Esquecinme de min. Con esta contundencia Mimina compila toda a invisibilidade á que se ven sometidas as mulleres da súa condición. Dobremente esvaecida, por muller e por artesá. Por ser filla de e casar con. Por posuír unha ollada moderna nun contexto que quere mirar cara a atrás.
Carmen Arias nace e crece na beira sur do golfo ártabro entre os veráns de Samoedo e os invernos nas coruñesas prazas de Pontevedra primeiro e María Pita despois.
A Guerra Civil e unha familia conservadora de raizame fidalga favorecen que a formación de Carmen se alonxe dos centros educativos para preferir unha selección de docentes en clases particulares. As clases de debuxo empezaran de maneira temperá, con tan só oito anos. O consello chegaralle á familia Arias de Castro da man dun bo amigo músico, un violinista: Germán, irmán dos Díaz Baliño. A mestra pintora ía ser Lolita Díaz Baliño, quen precisamente con Mimina comeza a súa pupilaxe individualizada no que será o famoso obradoiro da Porta de Aires.
A relación destas dúas mulleres comeza cando Dolores é xa unha artista de certa sona e cando Carmen é tan só unha nena. Unha nena que vai medrando cada vez máis próxima á familia da súa mentora. En 1936 vive o drama do fusilamento dun irmán de Lolita –Camilo Díaz Baliño– e ve como o sobriño tan só un ano máis vello que a propia Mimina ten que vivir agochado nun faiado da praza Pontevedra. É Isaac Díaz Pardo, que nese momento ten uns dezaseis anos.
Malia as dificultades históricas que lles tocou vivir, estas dúas mulleres seguiron no profesional dando pasos xuntas. Rematada a guerra, Carmen entra como axudante de Dolores no Instituto da Garda e animadas polos requisitos da dirección do centro comezan ambas os estudos oficiais de Belas Artes en Madrid. O primeiro atranco para Carmen vén da familia de orixe ao non permitiren máis que traslados puntuais para examinarse por libre en San Fernando. O segundo atranco cando lle prohiben mesmo facer eses pequenos traslados tratando de impedir a incipiente relación con Isaac Díaz Pardo. Poucos anos despois e con tres fillos a cargo abandona definitivamente os estudos.
A nova vida desta parella vaise cosendo por renuncias. A renuncia de Mimina a rematar os seus estudos e a seguir coa súa actividade docente no instituto coruñés. A renuncia de Isaac no interese de estudar arquitectura. A renuncia a acomodarse no Madrid de posguerra. Semella que o estilo hierático e sobrio de Isaac gustaba na clase alta madrileña. Renuncian, segundo eles mesmos contaban cando asoma o encargo de decorar o Val dos Caídos.
Non sabemos moito do estilo de Mimina porque se funde en todos os proxectos colectivos dos que formou parte, pero podemos intuíla anovadora non só no artístico senón tamén no social. De volta de Madrid emprende un proxecto que vai ser vital e que derivará na máis ambiciosa e poliédrica empresa cultural da contemporaneidade galega. A modernidade está en dar un paso ao lado e atopar no feito do deseño artesanal un motor de desenvolvemento local. É un darlle valor ao contacto coa materia, ao tanxible, sen restarlle importancia ao intelectual e ao concepto estético. Este tira e afrouxa que nos leva asistindo ao longo de toda a historia da arte. Diatribas entre tecnoloxía e manualidade, como se aquí puideran ser disociadas.

Nun momento histórico no que a arte apostaba polos traballos mecanizables nos que o artista é un ideólogo e non tanto executor debeu ser unha decisión moi consciente deixar a pintura de cabalete e empapar a man na arxila. Foron na fura de diante xa que pouco despois a batalla facer/idear gánaa o feito procesual. O artífice xa non se quer separar da súa produción. Posminimalismo manda e nesas aínda seguimos agora, rompendo as barreiras entre arte e artesanía.
O primeiro lugar elixido han ser terreos de Alicio Arias no Castro de Samoedo. O material; os caolíns que dous séculos atrás abasteceran Sargadelos. O produto; pezas de cerámica acompañadas dunha pequena escola obradoiro. Un novo golpe; a venda masiva dos caolíns de Farouzo e as minas de arxila a intereses alemáns por parte do goberno de Franco. Estamos mediando a década dos cincuenta o goberno Perón cae en Arxentina e Isaac e Mimina deciden unirse á diáspora na procura dunha nova oportunidade e da intelectualidade galega exiliada anos atrás.
Na Magdalena a 100 km de Buenos Aires reacomodan a idea ensaiada nas Cerámicas do Castro. Son as porcelanas de Celtia. Unha fábrica baseada na premisa do desenvolvemento local por medio do artesán e do deseño. Mimina ocúpase de parte dos deseños. Veñen algúns deles inspirados a partir dunha idea brillante na filantropía. Un concurso de ideas xuvenil. Ancla o compromiso da comunidade, da ilusión do traballo sostible e de calidade tanto para quen fai ese traballo como para quen o consome.
Con toda esta experiencia acumulada volven para Galicia reflotar o que xa comezaran case vinte anos antes. Agora con novas adhesións a unha idea que axudou a esta esquina do Atlántico norte a saír dunha longa noite de pedra. O Laboratorio de Formas foi un camiño de volta no político, no cultural e no artístico. Un movemento de deseño do pobo e para o pobo como aquela Bauhaus da primeira modernidade.
Mimina tivo unha formación moi conservadora, propiciada polos seus pais e tamén polas súas mestras. O estilo artístico de quen fora a súa principal referencia Lola Díaz Baliño era un estilo que miraba cara a un pintar de aires románticos e decimonónicos, moi correcto no trazo e absolutamente figurativo. Carmen recolle todo ese saber facer de oficio e coas referencias aos azuis cobaltos do outrora exitoso Sargadelos clásico saca para adiante deseños vangardistas que interpretan e conseguen a esencia de motivos arraigados no máis profundo da arte galega.
Se cadra na dificultade de saber de que paleta vén a nivel individual cada debuxo de Samoedo–Sargadelos reside a súa maior grandeza. Cada artesán e cada artesá, cada estudante aportan nesta industria que desde o inicio está capitaneada non por dous homes senón por dúas parellas.
O labor de Mimina e de Maruxa Seoane queda asolagado pola cara máis visible de senllas carreiras exitosas que foron duais no artístico e colectivas no cultural. Pero, tanto quen as acompañou nas súas singraduras do século XX, como quen no XXI as investigan, empéñanse en redebuxalas loitando contra a teimuda tendencia á abstracción das súas figuras.