Fitos relevantes na evolución das Escolas Públicas de nenas na Coruña
1822.- Créanse as primeiras escolas públicas de nenas na Coruña, unha, na Cidade Vella e outra, na Peixería.
1823.- Pecha a escola pública de nenas na Cidade Vella.
1845.- Abre unha nova escola pública gratuíta de nenas no barrio de Santa Lucía.
1857.- Prodúcese unha subida do salario do profesorado, aínda que o das mestras seguía sendo un terzo do dos mestres.
1864.- Reivindicación salarial das mestras Xosefa Otero, Xoana de San Xusto e Xenara da Igrexa que conseguen un aumento até cobrar 4400 reais anuais.
1880.- Hai catro escolas públicas de nenas: A do barrio da Peixería, nese momento no número 14 da rúa da Florida; a da rúa do Orzán; outra, na rúa Pastoriza e outra, en Garás (zona do ensanche).
1882.- Abren outras dúas escolas, unha, na rúa San Francisco e a de prácticas asociada á Escola Normal de mestras.
1883.- Equipárase o salario das mestras e dos mestres nas escolas da Coruña.
1890-1891.- Nas escolas públicas de nenas da rúa da Florida e do Orzán impartíronse aulas para mulleres.
Escola da Cidade Vella
O concello liberal da Coruña, en Novembro de 1821, decide crear tres escolas públicas de nenas, porén, as dificultades económicas fan que o 19 de marzo de 1822 só abran dúas. Unha delas estará na Cidade Vella, da que será titular Sabela López Santomé e na que traballará, como auxiliar, Camila Bances.
Coa chegada do absolutismo pechará esta escola da Cidade Vella despois dun par de anos de funcionamento.
Escola da rúa da Florida
É, xunto coa da Cidade Vella, unha das dúas escolas públicas de nenas creadas polo concello o 19 de marzo de 1822, da que será titular Ánxela Elvira e Xosefa Piñeiro, a auxiliar.
Despois do peche da escola da Cidade Vella, durante bastantes anos, será, a da Peixería, a única escola pública de nenas da Coruña, chegando a estar, nalgúns momentos, máis de 130 nenas matriculadas nela.
Cando se retira Ánxela Elvira, en 1828 substitúea provisionalmente Camila Bances.
Ese mesmo ano trasládase a escola ao número 14 da rúa da Florida, a unha vivenda cedida por Miguel de Aguerrebere. Posteriormente, por un cambio de numeración, pasa a ser o número 30. Estaría localizada onde actualmente se encontra a Praza do Humor.
A seguinte mestra será Xoana Moreira e, cando ela morre, en 1854, polo andazo de cólera, pasará a ser a nova mestra a súa filla María Xosefa Otero.
En 1864, Xosefa Otero xunto con Xoana de San Xusto, que traballaba na escola de Santa Lucía, e Xenara da Igrexa solicitan un aumento do soldo para equipararse cos seus colegas masculinos xa que, desenvolvían o mesmo traballo ca eles e, amais, tiñan que ensinar labores.
Xosefa Otero realiza varias solicitudes de mellora das instalacións e dos materiais da escola, pero as deficiencias eran tales que o 12 de setembro de 1896, debido ao seu mal estado, decídese o traslado ao número 27 da rúa Panadeiras.
Escola de Santa Lucía
Cando en 1845 o concello abre unha nova escola pública para nenas gratuíta na Coruña, no barrio de Santa Lucía, preséntanse para o posto varias mestras: Escolástica Vázquez, natural de Madrid; Josefa de Alza, natural de Bilbao, que tiña a idea de abrir un colexio privado en Galiza, pero, ao ver no Boletín Oficial da Provincia a nova de que se creaba esta escola dotada con 7 reais e casa propia, pide o posto.
Tamén solicitou a praza Carme Gutiérrez, profesora de instrución primaria e natural da Coruña, ao estar cualificada e desenvolver o cargo de mestra atendendo a unha alumna demente e orfa. Será Carme a que obteña o posto na escola en 1846 e impartirá aulas até o seu falecemento no 1862.
Tras a morte de Carme Gutiérrez, faise cargo da escola de Santa Lucía Xoana de San Xusto que exercerá tamén até o día do seu falecemento en febreiro de 1888.
A Comisión Local de instrución primaria propón como inspectora da escola pública elemental de nenas do concello da Coruña a Modesta Goicouría de Menéndez “en razón dos coñecementos que teñen dos labores do seu sexo e dos que naturalmente carecen os vogais desta Comisión” que eran varóns.
Escola da rúa Pastoriza
A mestra desta escola, en 1851, era Rosa Calatayud Pericás, e cando rematou o seu contrato continuou exercendo como mestra en diferentes cidades do Estado.
En abril de 1896, a mestra da escola era María Castro, que durante un tempo xa traballara como substituta de Rosa Calatayud.
Posteriormente foi mestra desta escola Xoana Arroyuelo e a súa filla, Clara Hernández Arroyuelo, exercía eventualmente como auxiliar particular xa que posuía os estudos de maxisterio no grao elemental e superior.
No mes de abril do ano 1911, co remate do curso preto, Xoana falece e a súa filla pide o nomeamento de mestra interina e, ao mesmo tempo, solicita, mentres non a nomeen, cubrir o posto da súa nai. O concello autorízaa a cubrir o posto de forma gratuíta para prexudicar o menos posible as nenas debido á proximidade dos exames, advertíndolle de que non poderá reclamar ningún tipo de retribución.
Aínda que en xuño recibe a felicitación polo seu labor desinteresado e polas boas notas das alumnas, un mes máis tarde nomearase como mestra interina a Xosefa Alcaide, cun haber anual de 1000 pts.
En marzo de 1912 ten que renunciar ao posto por motivos de saúde, cubríndoo interinamente Sofía Pérez, que permanecerá nel durante 17 meses.
Finalmente, María da Visitación Portas e Latorre é nomeada como mestra en propiedade da escola, cun haber anual de 2500 pts; cesando no seu posto en marzo de 1915 por un posto de traballo mellor.
Escola Normal de mestras
A primeira Escola Normal de Mestras créase en Ourense e posteriormente iranse abrindo en Lugo, Pontevedra, Santiago e A Coruña.
A Escola Normal recibe ese nome por se encargar de establecer as normas de traballo nas escolas e de formar as mestras. Para este fin teñen anexa unha escola de nenas onde realizar as prácticas.
Xosefa del Río Boullón, mestra e licenciada en educación, será a rexente (directora) da Escola Normal coruñesa en 1872, impulsando así o ensino feminino. Catro anos despois, debido a unha enfermidade, terá que abandonar o posto, facéndose cargo da escola, nese momento, Antonia Font e Pérez, que cobraba unhas 3000 pesetas.
Baixo a súa rexencia, en 1878, a Escola Normal coruñesa será recoñecida como Escola Superior, a primeira en conseguir esta categoría.
En 1886, a Escola cambia a súa localización, pasando da rúa da Sinagoga á praza de María Pita, ampliando o seu espazo e mellorando notablemente os seus materiais.
Escola da Guarda
Xa durante o século XX, a Escola da Guarda será unha das máis relevantes de Galiza e a súa historia estará marcada polas malas condicións económicas do profesorado feminino, o que levou a un constante ir e vir de mestras dende que collera por primeira vez a praza Dosinda Corona Vázquez Gómez, o 1 de decembro de 1923.
Nos anos seguintes cóbrese, durante breves períodos de tempo e de xeito interino, por diferentes mestras, como Pilar Pazos Sanmartín e Petra Branco Rivas, que comezaron a traballar o 30 de agosto de 1924. A primeira abandonou o seu posto o 4 de marzo de 1925, sendo substituída por María Luisa Vázquez Candal, que, á súa vez, cesou o 21 de decembro de 1925. Petra traballaría até o 7 de agosto de 1925, sendo substituída por Carmen Mariño Varela.
Aínda que, pasando os anos, as condicións económicas foron mellorando, a interinidade segue moi presente e as mestras cambian cada pouco tempo de destino. Van pasando polo centro María Luisa Taboada Villeroux, en 1925; María Peña Paz, en 1926, ou Carmen Ferreiro Vázquez, no mesmo ano. Tamén foron mestras da escola Elvira Díaz Sánchez e María de la Soledad Naveira Araújo.
A falta de mestras leva á directora da escola, María Barbeito, a organizar unha xornada de portas abertas, a partir da cal se incorporan Dorotea Luz Vilela, Julia Verdejo Garciarena, María Rita Couceiro Vázquez e María Luísa Taboada.
(Artigo feito polo alumnado do ciclo superior de Educación Infantil do CIFP Ánxel Casal)