A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Elisa e Marcela

Elisa e Marcela

Elisa Sánchez Loriga (A Coruña, 1862) e Marcela Gracia Ibeas (Burgos, 1867) coñecéronse a mediados da década de 1880 na cidade da Coruña, concretamente na Escola de Maxisterio —Escola Normal en terminoloxía da época—, situada na Praza de María Pita. Concluídos os estudos, exerceron a profesión nos concellos de Coristanco, Vimianzo e Dumbría desde 1888 a 1901. Elisa traballou como mestra de forma esporádica, polo que puideron vivir xuntas durante a maior parte destes anos. Marcela ocupábase da escola e a súa amiga dos labores da casa.

Na primavera de 1901 teceron un plan: Elisa transformaríase en home para poder así casar con Marcela. O proxecto tivo éxito: o 8 de xuño dese mesmo ano, ás sete e media da mañá, casaron na coruñesa igrexa de San Xurxo Mario Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas. Unhas horas máis tarde fixeron un retrato no obradoiro de José Sellier. Nin elas nin el sospeitaron o inusitado éxito que tal retrato estaba chamado a ter.

Elisa e MarcelaAnimadas polo éxito do seu arriscado proxecto, tiveron a ousadía de retornar a Dumbría, onde os veciños identificaron a Mario como Elisa —de feito, xa a identificaron en Vimianzo, cando a dilixencia que as conducía parou nesta vila—. A prensa converteu o matrimonio entre dúas mulleres nun «matrimonio sen home» e as autoridades relixiosas, académicas, xudiciais e policiais iniciaron a súa persecución, polo que se viron obrigadas a fuxir.

Fixérono en dirección a Porto, onde viviron como marido e muller até 16 de agosto, data en que a policía portuguesa as detivo a petición das autoridades españolas. A noticia suscitou un enorme interese, e foron moitas as persoas que se solidarizaron coas «dúas españolas matrimoniadas». Unha vez liberadas, continuaron vivindo xuntas nesta cidade, agora xa como dúas mulleres. A noite de Reis de 1901 Marcela deu a luz unha nena que recibiu o nome de Enriqueta.

España solicitou a súa extradición e Portugal concedeuna, polo que tiveron que fuxir de novo. O seu seguinte destino foi a cidade de Bos Aires, onde traballaron no servizo doméstico, que era a ocupación máis común entre as emigrantes galegas. En 1903 Elisa casou na capital arxentina co dinamarqués Christian Jensen, mais o matrimonio non foi feliz, entre outras razóns por se negar Elisa a ter relacións sexuais co seu marido. De modo que este decidiu denunciala, cuestionando mesmo a súa condición feminina. O xuíz arxentino que se ocupou do caso encomendou a tres médicos o recoñecemento de María —así se facía chamar Elisa na Arxentina—, e os tres certificaron a súa feminidade.

A partir dese momento escasean os datos sobre a vida destas dúas mulleres, que se converteron nun dos símbolos do amor sen fronteiras. Eduardo Galeano ocupouse delas cando se aprobou na Arxentina a lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo: «Fue una derrota de la hipocresía dominante, que invita a vivir obedeciendo y a morir mintiendo, y fue una derrota de la Santa Inquisición, que cambia de nombre pero siempre tiene leña para la hoguera».

Para saber máis: Elisa e Marcela na prensa da época.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Andrea López Chao
Pioneiras

Andrea López Chao

Andrea López Chao nace en Mondoñedo en 1874. Foi pedagoga, directora do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana e primeira Vicepresidenta da Sociedade

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies