A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Concepción González Varela

Concepción González Varela

Concepción González Varela é un dos referentes máis nidios daquela xeración de galegas que, a finais do século XIX e primeiras décadas do XX, baixo unha delicada sensibilidade, asumiron os valores da nosa cultura, nomeadamente a música, a poesía e, mesmo, a reivindicación patriótica, coma vieiro de presenza activa e de culto ás virtudes propias que agromaban publicamente no tempo do “rexurdimento” nacional a manifestáranse nas artes, na escrita e tamén no principio político que habería afluír no movemento das Irmandades e nos ilustres anceios dun pródromo soberanismo na década dos anos trinta.

Nacera na Coruña o 22 de setembro de 1874, sendo os seus pais Patrocinio Varela e Secundino Gonzalez Valdés de quen se di que, comerciante en Cuba, nas súas frecuentes viaxes a Galiza por motivos de traballo, era facultado polos galegos emigrados para achegar os diñeiros recadados, entre eles, para o sostemento de Rosalía, coñecedores das dificultades económicas polas que estaba a pasar.

Recepción de Castelao na RAG. Só dúas mulleres: Concepción González Varela e Celia Brañas
Recepción de Castelao na RAG. Só dúas mulleres: Concepción González Varela e Celia Brañas

Tivo a súa primeira aproximación ó mundo da música da man do gran mestre coruñés Canuto Berea de quen recibiu a preparación adecuada para o seu ingreso na Escola Nacional de Música e Declamación de Madrid na que acadou os primeiros premios en piano e harmonía e notas de sobresaínte en case todas as materias, conseguindo, máis tarde, en 1899, por oposición, a cátedra de Música e Canto na Escola Normal da Coruña, onde desenvolveu a súa traxectoria profesional durante catro décadas adquirindo, desde este posto de traballo, un grande recoñecemento e a ponderación unánime do seu labor tanto docente coma persoal e de estudo da música galega e divulgación da mesma. Múltiples concertos no teatro Principal coruñés, en Santiago e en diversos locais, como o Círculo de Artesáns, da que foi nomeada Socio de Mérito precisamente polo seu dispor desinteresado a dar recitais naquela sociedade, que era entón, centro da vida culta, artística e política da Coruña e veladas no seu propio domicilio, executando a esencia musical de Galiza, coa asistencia do grande número de amigos con que contaba a familia, entre eles o sempre relembrado Alfonso R. Castelao, adoitado visitante do seu fogar e entrañable compañeiro de angueiras e traballo político do seu home, o poeta, dramaturgo e divulgador insigne do idioma, Manuel Lugris Freire con quen casara en 1902 e co que formou unha ampla familia de cinco fillos máis outra da primeira muller, entre eles o gran pintor Urbano Lugris. Así pois a atmosfera do fogar era unha constante predisposición para calquera mostra literaria, musical e artística, da que Pura, que era o seu hipocorístico familiar, non fose a lideresa fecunda e grata para todos os que escoitaban as súas interpretacións no seu harmonio que en tempos fora de Pascual Veiga e no que se compuxeran as primeiras notas do noso himno nacional. Por certo, harmonio que pasou logo á igrexa da Colexiata de Santa María do Campo na Cidade Vella e que contaba, en certos días de festa maior, coas mans finas e sensibles, de Concepción como meirande honra daquelas solemnes ocasións.

Pero non só a música foi obxecto do seu amor á Terra e á cultura. Viña de vea familiar xa este ambiente, da man do seu irmán Urbano González Varela, prematuramente desaparecido; magnífico pintor, redactor artístico de “La Voz de Galicia” e profesor de debuxo na Escola de Artes e Oficios da Coruña, que tivera unha ampla formación en Nova York e noutras cidades europeas, e que promovera a fundación da Asociación da Prensa da Coruña da que sería o seu primeiro presidente. Así tamén, Concepción, foi nomeada en 1.907 membro correspondente da Academia Galega, feito case insólito naquel tempo. E tamén habemos salientar o seu devoto aloumiño e afago pola cultura portuguesa en todas as ordes. Casada súa filla Pura no país luso, viaxara en diversas ocasións ó norte do país, onde a visitaba no seu veraneo na localidade de Caminha. Alí trabou certa amizade con intelectuais de Portugal, nomeadamente con Teixeira de Pascoaes e con outros integrantes do Instituto do Minho, entidade que trataba, entre outros obxectivos, dunha aproximación a Galiza e a súa cultura,

En numerosas ocasións acompañou o seu marido, tanto no seu cargo de presidente da Academia Galega, na inauguración do monumento a Curros, no xardín de Méndez Núñez xunto co presidente da República Alcalá Zamora e o alcalde coruñés Suárez Ferrín, así como na votación do Estatuto de Autonomía, días antes do estalido da guerra civil en xullo de 1936. Acontecemento que sumiu a familia na máis fonda depresión e na meirande tristeza e desasosego que levara ó seu home a pedirlle que non tocara ó piano a “Negra Sombra” o que o afundía, aínda máis, na infelicidade e no abatemento. Xa que logo, con dous fillos en distintos bandos, Urbano recrutado no exército sublevado e Secundino, que traballaba en Madrid, incorporado ás fileiras republicanas. A enfermidade do marido, a incerteza polas posibles represalias, os problemas de supervivencia económica, etc. Alí na rúa de San Andrés, consumía o tempo afastada de todos: familia, amigos, aquela Coruña culta e ilustrada, agora que estaba ocluída pola barbarie e polo medo. Só a visita de D. Ramón Otero Pedrayo, días antes do falecemento de Manuel, levara un bafo de aire fresco a aquel cavorco de coita, mágoa e inmensa tristura.

Pura faleceu o 30 de xaneiro de 1958, conservando até o derradeiro día o seu perfecto acento nas melodías da Nosa Terra que decote levou sempre gravadas no seu doce corazón coruñés co que cativar todas as simpatías e todos os afectos.

(Este texto foi escrito polo seu neto Manuel Lugrís)

Comparte esta biografía

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

Explorar máis

Irene González Basanta
Pioneiras

Irene a porteira

Irene González Basanta aparece como a primeira muller que xoga ao fútbol nos anos vinte do pasado século, participando con grupos modestos no campo da

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies