Era bastante común que, durante o século XIX e XX, nas revoltas populares o protagonismo fose das mulleres. En Nebra, o día 12 de outubro de 1916, érguese unha grande mobilización popular contra o cobro de abusivos e inxustos impostos. Unhas trescentas labregas e labregos enfróntanse aos caciques e ás forzas represivas e catro mulleres e un home son asasinados a tiros por axentes da Garda Civil.
No ano 1918 as mobilización e os berros van máis alá e así en Ferrol bótanse os homes da manifestación e na Coruña bérrase aos homes “FÓRA”, deixando claro que elas soas son capaces de dominaren a situación.
A historiografía conta, en moitas ocasións, que a participación principal das mulleres era debido a que as forzas represivas, Garda Civil e exército, nunca dispararían contra elas, mais vira difícil acreditarmos nesa versión ao repararmos que cando hai mortas e feridas son elas as mártires. Por outra parte, existen ordes oficiais que botan por terra esa versión: en agosto de 1917 o Capitán Xeneral da 8º rexión publica un bando onde di que “se hará uso inmediato de las armas sin necesidad de toques de atención ni otro aviso, y sin que sea obstáculo para esta enérgica represión, que el grupo sedicioso estuviere circundado o protegido por mujeres o niños”.
As revoltas na Coruña
Xa durante 1917 se produciran por toda a Galiza revoltas ás que o goberno respondía con represión e censura. No verán dese ano en Compostela suspéndense as festas do Apóstolo e decrétase o estado de guerra que logo estenderían a toda a provincia da Coruña. A represión foi tal que na cidade da Coruña houbo máis de 170 persoas detidas. O día 18 de xaneiro de 1918 ten lugar na Coruña a primeira das revoltas sociais dese ano. Poderíase pensar que son accións espontáneas, mais o certo é que centos e centos de mulleres, nos peiraos, nas loxas do centro, nos armacéns dos barrios etc., e case á mesma hora, deciden asaltar e repartir os alimentos que requisan:
“No se sabe cómo surgió la idea, pero ello fué que las excitadas mujeres decidieron impedir que las patatas fuesen embarcadas, como suponían, y en tropel avanzaron por los muelles y entre todas se repartieron el contenido de los 100 sacos […] El enjambre femenino cargó con los sacos o los desgarró, llevándose su contenido en un instante” (La Voz de Galicia, 19/1/1918).
O protagonismo feminino nestas revoltas é total. A prensa recolle que centenares de mulleres participan nunha manifestación pola cidade da Coruña, asaltan almacéns, rexeitando a participación dos homes con berros de “Fóra! Aquí bastamos nós!”.
Pórse en pé de guerra contra aqueles que rouban, contra os que traen a fame para a maior parte da poboación é o que move centos e centos de mulleres pola Galiza adiante. E así, a pesar da censura, teñen de o recoller todos os xornais e, xunto coa mobilización, igualmente sinalan a solidariedade que achan nas mulleres operarias, nas misteiras, nas cigarreiras…
“Llama la atención la disciplina y la unión que entre ellas existe y su afán de reclutar a compañeras que se le unan.”
A revolta acontecida no inverno de 1918 en cidades e vilas do noso país, na Coruña máis tamén en Ferrolterra onde sete persoas foron asasinadas, significa un exemplo claro da capacidade de autoorganización das mulleres, pois realizan reunións coas autoridades, organízanse para vixiaren aos almacéns para evitaren as exportacións, reparten os alimentos requisados, usan a forza cando é imprescindíbel etc.
Para saber máis: Aquí bastamos nós! As revoltas das mulleres, 1918, publicado na web de AC Alexandre Bóveda.
Podes descargar o folleto sobre o impacto que esta revolta tivo en toda a prensa da época.