María Casares deixou escrito que a súa irmá foi o paradigma da persecución inxusta.
Esther Casares Quiroga nunca foi procesada, nin expedientada, nin se lle tomou declaración para un sumario…o único delito era ser filla de Santiago Casares Quiroga.
Nace en Madrid o 17 de xullo de 1910, froito da relación de Santiago coa dona da pensión onde se aloxaba mentres cursaba os seus estudos de Dereito.
Filla de solteiro, polo tanto, dun pai liberal, pouco importado coas convencións sociais da época, que se fai cargo dela e a trae para a Coruña ese mesmo ano, sendo coidada na primeira infancia por un matrimonio amigo, os seus padriños.
Formouse academicamente en Paris, onde acudiu ás clases do Lycée Victor-Duruy mentres residía en réxime de internado en Versailles.
Ao regresar de Francia, instálase na casa familiar de Panadeiras, 12, e residirá sempre coa familia, con moita complicidade coa súa madrasta, Gloria Pérez Corrales e con María, a súa media irmá (12 anos máis nova). A familia trasládase a Madrid, cando Casares é nomeado Ministro da Mariña, e alí casa o 3 de xullo de 1931 na igrexa do Mosteiro dos Xerónimos, co capitán de cabalaría Enrique Varela Castro, sendo Gloria a madriña da voda. O 1 de abril de 1932, nace a súa filla, Mª Esther Varela Casares, coñecida familiarmente por “Cuca”.
O golpe de estado colle a Esther, Cuca e Enrique veraneando no chalé familiar dos Varela en Bañobre. Enrique consegue fuxir nos primeiros días, pasando á zona republicana. Ela ten que se entregar o 2 de setembro do 36 á Garda Civil en Miño, e é enviada a Ferrol. Publícase unha nota oficial de prensa dicindo que será “liberada” cando o seu pai ou o seu marido se “presenten a recollela”. Posteriormente e, malia padecer de tuberculose crónica, Esther será enviada á prisión provincial da Coruña, onde permanecerá durante boa parte da guerra.
En agosto do 39 queda en liberdade vixiada, debendo acudir diariamente á Capitanía Xeneral, presentando unha especie de “diario” no que constase todo o que facía, a onde ía e con quen falaba…
Viviu coa súa filla dezaseis anos de arresto domiciliario, no número 16 da rúa da Franxa (casa dos avós paternos). Tiña a correspondencia controlada e sempre foi obxecto de seguimento policial. Viviron como dúas persoas apestadas. Ninguén as saudaba. Contaron unicamente coa colaboración dalgúns amigos do pai, entre eles, o doutor Enrique Hervada, que as atendeu sempre sen cobrar e lles facilitaba os medicamentos.
Non poderán saír do país até 1955, ano no que despois de reunirse con María en París, marcharían cara México onde se encontraba exiliado o seu marido.
Esther Casares Quiroga faleceu no exilio mexicano o 15 de xaneiro de 1969.
Para saber máis:
- Fernández Santander, Carlos (2000): Casares Quiroga, una pasión republicana, Ediciós do Castro.
- Lopo, María (2016): O tempo das mareas. María Casares e Galicia, Consello da Cultura Galega