A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Celia Brañas

Celia Brañas

Celia Clara Daniela Bernardina (A Coruña, 1880-1948). Pioneira na incorporación da muller á cultura científica.

Realizou estudos na Escola Normal para acadar o título de mestra elemental e superior e, despois, cursou o Bacharelato. Posteriormente superou algunha materia na Escola Superior de Comercio e dirixiu unha instancia ao Reitor da  Universidade de Santiago de Compostela para poder examinarse dos estudos “feitos privadamente” de Mineraloxía e Botánica, Zooloxía e Física e Química, ou sexa, do curso preparatorio da Facultade de Ciencias. Até 1910 a entrada da muller na Universidade precisaba de permisos especiais.

En 1908 iniciou o seu labor docente na Escola Normal coruñesa e en 1911 aprobou a oposición de profesora numeraria de Ciencias e encargouse da docencia de Física, Química e Historia Natural. Ocupou a dirección da Normal en diversas etapas e xubilouse en 1946.

Avogou sempre por un ensino activo no que a teoría fose acompañada da demostración experimental. Tamén era partidaria de tomar en consideración o sentido aplicado das Ciencias e por iso propuña levar ao alumnado de visita a fábricas e talleres,  así como defendeu o gran valor pedagóxico dos  paseos e excursións, para o mellor coñecemento da Historia Natural.

Celia BrañasDesenvolveu tamén un gran papel como divulgadora. Así en 1908 pronunciou unha conferencia no Círculo de Artesáns sobre “Reaccións Químicas” o que lle valeu o nomeamento de Socia de Honra.

No verán de 1919 o Instituto de Estudios Gallegos organizou na Coruña o seu Primeiro Congreso. Celia presentou unha memoria na que defendeu a importancia que para a rexión galega tería a creación dunha estación de bioloxía mariña na Coruña e os medios prácticos para establecela, e foi  clave para que no ano seguinte, 1920 ela mesma solicitase ao Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid a organización  dun curso de Bioloxía Mariña, no que participou,  evento que estivo relacionado coa posterior creación da Estación desa especialidade en Marín (1932).

Tamén se amosou partidaria de que nas escolas de Maxisterio se impartisen cursos de cultura xeral para mulleres. E desde 1912 foi precursora no labor de extensión universitaria nesas escolas, pronunciando conferencias sobre temas como “Electricidade estática”, con prácticas, “Filosofía da Historia”, “Progresos e aplicacións da fotografía”, “Educación e instrución da muller”.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Plano da Coruña no tempo de Teresa Herrera
Pioneiras

Teresa Herrera

Teresa Margarita Herrera y Pedrosa, nada na rúa da cordonería, o 10 de novembro de 1712 e finada  o 22 de outubro de 1791, foi

Ler máis »
Juana Capdevielle
Represaliadas

Juana Capdevielle

No lugar onde medran as silveiras e discorre a auga pola estrada houbo antes un suco de sangue inzando de nomes as cunetas: A cuneta

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies