A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Clara Corral Aller

Clara Corral Aller

Clara Corral nace en Ourense en 1847, no seo dunha familia acomodada e con gostos artísticos. O seu avó compuña cantos de Nadal e o seu pai, Dimas Corral Rebellón , médico e autor dalgún volume poético. As súas irmás, Rita e Consuelo tamén cultivaron a poesía, aínda que da segunda non conservamos ningún texto.

En 1852 trasládase coa familia a Lugo. Segundo a prensa da época, aí tivo lugar un encontro coa súa admirada Rosalía, á que lle le un dos seus poemas.

Di a prensa que, debido á súa beleza, tivo moitos pretendentes, mais que decidiu permanecer solteira para se dedicar á literatura.

O primeiro texto publicado atopámolo no Almanaque de Soto Freire en 1866, titulado Á una flor, un poema costumista, cando contaba con 19 anos.

En 1868 instálase en Compostela coas súas irmás e publica diversas composicións , tanto no Diario de Santiago como en La revista Compostelana, amosándose unha notábel versificadora, ensaiando, mesmo, novos metros.

En 1879 aparece colaborando en La Ilustración Gallega y Asturiana, con tres poemas en galego, converténdose así na segunda muller en dar ao prelo obra na nosa lingua durante o século XIX . Trátase de tres poemas titulados: O ben na terra, O día de San Antón, ambos amorosos, e Lonxe vai miña alegría, de temática elexíaca. Estes poemas foron reproducidos tamén noutras publicacións, como O Tío Marcos da Portela.

En 1884 trasládase á Coruña co seu irmán Dimas e a súa cuñada, residindo no número 9 de Rego de Auga, para se trasladar máis tarde, ela soa, ao 22 da praza de María Pita que se converterá na súa última morada.

En l891 publica o seu único libro, A Herminia, adicado á morte da súa sobriña, filla da súa irmá Rita. Trátase dun poemario laudatorio e elexíaco.

Foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega en 1906.

Morre en 1908 e repousa no cemiterio de Santo Amaro.

En 1980 o seu parente Dimas Romero Vázquez publica un libro no que recolle moita da súa poesía titulado Poesías en gallego y castellano (1847-1908).

Toda esta obra fai que fose merecedora de cualificacións como as de ser unha das mellores poetas galegas, segundo a afirmación de Carvallho Calero.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Mercedes Romero Abella
Represaliadas

Mercedes Romero Abella

Mercedes Romero Abella nace en Cee (A Coruña) en 1907, con quince anos trasladouse á Coruña porque quería ser mestra. Estudará na Escola Normal nun

Ler máis »
Emilia Pardo Bazán
Pioneiras

Emilia Pardo Bazán

Contan que un día, paseando, Emilia Pardo Bazán bateu co seu bastón no chan e afirmou: “aquí, nacín eu”. Hoxe, ese punto exacto, onde estaba

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies