Celia Rivas, foi a primeira muller camioneira no estado español, cofundadora xunto ás súas irmás da empresa Fillos de Joaquín Rivas.
Nada en 1912 en Fisterra, con apenas 19 anos chega á Coruña para sacar o permiso para conducir camións. Convértese así na primeira muller camioneira do Estado e funda a empresa Hijos de Joaquín Rivas dedicada ao transporte de peixe e marisco.
O pai de Celia, sendo emigrante en Estados Unidos aprendera o oficio de mecánico e con el aprende Celia a conducir e a amañar coches. O primeiro camión que conduciu, un 25 de abril de 1932, foi un Chevrolet de catro toneladas e transportaba peixe á Coruña e Vigo. Pouco tempo despois morre o seu pai e nin Celia nin súas irmás poden legalmente facerse cargo do negocio familiar e terán que agocharse baixo o nome de “Hijos de Joaquín Rivas” e coa titularidade da súa nai, pois o súa condición de mulleres, e menores de vinte e tres anos, impedíalles que estivese ao seu nome. En 1936 xa poden mercan un autobús Ford, de 50 asentos, para realizar transporte de viaxeiros, mais aos 15 días prodúcese o golpe de estado e o autobús foi incautado para o transporte de soldados. Para non perder o seu vehículo Celia ofrécese voluntaria para transportar os soldados e asígnallese a fronte de Mérida. Este traballo feito á forza, ou cando menos para evitar un mal maior, convértea, moi probablemente na primeira muller europea que participou nun conflito bélico como transportista.
Cóntase tamén que Celia e as súas irmás, xunto a outra veciñanza, axudaron a tripulación dun avión estadounidense que foi abatido polas forzas alemás na praia de Langosteira e por iso en setembro de 1943, o vicecónsul dos Estados Unidos de América en Vigo, Leon L. Cowles, envioulles unha carta na que manifestaba “o agradecemento sincero polas cariñosas, humanitarias e desinteresadas atencións tidas por vostedes cos membros da tripulación”
Podedes ler a publicación realizada por familiares da vida de Celia Rivas:
Díaz Rivas, Lilí; Trillo, Benjamín. “Celia Rivas Casais – Pioneiras da Costa da Morte”. Servizo Galego de Igualdade (SGI). Secretaría Xeral da Igualdade. Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Xunta de Galicia.