AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Concepción Arenal

Concepción Arenal

María Concepción Jesusa Petra Vicenta Arenal Ponte nace en Ferrol en 1820, filla dun militar liberal morto prematuramente a causa das súas estadías en prisión. Trasládase, coa nai e as irmás a Armaño (Cantabria), na casa da avoa paterna que conta cunha biblioteca que devorará. En 1834 está en Madrid estudando nun colexio para “señoritas”. Sete anos despois entrou como ouvinte nas clases de Dereito, vestida con roupas masculinas e , así vestida, participou en tertulias literarias e políticas.

En 1848 casou con Fernando García Carrasco; a parella compartiu inquedanzas e traballo intelectual, tiveron 3 fillos. Quedou viúva aos trinta e sete anos, cunha saúde delicada e o pesar pola morte prematura de dous dos fillos.

Foi nomeada “visitadora de prisións de mulleres” en 1863, é a primeira muller en ocupar este posto. Traslada a súa residencia á Coruña e en tres meses visitou todos os cárceres. Trabou unha grande amizade con Juana de Vega. Asistía á tertulia que organizaba a condesa na súa casa da rúa Real e as dúas promoveron unha asociación para visitar as mulleres presas chamada das “Magdalenas”. Concepción Arenal escribía cartas dirixidas ás reclusas nas que explicaba o contido do Código penal e comentaba algúns artigos, especialmente os que facían referencia a delitos cometidos por mulleres. Juana de Vega era a que se encargaba de lerlles esas cartas ás presas.

En 1865 renuncia ao cargo.

De 1868 a1873 foi Inspectora de Casas de Corrección de Mulleres. Organizou en España a Cruz Vermella para os feridos das guerras carlistas.

Concepción Arenal non deixou de escribir, estudar e revisar as súas propias obras e ideas, até a fin da súa vida. Boa proba diso constitúea a súa ampla bibliografía, recompilada en 23 volumes, que se agrupa, fundamentalmente, ao redor de tres grandes temas: as denominadas “cuestión social”, “penitenciaria” e “feminina”. A súa obra tivo repercusión internacional.

Un dos seus libros: La Beneficiencia, la Filantropía y la Caridad (1861) foi premiado pola Real Academia de Ciencias Morales y Políticas, o primeiro premio que recibe unha muller concedido por una Academia.

Tanto a súa vida como a súa obra estiveron sempre próximas ao ideario liberal e krausista, de aí a súa máxima: “odia o delito, compadece o delincuente”.

Falece en Vigo en 1893.

En 1916 o Círculo de Artesáns promove a escultura a ela dedicada nos xardíns de Méndez Núñez, na que a aguia (a intelixencia) vence a serpe (a incultura).

Comparte esta biografía

Explorar máis

Mercedes Núñez
Represaliadas

Mercedes Núñez

Mercedes Núñez, nacida en  Barcelona,  filla dun xoieiro bergondés e unha catalá pertencía á burguesía comercial da cidade e veraneaba na casa paterna de Bergondo.

Ler máis »
Fábrica de mistos
Colectivos

Misteiras

As traballadoras das fábricas de mistos na Coruña foron un colectivo con moita presenza na cidade e tamén un dos de maior conflitividade laboral debido

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies