Contan que un día, paseando, Emilia Pardo Bazán bateu co seu bastón no chan e afirmou: “aquí, nacín eu”. Hoxe, ese punto exacto, onde estaba o predio dunha casa, daquela derrubada, ábrese a denominada como Rúa da Fama, que comunica o comezo do ismo da cidade co mar. Por ironías do destino, moitas das facetas de Emilia Pardo Bazán foron esquecidas durante moitos anos, como a súa casa natal, e mesmo silenciadas. Durante moito tempo, Dona Emilia foi apenas autora de Los pazos de Ulloa –aquela novela que falaba sobre o derrube da súa clase social; a fidalguía– e cun talento que os homes de letras da época consideraban inusual e impropio do xénero feminino, un verdadeiro erro da natureza.

Dona Emilia naceu en 1851, aprendeu a ler moi pronto –como ela mesma conta– e estivera uns poucos anos nun selecto colexio de señoritas en Madrid. Pero a sociedade da época non contemplaba que as mulleres seguiran estudando. Así que casou moi nova e tivo fillos. Porén, nunca se conformou a ser relegada ao papel de anxo do fogar, destinada á casa, á familia e a un reducido círculo social. Seguiu estudando de maneira autodidacta, separouse do seu marido, conseguiu un permiso del para escribir e ser dona das súas transaccións económicas, marchou a vivir a Madrid, viaxou soa por Europa, frecuentou a intelectuais de renome, escribiu decenas de novelas, centos de contos e cerca de dous mil artigos periodísticos. Ademais fundou e dirixiu dúas revistas, foi autora teatral e converteuse na primeira catedrática do estado español e na primeira correspondente xornalística.

Ao mesmo tempo, conseguiu derrubar algúns muros que impedían o acceso das mulleres ao espazo público: investigou nas grandes bibliotecas nacionais, deu conferencias no Ateneo de Madrid e impartiu clases na universidade. E en todas as facetas do seu traballo visibilizou os problemas femininos e as inxustizas ás que se enfrontaban as mulleres. Así, en ensaios e conferencias, esixiu o acceso das súas conxéneres á educación e, dende as tribunas públicas da literatura e da prensa, alertou publicamente sobre a violencia de xénero e os asasinatos femininos (que denominou moi acertadamente “mujericidios”). Así mesmo, puxo de relevo as escritoras que a precederon como María de Zayas, Concepción Arenal ou Gertrudis Gómez de Avellaneda e, sempre preocupada pola formación feminina, publicou e auspiciou durante case vinte anos a “Biblioteca de la Mujer”, colección na que reeditou os escritos de ilustres mulleres e que contribuíu a permeabilizar os discursos feministas europeos nas nosas fronteiras.
Tivo que loitar sempre contra a misoxinia e o paternalismo dos seus compañeiros de letras e a defensa dos seus ideais levantou mareas de críticas. Tras a súa morte e pouco a pouco, a súa figura, complexa e poliédrica, foise domesticando até quedar reducida á unha escritora finisecular, conservadora e católica. Porén tiveron que pasar moitos anos para que o seu pensamento feminista e loitador se abrise, como a rúa de nacemento o fai cara o mar e se recolocase, tamén, no mapa da fama.
Pódense ler moitas das súas obras a través da súa páxina na Biblioteca Virtual Cervantes.
Tamén pode visitarse, na cidade da Coruña, a súa vivenda familiar, hoxe convertida en casa-museo, na sede da Real Academia Galega. A súa biblioteca e o seu arquivo persoal forman parte dos fondos desta institución.
Así mesmo, dende o ano 2003, publicase anualmente La Tribuna. Estudos da casa– museo Emilia Pardo Bazán, centrada na investigación da súa vida e a súa obra.