A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Felicia Auber

Felicia Auber

Virginia Felicia Auber Noya nace na Coruña en 1821 e morre en Madrid en l897.

Filla de Pedro Alejandro Auber e Fondniare, cabaleiro francés de notables coñecementos científicos chegado coas tropas napoleónicas e de ideoloxía liberal e de Ubalda Noya y Abad, pertencente á burguesía ilustrada coruñesa. Veranse obrigados a escapar de España por mor dunha das habituais persecucións ideolóxicas do século XIX. Tras unha breve estadía nas Canarias, a familia Auber y Noya viaxou a Cuba. Alí, Auber é nomeado en 1835 director do Xardín Botánico da Habana, polo regreso do anterior director, Ramón De la Sagra, a París. Máis tarde accederá á Cátedra de Botánica.

Virginia tivo unha esmerada educación humanística, unha carreira como escritora precoz, articulista e tradutora do francés, inglés e italiano. Gozou de gran prestixio intelectual e chegou a ser dona dun teatro, no que se representou a súa peza: Una deuda de gratitud.

Aos 18 anos publica a súa primeira novela Un aria de Bellini no Diario de La Habana. A partir de aí, tanto no Diario primeiro como na Gaceta de La Habana despois, Felicia publicará nos seus folletíns, 5 novelas máis.

Desde 1848, Felicia comprométese a escribir un folletín dominical baixo o título de “Ramillete Habanero“. Este folletín pasa en 1854 ao Diario de La Marina, o xornal de máis circulación e popularidade da Habana fundado polo vigués Isidoro Araújo de Lima. Nel publicará tamén a novela histórica: Ambarina. Historia doméstica cubana (1858), de temática antiescravista, reeditada en 1989 con estudo crítico de Isabel Ruiz Apilánez.

Colabora tamén en La Floresta cubana (1855), e nas cabeceiras da súa grande amiga Gertrudis Gómez de Avellaneda: Ofrenda al Bazar (1854) e o quincenal Album de lo Bueno y lo Bello. (1860). Ademais, colaborará na Galicia. Revista Universal de este reino, a publicación coruñesa de Antonio de la Iglesia entre 1861 e 1865.

Os seus textos defenden a ilustración da muller, a igualdade intelectual co home, o coñecemento humanístico, a alta misión didáctica da escritora e a observancia dos valores morais e éticos do catolicismo nunha visión da escrita entendida como arte utilitaria ao servizo, particularmente, das lectoras.

En 1873, implantada en España a república, Felicia decide regresar a Europa. Vive primeiro en Milán e logo en París, onde residiría vinte anos. Regresa á Coruña en 1889, trasladou a súa residencia a Madrid en 1893 e alí morreu 4 anos despois.

Comparte esta biografía

Explorar máis

María Luz Morales
Pioneiras

María Luz Morales

María Luz Morales Godoy nace na Coruña en 1898,  xornalista, escritora, editora, tradutora  e crítica cinematográfica. Foi a primeira muller que dirixiu un xornal no

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies