Nun contexto de crises agrícolas periódicas de subsistencia no século XIX europeo hubo en Galicia nos meses de marzo e abril de 1847, case en exclusiva na costeira e na urbana, máis dunha ducia de protestas, con graves desordes públicas, varias persoas mortas, feridas e detidas. Os motíns estiveron ocasionados pola carestía e a exportación de gran, especialmente do millo. Foron iniciados e protagonizados por mulleres. Estas protestas, dentro dunha organización da economía do Antigo Réxime, son explicables, en parte, pola ausencia dun mercado integrado nunha sociedade tipicamente preindustrial. Tiveron un compoñente político na medida que se rexeitaba novo liberalismo económico que non melloraba a situación das clases urbanas en momentos de carestía. Fronte a isto, as autoridades trataron de garantir a orde pública, frear a exportación temporalmente, controlar os prezos, o libre comercio e a propiedade privada.
As malas colleitas de 1846, a alza dos prezos dos cereais, moi intensa entre xaneiro e maio nas costas españolas provocada pola exportación, especialmente a Gran Bretaña polas súas malas colleitas, dos mesmos así como polas prácticas de acaparamento e almacenaxe dos comerciantes que contribuían á especulación, permítenos explicar esas protestas sociais de 1847. Balbordos que en moitas ocasións estiveron protagonizadas por poboación feminina.
Mulleres que na prensa van recibir moitos cualificativos negativos: “chusma”, “asquerosas”, “o fermoso sexo”, “as máis feras”, “infelices”, “públicas”, “infelices aldeás”. Todos estes cualificativos sinalan ás mulleres como as protagonistas, como iniciadoras e como primeira liña de fronte destas protestas sociais.
A actuación gobernamental máis importante para evitar a carestía foi a prohibición de exportación de cereais pero esta medida non afectaba aos buques xa cargados ou que estiveran en porto a espera da carga. Mais non se evitaron as protestas en contra das exportacións e dos comerciantes, acusados de acaparadores e especuladores.
En Galicia, nos meses de marzo e abril de 1847, temos recollido a existencia de conflitos na Coruña, Baiona, Cambados, Carril, A Guarda, Lavadores, Marín, O Morrazo, Neda, Padrón, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Viveiro. Como se aprecia, case sempre na costa atlántica. O seguimento que se fai desde a prensa de Madrid é mostra da importancia destes motíns galegos e da transcendencia do que aconteceu en Galicia.

O primeiro caso que recolle a prensa polo miúdo foi en Baiona, cando El Español di que “Hai uns días comezou na vila de Baiona unha conmoción feminina opoñéndose ao embarque de millo”[1].
A cidade onde as protestas foron máis reitaradas no tempo foi Vigo, sendo os máis graves os do 11, 12 e 17 de marzo. O 11 o comerciante Francisco Tapias e o seu fillo Francisco, informaron ao alcalde, José Rodríguez, que
“…no Barrio do Arenal hai catro días que algúns grupos de mulleres e algúns homes atacan aviva forza os carros que do interior veñen cargados de millo e con navallas rachan os sacos derramando todo o gran, chegando hoxe ao atropelo ata roubar dous carros de millo… deixando a algúns carreteiros estragados á golpes e aínda un ferido”[2].
Así os días 11 e 12 de marzo unha multitude de mulleres proletarias[3], armadas de navallas e coitelos[4], e rapaces opuxéronse ao embarque do millo con berros e impedindo o seu amoreamento nos almacéns, especialmente no de Tapias[5]. Mentres outras mulleres “cargadas con feixes de leña dirixíanse aos almacéns de provisión, resoltas a incendialos”[6]. Romperon os sacos de millo que se atoparon nos carros, roubáronno e maltrataron aos carreteiros.
El Eco del Comercio afirma que as mulleres esnaquizaron os sacos que contiñan o froito co obxecto de levarlle ás súas familias o que precisaban para vivir. A pesares de que o alcalde ordenou abrir os almacéns, os grupos de mulleres, rapaces e homes vixiaron os camiños.
O pleno municipal dese 11 de marzo solicitou que o Gobernador Militar destinase máis patrullas aos barrios e tamén acordou informar ao Xefe Político da Provincia de todo o acontecido e das medidas tomadas[7].
As forzas da cabalería da Garda Civil e axentes da policía tiñan orde de pechar os almacéns
“que se improvisaron nos diversos camiños que conducen a esta cidade, e dispersar ao mesmo tempo a chusma de mulleres que por conta dos comisionistas asediaban os mesmos camiños, comprando canto gran se conducía para o abasto público, sinalando o seu prezo en doce reais ferrado de millo”[8].
As forzas da orde organizaron patrullas marítimas para frear os desordes que houbo na baía pois as lanchas que levaban o millo aos buques tamén foran atacadas. As forzas de cabalería patrullaban a cidade. A pesar de todo isto as mulleres dos balbordos non deixaron de reunirse. Ademais polo Morrazo tamén houbo disturbios nestes días.
O día 12 de marzo, o alcalde logo de informar ao Comandante Militar da Mariña, enviaba un oficio ao Xefe Superior Político da Provincia no que se dicía que “…continúan reuníndose grupos de mulleres ás inmediacións dos puntos de embarque, as cales de disolven ao ver a tropa pero volven poñerse en conmoción.”[9].
Tamén o día 12, no camiño a Redondela, un grupo de mulleres roubaron uns xamóns e os cartos que tiñan uns arrieiros, resultando un deles ferido. Algunhas desas mulleres foron detidas e pasaron a disposición do xuíz de primeira instancia. Igualmente se protestou en Cambados, Padrón e en Ponte Sampaio onde a Garda Civil conseguiu controlar a un grupo de mulleres.
En canto ás causas das protestas, segundo a prensa e ademais do roubo, o carlista La Esperanza di que esas mulleres “atacaban a todos cuantos van vender millo, pretestando estar caro e que querían deixarlles na miseria”[10].
Aínda en Vigo, o Concello comunica ao Xefe Político que o 14 de marzo “ao achegarse un bote á praia detrás do convento de San Francisco cun pouco de millo, reuníronse unhas cantas mulleres e tentaron abortalo, pero fíxose á mar e dirixiuse ao peirao onde desembarcou sen obstáculo algún”[11].
O Concello convocou unha xuntanza extraordinaria, o mesmo 17, a causa da exportación de cereais e “á consecuencia de terse observado que se empezan á formar grupos de mulleres e homes como consecuencia do embarque do millo”. O alcalde, José Rodríguez, propuxo “suspender o embarque do millo mentres se fai presente o Sr. Xefe Superior Político da Provincia”. Foi aprobado e ademais foi solicitado que os militares garantisen a orde pública.[12]

Os grupos de mulleres e homes que protestaban eran “mulleres asquerosas (que) berraban”[13], ademais dun cento de homes, maioritariamente mariñeiros, que protagonizarán un “motín das mulleres”[14]. Desde Guixar foron ata o centro da cidade sobre ás once da mañá, entrando en tumulto tras apedrar vivendas dos acaparadores do millo. Logo foron ata a Casa do Concello para esixir a prohibición do embarque do cereal, “porque a fame é un terrible aguillón”[15]. As forzas da orde a cabalo desfixeron a manifestación.
En Pontevedra, coincidindo co día de feira, o 15 de marzo as autoridades, prevendo posibles incidentes, determinaran que todo o gran fora levado á alfóndega para a súa protección. Desde as primeiras horas do día, grupos de mulleres percorrían as rúas ata que se enfrontaron coas persoas que levaban o millo á alfóndega, esnaquizando os sacos nos almacéns do embarque para evitar a súa venda. Ante tal balbordo fixeron acto de presenza as autoridades e as forzas da orde. Patrullas militarizadas percorrían a poboación, ademais da Garda Civil e policía, cos seus fusís. O único fin sería para El Español o roubo porque “O obxecto das mulleres non é outro que o roubo; pois o mesmo é ver que algún arrieiro pasa con millo rómpenlle os sacos e bótanse encima e arrebatan nun momento o gran derramado. (…) porque repito as mulleres o que queren é o saqueo ”[16].
Para El Heraldo as protagonistas foron,
“Unha porción de mulleres proletarias son as que aparecen á vangarda destas asonadas, as que armadas de navalla acometen e rompen os sacos das infelices aldeás, que con medio ou un ferrado de millo veñen vender para satisfacer as súas necesidades, pagan rendas e tamén pedidos e contribucións”[17].
O 17 de marzo en Santiago de Compostela houbo outro conflito co gran xa que ás once da mañá, moitas mulleres (800 segundo El Clamor Público[18]) agardaban no celeiro público a mercar cereal, mais cando chegaron os primeiros cargamentos de millo e foron mercados polos grandes comerciantes, esas mulleres (“As mulleres eran as máis feras”[19]), tras atacar aos arrieiros, racharon os sacos con navallas e coitelos e ”ata algunhas mulleres na súa ira,(…) fixérono cos dentes”[20], apoderándose do millo. Posteriormente dirixíronse á casa do comerciante Fariña, derrubándolle as xanelas e esnaquizando mobles a pedradas, berrando “morran os ladróns dos pobres”[21]. Fixeron o mesmo con dúas casas veciñas pois pensaban que tiñan moito gran almacenado.
Axiña apareceu a Garda Civil e soldados que cargaron ata en tres ocasións, mais outras tantas veces foron repelidos a pedradas. Disparáronse, logo, algúns tiros. O comandante ao mando da tropa, dirixiuse ás mulleres dicindo “queren Vds. guerra?” A resposta contendente das mulleres foi “Non!, queremos paz e pan!”.[22]

O Xefe Político da Provincia, Ventura Díaz, abandonou A Coruña para dirixirse a Compostela co obxectivo de “restablecer a orde, alterado por un pronunciamento de mulleres, e ao que deu lugar tanto a extraordinaria estracción de froitos, como a carestía que se vai facendo xeral”[23]. Responde ás manifestacións que ocasionaron ataques á propiedade privada e á seguridade individual co seguinte escrito datado o 19 de marzo en Compostela:
1º Toda reunión de persoas que de calquera sorte que sexa, con berros, palabras ou obras interrompa a orden pública, será disolta inmediatamente pola forza pública, a que fará uso das súas armas sempre que sexa preciso para este obxecto ou se vexa insultada ou atacada.
2º Non escoitarei ningunha reclamación nin sobre prezo de artigos de primeira necesidade nin sobre ningún outro obxecto feitas polos sediciosos, sexan home ou mulleres; pois os sediciosos non poden nin deben ser oídos polas autoridades “[24].
A seguinte manifestación do descontento popular (unha sublevación do pobo menesteroso[25]) foi na Coruña o 20 de marzo durante o primeiro mandato como alcalde de Juan Flórez[26] e que levou ao El Espectador a titular “Tumultos pola fame”.[27]

Pola presión de dous ou tres especuladores[28], sen facer caso do descontento popular nin do decreto que prohibía a exportación, permitíuselles retirar aos exportadores, a primeira hora da tarde, o gran dos almacéns para levalos á corveta Luísa con destino a Irlanda. O primeiro tenente de Alcalde a pesares de ver concentrado a un gran número de mulleres[29], que protestaban polo traslado do millo, empeñouse, con moita enerxía, en marchar cos carros ata o peirao. As mulleres, que para El Español tiñan navallas na man, e agrupadas en diversos puntos, especialmente na rúa Álamos onde estaban os almacéns, atacaron aos arrieiros e aos sete carros que levaban, tirando ao chan o trigo, o millo e as fabas dos carros,[30] inundando a praza da Alfándega, que con berros afirmaban que se lles roubaba o pan e as mataban de fame. Tamén esnaquizaron os sacos que xa estaban no peirao, mesmo guindando algún ao mar.
O acceso ao porto foi pechado e presentouse no peirao unha ou dúas compañías de soldados, un piquete da Garda Civil de cabalería e outro de infantería. As tropas estiveron paradas, mais ao recibiren pedradas e ver que a xente se apoderaba do millo berrando “temos fame”[31], as autoridades mandaron dar unha carga de cabalería e infantería. “A presenza da forza armada aínda puxo máis en movemento ao fermoso sexo e tivo que recibir unha carga á baioneta”[32]. Algún soldado se fixo notar “polos senllos sabrazos que deu no traseiro a unha infeliz e sexaxenaria augadora”[33]. Esta actitude violenta volveu ser respondida con pedras, “sendo algunha destas dirixidas por mulleres, que tomaron unha gran parte na revolta”.[34] Tras a carga, as tropas retiráronse á Mariña sendo perseguidas polas manifestantes, que padeceron outra acción violenta das forzas uniformadas. Chegaron máis soldados de infantería que trataron de despexar A Mariña e ao non conseguilo fixeron unha nova carga,
“resultando algunhas desgrazas, e coma se isto non bastase mandouse facer fogo contra un pobo indefenso, só porque algunhas pedras saíron dos grupos compostos na súa maior parte de mulleres. E non se crea que tiraron o aire ou sen bala; pois os sinais do chumbo dos soldados da patria gravadas están nas casas de don Andrés Garrido, don Antonio de Castro e a de Agapito. ¡Qué atrocidade! No que levamos deste século presenciei na Coruña moitos movementos populares incluso a pérfida reacción de 1843; pero xamais se tirou ao pobo con bala… Estaba reservada esta fazaña ao terminar os moderados a súa funesta dominación”[35].
Posteriormente as manifestantes acudiron ás rúas dos almacéns que contiñan o gran para impedir a súa saída.
Como resultado dos enfrontamentos houbo, ademais da anciá, varias persoas con contusións (un rapaz e dous gardas civís) e o Secretario provincial perdeu o seu chapeu tras recibir unha pedrada.
Ao rematar o serán, había patrullas armadas pola cidade, mais tamén unha gran multitude que foi dispersada antes de que chegaran as cigarreiras. As manifestantes berraban contra as autoridades, os especuladores e o Goberno. Por prudencia ou por falta de forza, o millo quedou sen embarcar. Toda a noite houbo patrullas e unha compañía de retén no peirao.
Esta mesma noite do 20 de marzo xuntáronse as autoridades na Casa do Concello e os militares trataron de botarlle as culpas dos disturbios ao pobo ao afirmar que foran os primeiros en disparar.[36] Débese dicir que en ningún xornal se recolle que tal feito acontecera.
Fíxose público un bando municipal prohibindo a exportación do gran, acadándose a tranquilidade.

Ante tantos problemas sociais polo prezo e a exportación do gran, o Capitán Xeneral de Galicia, Juan de Villalonga[37], fai pública unha proclama polas desordes dos días anteriores na Coruña e noutras poboacións. Manifestando que os soldados non tiveron mais remedio que facer uso da forza e que cando “se atente contra a orde pública, non haberá consideración, que me retraiga de rexeitar enerxicamente a forza coa forza”[38].
Naqueles días de marzo de 1847 e nun contexto de crispación social, aconteceu un grave feito na Coruña que podemos enmarcar dentro das protestas fiscais do século XIX polo recentemente implantado imposto de consumos sobre os produtos de “comer, beber e arder” e que o xornal progresista El Espectador titulou como “Asesinatos cometidos por agentes de la autoridad”[39].

O 24 de marzo, a primeira hora da mañá, un labrego (os xornais conservadores afirman que eran varios)[40] no fielato de Santa Lucía, extramuros da cidade, non quixo pagar o novo imposto de consumos e que no futuro provocará graves disturbios[41], aínda coñecido como “dereito de portas”, pola leña que pretendía introducir para a súa venda, por crer que o imposto estaba en suspenso. Tras as súas protestas deixóuselle pasar, pero cando ía saír da cidade, e por orde do Xefe Político, tras a venda da leña, foi arrestado. Ao momento, as mulleres do barrio comezaron protestar e foron xuntándose berrando “pan barato”[42] e reclamando a liberdade do detido.
Inmediatamente presentouse un comisario de policía acompañado de tropa e ordenou a disolución do grupo. Mais esas persoas tiveron a “ousadía ata emprender á paus co celador de policía, á pesar de estaren acompañado de axentes, carabineiros e a garda que está alí establecida”[43]. O comisario, ao non conseguiren a dispersión inmediata das manifestantes, mandou á tropa facer uso das armas, e como non foi obedecido[44], ”o feroz comisario de policía sen esperar á outra cousa, nin máis antecedentes, e sen perigo de ningunha especie, saca unha pistola, diríxese ao grupo case todo de mulleres, e dispáralle á queima roupa”[45] sendo o resultado:
“a muller dun carabineiro morta no acto, co cestiño na man en que levara a comida ao seu marido, que se atopaba de servizo no peirao, e co engadido de estar embarazada, segundo din, de cinco meses, e outras dúas persoas feridas de gravidade, que se supón sucumbirán tamén, e ademais outros que se retiraron á as súas casas”[46].
Tras a morte da muller, o seu viúvo foi arrestado por “precaución” (non así o comisiario que ordenou disparar á poboación). Continuou o tumulto por todo o barrio polo que axiña se presentou Garda Civil de infantería e cabalería que foi recibida a pedradas e mesmo unha persoa abalanzouse aos seus fusís sendo “morto no acto con algúns feridos máis e 12 presos”[47]. A cidade semellaba “un campo de batalla”[48].
O resultado do conflito foron dúas persoas mortas polas forzas da orde, varios feridos, un deles moi grave e unha ducia de detidos. A cidade viviu con tanta gravidade os feitos que o Capitán Xeneral de Galicia, Juan de Villalonga, publicou un bando, o 26 de marzo, dirixida aos seus soldados:
“Outra vez conseguiuse na Coruña por manexos de pérfidos de ocultos e covardes conspiradores perturbar por un momento a tranquilidade pública é inducir aos sediciosos a apedrear aos vosos irmáns daquela guarnición.
(…) Dous mortos e varios feridos da clase de paisanos, foron o froito que de semellante atentado recolleuse, mortos e feridos que serían probablemente instrumentos de encubertos trastornadores, cuxas malignas tendencias non souberon coñecer. Todo o sangue derramado obra foi da súa iniquidade, e sobre a súa cabeza debe caer pinga á pinga, porque os nosos compañeiros non podían menos de repeler a agresión e restablecer a orde pública…”[49].
A análise dos feitos, publicada no Boletín provincial, de Ventura Díaz, Xefe Político da provincia foi un tanto máis distante[50].
Igualmente, tamén a finais de marzo aínda houbo protestas en Ribadeo e Viveiro para impedir o embarque de millo protagonizadas por mulleres.[51]
O 6 de abril volveron os problemas en Vigo pola exportación do millo. Grupos de mulleres e homes xuntáronse no concello co argumento “de que vanse cargar máis buques” polo que o alcalde solicitou ao Gobernador Militar que “poña unha garda de oficial neste mesmo consistorio e que percorran patrullas a cidade, especialmente no Barrio do Arenal e a Praza con orde expresa de disolver toda reunión de persoas que pase de cinco”[52].
O Capitán Xeneral de Galicia publicou unha circular por estes motíns afirmando que se houbera novos balbordos procuraríase a súa disolución e en caso de non conseguilo por medios intimidatorios, faríase uso da forza cargando “con lume e baioneta, e tomando con enerxía cantas disposicións crea convenientes para o restablecemento da tranquilidade e escarmento dos que atentasen contra ela”[53].
A última nova sobre esta cuestión que temos rexistrada foi o 15 de abril en Neda xa que ocorreron serios balbordos con motivo do embarque de cereais. As protestas tiveron un carácter “alarmante” con numerosos detidos.[54]
Xosé Antonio MARTÍNEZ GARCÍA
Información máis completa sobre este tema en MARTÍNEZ GARCÍA, Xosé Antonio (2025). Cornide: Revista do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, Segunda época, Nº6, páxinas 223-254.
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA
CARDESÍN DÍAZ, José María (2022). Protesta popular y violencia colectiva en la España urbana: del motín a los nuevos movimientos sociales. Historia Social, nº 103, 69-92.
DÍAZ MARÍN, Pedro (2003). «Crisis de subsistencia y protesta popular: los motines de 1847», Historia agraria, nº 30, 31-62.
MARTÍNEZ GARCÍA, Xosé Antonio (2024). O motín de consumos da Coruña de 1886. A Coruña, Cornide: revista do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, Segunda época, nº 5, 273-304.
PERNAS OROZA, Herminia (2021) Instigación e recepción feminina de actos violentos na Galicia do século XIX e comezos do XX. En LEIRA, Francisco J. e CABO, Miguel (eds.) A xustiza pola man. Violencia e conflitividade na Galicia contemporánea. Vigo, Xerais, 91-115.
REDONDO CARDEÑOSO, Jesús-Ángel (2020). Conflictividad rural en la península Ibérica durante los siglos XIX y XX. Un estado de la cuestión. En María Filomena Lopes de Barros, María Filomena e Paula Gato, Ana (ed.) Desigualdades. Evora, Publicações do Cidehus.
RODRÍGUEZ GALDO, María Xosé e DOPICO, Fausto (1981) Crisis agrarias y crecimiento económico en Galicia en el siglo XIX. Sada, Do Castro.
TABOADA MOURE, Pablo (1978) Crises de subsistencias e motíns populares na Galicia costeira (1835-36). Grial, nº 60, 170-180.
THOMPSON, Edward P. (1979) Tradición, revuelta y conciencia de clase. Barcelona, Crítica.
[1] El Español, 21-3-1847.
[2] Carta de Francisco Tapias e o seu fillo Francisco ao Alcalde de Vigo, 11-3-47. Arquivo Histórico de Vigo.
[3] El Heraldo, 21-3-1847
[4] La Esperanza, 20-3-1847.
[5] El Español, 21-3-1847. Tamén o recolle o pleno do 11-3-47.
[6] La Esperanza, 20-3-1847.
[7] Libro de Acordos do Concello de Vigo, 11-3-1847. Arquivo Histórico de Vigo (AHV).
[8] La Esperanza, 20-3-1847.
[9] Oficio do alcalde “Ao Sr. Xefe Superior político desta Provincia”, 12-3-46. AHV.
[10] La Esperanza, 22-3-1847.
[11] Comunicación ao Xefe Superior político da Provincia, 15-3-1847. AHV.
[12] Libro de Acordos, Concello de Vigo, 17-3-1847. AHV.
[13] El Tiempo, 24-3-1847.
[14] El Español, 24-3-1847.
[15] La Esperanza, 29-3-1847.
[16] El Español, 21-3-1847. El Católico reproduce esta información o 22-3-1847.
[17] El Heraldo 21-3-1847.
[18] La Unión do 29-3-1847 dirá que foi “un pequeno motín no que so tomaron parte uns cantos perdidos e mulleres públicas” mentres que El Tiempo do 24-3-1847 dirá que foron máis de duascentas mulleres.
[19] La Esperanza, 1-4-1847.
[20] El Clamor Público, 24-3-1847.
[21] La Esperanza, 23-3-1847.
[22] El Clamor Público, 24-3-1847. Tamén engade que houbo balbordos na Guarda.
[23] La Esperanza, 26-3-1847.
[24] Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOPC), Suplemento ao nº 46 do 21-III-1847.)
[25] El Clamor Público, 26-3-1847.
[26] Juan Flórez Freire, 1799-1870, alcalde da Coruña entre marzo de 1846 e decembro de 1847 e maio de 1851 a xullo de 1854.
[27] El Espectador, 26-3-1847.
[28] El Clamor Público do 27-3-1847 identifícaos como os comerciantes Herce e Vilarrubia.
[29] El Heraldo do 26-3-1847 afirma que “tratábase de facer representar ás mulleres do pobo o papel de provocadoras de motíns”.
[30] El Español do 27-3-1847 afirma que unha parte foi roubado e outra ficou tirada no Praza da Alfándega.
[31] El Clamor Público, 27-3-1847.
[32] La Esperanza, 26-3-1847.
[33] El Clamor Público, 26-3-1847.
[34] El Clamor Público, 27-3-1847.
[35] El Eco del Comercio, 26-3-1847.
[36] El Clamor Público, 27-3-18847.
[37] Juan de Villalonga y Escalada. Palma de Mallorca, 1794 – Madrid, 1880. Militar. En marzo de 1846 foi trasladado á Capitanía Xeral de Galicia, onde reprimiu sanguentamente a rebelión que estalou nese ano, fusilando a todos os oficiais: Os de mártires de Carral.
[38] Asinado en Santiago o 21-III-1847BOPC, nº 49, 26-III-847.
[39] El Espectador, 31-3-1847.
[40] El Español, El Tiempo e o carlista El Católico publican o mesmo texto e o mesmo día, o 31-3-1848.
[41] Cfr. MARTÍNEZ GARCÍA (2024).
[42] La Esperanza, 1-4-1847.
[43] El Español, 31-3-1847.
[44] El Clamor público do 31-3-1847 afirma que dispararon ao ar.
[45] El Espectador, 31-3-11847.
[46] La Esperanza, 1-4-1847.
[47] El Español, 31-3-1847. El Heraldo do 31-3-1847 engade sobre este feito: “…un garda civil, a quen tratou de desarmar un dos sediciosos, disparou tamén o seu fusil e esnaquizou a cara do agresor”.
[48] La Esperanza, 11-4-1847.
[49] El Católico, 2-4-1847.
[50] BOPC nº 49, 26-3-1847.
[51] Nós, diario, 27-3-2020.
[52] Carta do alcalde A. D. (Antonio Domínguez) ao Gobernador Militar da cidade, 6-4-47. AHV.
[53] Juan de Villalonga, Santiago de Compostela, 9-4-1847. BOPP, nº 46, 16-4-1847.
[54] El Eco de Comercio, 22-4-1847.