A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Francisca Herrera Garrido

Francisca Herrera Garrido

Francisca Herrera Garrido nace na Coruña, na rúa do Príncipe en 1869 no seo dunha familia da alta burguesía, educada nos principios tradicionais e nunha viva fe relixiosa. Recibiu unha esmerada educación, acorde coa súa clase.

A mediados da segunda década do XX, estableceuse cunha irmá en Madrid, mantendo sempre un vencello co país onde pasaba os veráns. Co estourido da Guerra Civil, pasou a vivir aquí, entre a Coruña e Oleiros, sufrindo penurias económicas e refuxiándose na literatura.

Escritora autodidacta, entrou no mundo das letras a través da poesía, desde os 12 anos le e admira a Rosalía, segundo ela mesma confesa. Escribe poesía, novelas, ensaio e colabora en diferentes publicacións periódicas. Dá ao prelo 3 libros de poesías que seguen unha liña romántico-idealista ,3 novelas en galego, de temática rural e de corte sentimental e 3 novelas en castelán, mais de asunto galego.

Pasou á posteridade como autora de Néveda (1920), a primeira novela escrita por unha muller en galego e cuxa protagonista reflicte os valores femininos da ideoloxía conservadora da autora, como son a mansedume, a dozura, a resignación e o sacrificio.

Sorrisas e bágoasPasa dos 40 anos cando publica o seu primeiro libro: Sorrisas e bágoas, 1913.

Mantivo sempre unha estreita relación co matrimonio Castro-Murguía, dos que foi amiga, veciña e discípula, aos que, no seu discurso de entrada na RAG nomeará como: Historia, Verso y Alma… afirmando que ela sen Rosalía non sería nada. Murguía prologará o seu segundo poemario : ¡Volallas n´a luz! E ela asinará un limiar para unha edición de Cantares Gallegos.

A súa é unha narrativa de corte sentimental, cuxos eixos ideolóxicos son o conservadurismo e relixiosidade, ruralismo, a súa convicción de que a misión da muller eran amar incondicionalmente até o extremo de xustificar toda renuncia e todo sacrificio, e considerar a relación materno-filial como ideal de vida. Polemizou coas feministas da súa época.

É nomeada membro numerario da Real Academia Galega en 1945, sendo así a primeira muller que ocupase asento na devandita institución. Conta con 76 anos, elabora o discurso sobre Rosalía de Castro, nun mes e o presidente, Manuel Casás, demora 2 anos en enviarllo a Couceiro Freijomil para que elabore a resposta, este demora outro tanto e fina a nosa autora antes de rematar o proceso.

Morre na Coruña en 1950 e repousa no cemiterio de Santo Amaro.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Elisa e Marcela
Pioneiras

Elisa e Marcela

Elisa Sánchez Loriga (A Coruña, 1862) e Marcela Gracia Ibeas (Burgos, 1867) coñecéronse a mediados da década de 1880 na cidade da Coruña, concretamente na

Ler máis »
Plano da Coruña no tempo de Teresa Herrera
Pioneiras

Teresa Herrera

Teresa Margarita Herrera y Pedrosa, nada na rúa da cordonería, o 10 de novembro de 1712 e finada  o 22 de outubro de 1791, foi

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies