A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Elvira Bao

Elvira Bao

Elvira Bao Maceiras, nada na Coruña en 1890 e finada na mesma cidade o 26 de abril de 1971 foi unha mestra galega, militante do nacionalismo.

Familia Bao Varela
Familia Bao Varela

Con dezaseis anos obtivo o título de Mestra Elemental na Escola Normal da Coruña, desexosa de ir á universidade logra o apoio da súa familia para trasladarse a Madrid estudar pedagoxía, mais ao saber seus pais que na casa duns coñecidos, onde ela ía vivir, había tamén un mozo da súa idade, fai que eles lle neguen o seu permiso para ir á universidade. Desenvolveu a súa actividade docente na Escola de Redes e nas Colonias Escolares do Sanatorio Marítimo de Oza desde 1920 até 1936, ano en que foi nomeada directora. No ámbito político, foi unha activa militante do galeguismo e do republicanismo. Militou nas Irmandades da Fala da Coruña, sendo Secretaria da súa Xunta Directiva en 1918 e colaborou tamén no seu Cadro de Declamación como actriz. Cando no ano 1923 as Irmandades da Fala deciden crear as Escolas de Insiño Galego pénsase en Ánxel Casal para a escola de nenos e Elvira Bao para a escola de nenas, mais segundo conta Elvira Varela Bao sería a enfermidade da nai de Elvira e a necesidade da súa atención a que impiden abrir esta sección da escola. Elvira BaoElvira Bao foi membro da Agrupación Republicana Femenina da Coruña desde a súa constitución en 1933 e foi presidenta da primeira Xunta Directiva, integrada por outras destacadas republicanas como Amparo López Jean. O seu nome é recollido no semanario A Nosa Terra como intervinte en mitins do Partido Galeguista. Xunto ao seu home Bernardino Varela Docampo editaron o primeiro libro de Contos pra nenos, cun texto de autoría de Vicente Risco e ilustracións de Álvaro Cebreiro.

Como consecuencia do seu activismo político, logo do golpe de estado de 1936, pasou uns meses no cárcere e foi separada definitivamente do ensino público. En 1945 puxo escola privada na súa casa do barrio coruñés de San Roque de Fóra até que os seus problemas de vista lle impediron o exercicio da profesión.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Amparo López Jean
Represaliadas

Amparo López Jean

Rita Amparo López Jean nace en Vilaboa (Culleredo) en 1885. Logo de cursar o bacharelato, estuda maxisterio na Escola Normal. Asistiu a aulas de canto

Ler máis »
Isabel San José
Traballadoras

Isabel San José

A tenda de Isa non tiña rótulo, non tiña 3×2, nin folleto publicitario. Tiña unha conta física e outra virtual. Na física, aquela libretiña, ía

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies