AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Eugenia Osterberger

Eugenia Osterberger

Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard, coñecida como Eugenia Osterberger e como Mme. Saunier nace en Santiago de Compostela en 1852 e morre en Niza en 1932, foi unha compositora galega do romanticismo que contribuíu de maneira importante á creación dunha música galega culta de raíz popular.

Eugenia OsterbergerFilla dunha coruñesa e un gravador e litógrafo alsaciano, que se instalara na cidade da Coruña para traballar como prateiro, gravador e fotógrafo, foi educada nun ambiente cosmopolita e de sensibilidade artística, tivo acceso a unha formación intelectual e artística máis completa do que era habitual na educación das mulleres nesa época. Moi pronto amosou interese pola música, aprendendo dende nena a tocar o piano. Anos máis tarde, a preocupación por darlle unha educación máis ampla á súa filla levou a súa familia a mandala estudar á localidade francesa de Juilly nun pensionado de señoritas. Xa de volta a Compostela e nun intento de conseguir para ela certa autonomía económica, Eugenia Osterberger imparte clases de Francés como podemos ver en anuncios na prensa da época e moi probablemente tamén de música. Curso de francés para señoritas dirixido pola profesora Dª Eugenia Osterberger, titulada pola Academia de París. Dará pasantía diaria a prezos convencionais. Rúa Nova núm, 4.O (Diario de Santiago 7-11-1874, p. 3)

Anos despois do seu regreso de Francia, casa co enxeñeiro francés Francisco Saunier e en 1880, a parella trasladouse á cidade da Coruña, onde el será nomeado director da fábrica do gas. Sabemos que seguiu a dar clases de música porque a pianista recoñecida internacionalmente Pilar Castillo foi alumna súa.

Eugenia OsterbergerNa Coruña Eugenia Osterberger participa activamente na vida cultural e social da cidade, entra en contacto co grupo rexionalista da Cova Céltica e co círculo artístico e musical coruñés da época. As súas composicións fíxanse en dous repertorios: o de piano solista, con pezas líricas e bailes de salón, e as cancións ou melodías galegas para voz e piano. Integrouse na sociedade O Folk- Lore Gallego, que presidía Emilia Pardo Bazán, e que contaba con grandes personalidades da vida cultural coruñesa.

A Coruña da época tiña unha intensa actividade musical, Pascual Veiga fundara El Orfeón Coruñés, Marcial del Adalid volvera ao pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros) e na cidade tamén residían compositores como José Castro Chané, Francisco Pillado Villamil, ou Canuto Berea. Este ambiente supuxo un estímulo para Eugenia, que nunca deixou de dedicarse a tocar e a compoñer, aínda que naquela época o traballo de compoñer non parecía propio dunha muller. A súa obra, en boa parte moi descoñecida, foi publicada inicialmente pola editorial de Canuto Berea na Coruña, máis tarde tamén sería editada en París e Madrid. Debemos sinalar que Canuto Berea, a pesar de publicar a maior parte das cantigas para canto e piano de Montes, Chané, Baldomir, Lens e outros músicos galegos, non editou ningunha de Eugenia Osterberger, aínda que si as súas obras para piano.

As maiores investigadoras sobre a obra de Eugenia Osterberger, Beatriz López-Suevos Hernández e Mª Rosario Martínez Martínez, afirman que a produción da compositora debeu ser moi abundante aínda que actualmente coñecemos escasamente dúas ducias de partituras.

A Obra de Eugenia Osterberger

Eugenia OsterbergerCancións galegas: Trátase de cantigas de inspiración galega e sobre textos nesta lingua seguindo a liña que iniciara Marcial do Adalid nos seus Cantos Novos e Vellos de Galicia. Os temas na súa obra, como é o caso de Adeus, Galicia! Ausencia son a morriña e a saudade de quen está lonxe de Galiza, o soldado, o emigrante… Falas de nai, unha melodía galega sobre un poema do marqués de Figueroa.

Cantigas e Melodías Galegas: Baseadas en textos de carácter popular, extraídos do Cancioneiro Popular Gallego, de José Pérez Ballesteros (1886). Áchanse recollidas nun libro de música que contén un total de oito pezas de diverso carácter, aínda que Eugenia Osterberger establece dúas categorías: catro cantigas e catro melodías. A autora dedica a obra ao Centro Galego de Buenos Aires. Está impresa pola Litografía e Imprenta Roel, da Coruña, en 1907: Adeus, miña Manoeliña, cantiga amorosa; Almendriñas nas orellas, cantiga burlesca; Casadiña de tres días, cantiga de casamento; Mariquiña non fíesche, cantiga de consello; Agora que ven a leva, melodía triste; Non ch’ as quero, non ch’ as quero, melodía de desaire; Adeus, adeus, queridiña, melodía de despedida; e Arriba, pandeiro roto, melodía de menosprezo.

Para saber máis

Comparte esta biografía

Explorar máis

Pioneiras

Lolita Díaz Baliño

María Dolores Díaz Baliño (1905-1963), nace como a maioría das nosas artistas nun ambiente moi favorable á arte que lle permite ir dando pasos nela

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies