nesa institución. Sufriu os prexuízos machistas da época, que negaban a aptitude feminina para o traballo intelectual. Dentro deste ambiente, moitos atoparon na súa obra un certo carácter masculino. Mesmo un intelectual da talla do prócer cubano José Marti describía a súa poesía como «ruda y enérgica, en contraste con la poesía femenil de la poetisa cubana Luisa Zambrana más convencional». E literalmente, nas súas Obras Completas, escribía dela: «Hay un hombre altivo, a veces fiero, en la poesía de Avellaneda. […] No hay mujer en Gertrudis Gómez de Avellaneda. Todo anunciaba en ella un ánimo potente y varonil». Tamén o historiador e escritor Antonio Ferrer del Río aludía á súa suposta “virilidade” literaria, pero xa noutro sentido, incluíndo á escritora entre os mellores poetas por «sus atrevidas concepciones, su elevado tono, sus acentos valientes (que) son impropios de su sexo».
No 1858 estreou o seu drama Baltasar, considerado unha das obras mestras do teatro romántico. Casou co político e coronel Domingo Verdugo y Massieu, e marchou con el para Cuba en 1859. Viviron alí 5 anos. Na Habana foi recibida, por parte da alta sociedade política e literaria cubano-española, como a célebre escritora que regresaba á súa patria despois dunha longa ausencia. Na capital cubana foi proclamada poeta nacional.
Tamén hai que dicir que nos círculos literarios cubanos nacionalistas non foi tan ben acollida, ao considerala máis madrileña que cubana. Circulaba pola illa un soneto satírico, de José Fornaris, no que afirmaba que «la ingrata torcaz camagüellana tornaba esclava, en brazos de un verdugo», en clara alusión ao seu vínculo co poder imperial, ao que pertencía.
Na cidade caribeña funda e dirixe a revista Álbum cubano de lo bueno y de lo bello. Nos artigos que publicou nela exalta a capacidade feminina para asumir distintos papeis sociais. Nun deles, La mujer, reclama o dereito das mulleres a participar na vida pública e o traballo intelectual, desmontando a falacia do “sexo débil” cos propios supostos da moral relixiosa imperante, segundo escribe a investigadora Susana Montero.
En 1863 falece o seu marido. Gertrudis refúxiase entón nunha práctica relixiosa devota e espartana. Isto fixo que nos cinco volumes das súas obras literarias preparadas por ela nos últimos anos da súa vida excluíra as súas pezas máis transgresoras: Sab e Dos mujeres.
Regresa a Madrid en 1864 e alí morrerá o 1 de febreiro de 1873.
Para saber máis: