Francisca González Garrido, coñecida como Fanny Garrido, nada na Coruña en 1846 e finada no pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros) en 1917.
Escritora e tradutora.
Adoptará tamén o pseudónimo de Eulalia de Lians cando se instale nese lugar co seu primeiro marido, o compositor Marcial del Adalid.
Colabora en El Correo de Madrid; na revista Galicia que dirixe Martínez Salazar. Nos seus artigos fala da problemática e das necesidades sociais e culturais da época. Da situación agrícola, as carencias de comunicación e a situación dos menores.
Sábese que compuxo media ducia de poemas en galego aos que puxo música o afamado compositor.
Aparecen recollidos na colectánea de Marcial del Adalid que publicou en 1985 Margarita Soto Viso.
Autora de tres novelas: Escaramuzas, 1985, de carácter autobiográfico, La madre de Paco Pardo, 1989, e Batallas, que permanece inédita.
Tamén comezou unha novela por entregas na revista Galicia, que quedou inconclusa.
Verteu do alemán para castelán dúas obras, Caderno de viaxe de Heine e Viaxe a Italia de Goethe, que lle achegou un notábel prestixio entre os intelectuais, pois a autora, ademais de amosar os seus coñecementos do idioma é quen de superar atrancos métricos ou rítmicos das obras orixinais, grazas á súa condición de poeta.
Nomeada membro correspondente da Real Academia Galega en 1906.
Convén sinalar que as referencias que aparecen na prensa á súa persoa, a maioría das veces fano para salientar a súa notábel beleza, malia ser autora de poemas, novelas e primeira tradutora dunha obra de Goethe para o público hispano, nun momento que non había moitas mulleres traducindo.
Ese foi o comentario da prensa parisina cando acompañou a Marcial á representación da súa ópera Inés e Bianca.
Tamén conta a prensa que na visita á cidade da raíña Isabel II, esta fixo parar a súa carruaxe para coñecer a unha muller tan bela, e prometeulle que sería madriña da súa voda. E cando tal aconteceu, alí estivo Fanny Garrido para ser testemuña do evento.