Filomena Dato nace en Ourense en 1856 no seo dunha familia de militares con forte inclinación católica e monárquica, ideoloxía que ela nunca abandonará. Foi protagonista principal da vida literaria e social da súa época.
Na última parte da súa vida, residiu en Bergondo, desde onde mantivo estreito contacto con: Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova (dedícanse varios poemas), Fanny Garrido e María Barbeito.
O seu primeiro poema publicado “ A Galicia”, escrito en Madrid cando contaba 18 anos. Colaboradora con composicións poéticas en xornais como “El Heraldo Gallego”, “Galicia Recreativa”, “Álbum Literario”, “A Nosa Terra”, O Tío Marcos da Portela, A monteira (única muller en nómina).
Deu ao prelo cinco libros de poesía, catro en castelán e un en galego.
Poeta laureada: gañou premios en Ourense, A Coruña, Tui, Vigo, Salamanca, Sevilla, Granada…
No certame dedicado ao Padre Feijoo en 1887 Ourense acada tres premios, o máis importante, dotado con 250 pesetas polo súa “ En Defensa das mulleres” que se converterá no primeiro poema explicitamente feminista da nosa literatura. É un poema reivindicativo da muller, á que se lle concede a mesma valía que ao varón, para o cal apela ás mulleres da mitoloxía, da antigüidade, heroínas: Minerva, Semíramis, Artemisa, Livia, Clelia, Arria, Murulla, María d´Estrada, María Pita, Safo, Rosalía, e moitas outras.
Este poema longo formará parte de Follatos (Ourense 1891), dedicado á infanta de España, Dona Sabela Francisca de Borbón que será o segundo libro en galego escrito por unha muller no século XIX.
Foi a Mantedora dos Xogos florais de Lugo en 1900, nos que non se nomeou raíña da festa, e no seu discurso avogou pola igualdade de dereitos do home e da muller, ao mesmo tempo que reivindicou a instrución para esta. Nese mesmo sentido, en 1914 asina un Manifesto dirixido ao Ministro de Instrucción Pública para que modifique os estatutos da Real Academia Española co fin de que poida acoller mulleres no seu seo.
Na homenaxe a Curros, na Coruña, Filomena foi a única muller que estivo no escenario, na mesa presidida por Murguía. En Ourense, nas homenaxes a Lamas e Curros, as protagonistas van ser ela e Sofía Casanova.
Morre en 1926 en Moruxo, en Bergondo, onde levaba residindo moitos anos.
Nomeada membro correspondente da RAG.
No Anuario Brigantino atopamos un pormenorizado estudo sobre a autora: Arredor de Filomena Dato Muruais (1856-1926). Xesús Torres Regueiro.