A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Cantar ás traballadoras

Canto ás traballadoras

Mercado de Santo Agostiño 1905Dentro das camadas sociais menos favorecidas, as mulleres foron as que desempeñaron a esencial centralidade no proceso de manutención e de xeración de lírica tradicional. Na literatura culta galego-portuguesa, española ou catalá, o protagonismo da muller non correu a mesma sorte e, salvando algúns casos de esporádicas irrupcións de voces femininas no discurso poético, os homes foron os responsábeis de xeraren e comporen poesía de autoría individual. Mais na literatura tradicional, a tal situación non se deu e, cando se produciu a eclosión cultural, literaria e política que significou o Rexurdimento, a relevancia da muller non pasou desapercibida aos protagonistas dese movemento de rexeneración nacional oitocentista: José Inzenga Castellanos, Augusto González Besada, Manuel Murguía, José Pérez Ballesteros (estes dous últimos inspirándose en Sarmiento) etc., puxeron de relevo o papel das galegas como principais intérpretes e transmisoras do canto e da poesía anónima.

Evidentemente, non houbo nin hai un único tipo de mulleres cando pensamos no protótipo das poetas e cantoras anónimas, mais deberon de existir tantos como situacións persoais e sociais caracterizaban os colectivos femininos populares: temos de contar con mulleres novas ou idosas, solteiras ou casadas, nais ou fillas, felices ou desaventuradas, resignadas ou combativas, respectadas ou criticadas socialmente, mellor localizadas ou peor situadas do punto de vista económico etc.

E todas esas tipoloxías mulleres tamén souberon cantar os traballos que socialmente lles era permitido desenvolveren. Na poesía tradicional da comarca da Coruña nos anos finais do século XIX aparecen citacións explícitas de determinadas profesións e labores en que a presenza da man de obra feminina era certamente importante: achamos, por tanto, referencias a amas de casa, cigarreiras, costureiras, padeiras, tendeiras etc. Naturalmente, a nómina de oficios non se esgota con estas dedicacións laborais, xa que aínda faltarían outros traballos en que as mulleres sobranceaban numericamente, tales como lavandeiras, mariscadoras, redeiras etc. De calquera modo, os seguintes cantares de orixe tradicional exemplifican de maneira ben explícita o protagonismo feminino, ao paso que tamén nos mostran, ás veces, a crítica cara a certas profesións se desempeñadas por mulleres.

A frábica é un cuartel,
as cigarreiras soldados,
as maestras os sarxentos,
as cuadrilleiras os cabos.

A señora ama de casa
tenvos a cor da cereixa;
ela, como é boa e honrada,
sen esmola non os deixa

Costureiriña bonita,
ó palacio non vaias coser;
no medio do corredor
logo che dan que facer.

Indo por Oseiro arriba
todos eran a mirar:
–Aquí non van costureiras
nin pano para cortar.

Non me podo despedir
desta Curuña famosa,
dunha nena cigarreira
da frábica da Pallosa.

O amor da costureira
é amor moi delicado,
que se ll’apertan o dedo
logo entend’aquel recado.

–Onde vas, Mariquiña?
–Qué ch’importa a ti, Xosé?
Vou á casa da tendeira
por catro cartos de té.

Panadeiriña daquesta ribeira,
de día moe, de noite peneira;
vállate Xuncras! O estilo da terra
de peneirar pola noite sen vela.

Señora ama de casa
do color acereixado,
déixeme entrar pola porta
que teño qu’ir ó tellado.

Fonte:
Sánchez Rei, Xosé Manuel (2018) [2017]: Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX. Santiago de Compostela: Laiovento.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies