Carmen Muñoz Manzano naceu en Malpartida de Plasencia (Cáceres) no 1906 e finou na A Coruña no 2002.
Estuda Maxisterio en Salamanca e Madrid e aos 28 anos é Inspectora de Ensino Primario, con destino en Cáceres. Aí recibe e acompaña, en abril de 1934 as Misión Pedagóxicas a cuxa fronte vai un home de 32 anos, Rafael Dieste, un escritor de Rianxo, co que casará no mes de setembro declarando: “é tan forte a nosa vontade de unirnos para sempre que buscamos “a cadea” seguros de gañar liberdade en lugar de perdela”.
Pide excedencia do seu posto de traballo para iniciaren unha viaxe de estudos por Europa, incorpórandose de novo, á volta, ao traballo das Misións Pedagóxicas até que o golpe de estado os obriga a traballaren noutros mesteres propagandísticos, como na Alianza de Intelectuales Antifascistas para la Defensa de la Cultura, ou en Nova Galiza (revista quincenal dos Escritores Galegos Antifeixistas).
En febreiro de 1939 inician o camiño do exilio que os levará a París, Bos Aires, Cambridge e Monterrey.
En Bos Aires, traballa na Editorial Atlántida, facendo revisións e asesoría, publicando diferentes textos baixo o pseudónimo de Beatriz Galindo. De 1953 a 1955 están en México, no Instituto Tecnolóxico de Monterrey, no que se reencontrará na aulas coa súa vocación pedagóxica.
Tras o regreso a Bos Aires, compaxina o traballo na editorial para a que fará traducións do inglés e do portugués, co de profesora de Lectura e Dicción e de Formación Estético-Literaria. Deixounos o testemuño da vida no exilio: “tocounos unha vida dura, desprazados do noso centro natural de actuación e de resonancia. Pero non nos deixamos vencer e seguimos adiante na nosa liña, sen deixar que as dificultades nos desvíen da ruta”.
En 1961 retornan ao país e pide o reingreso no corpo de Inspectores que non lle será concedido até 1965, sendo destinada na provincia da Coruña, asignándolle a zona da Barbanza. Neste momento instálanse na cidade.
Comeza o seu labor sendo consciente da carga burocrática do presente, confrontándoa coa súa época, na que a atención se centraba fundamentalmente na parte pedagóxica. Mostrouse sempre preocupada polas consecuencias do proceso de Concentración Escolar e pola (falta de) atención á diversidade.
En 1976 xubílase e élle concedida a Orde Civil de Alfonso X O Sabio.
Carmen Muñoz Manzano foi arquiveira, copista, editora e albacea da obra e memoria de Rafael Dieste, mais non só. Esta muller culta e intelixente, seria e traballadora infatigábel foi memoria viva da época que lle tocou vivir.
Está enterrada en Rianxo, de onde era filla adoptiva e onde ela quería repousar.
Para saber máis:
Epistolario Carmen Muñoz Manzano. Biblioteca del exilio, edición de X. L. Axeitos e Charo Portela Yáñez, Ediciós do Castro, 2005.