O Instituto da Coruña
A Coruña conta cun instituto desde 1862 aínda que, desde 1845, se intentara crear ese centro de ensino. O primeiro intento remóntase a 1845, cando tomaron a iniciativa 93 veciños que secundaron a idea de Manuel Freire de Andrade e, contando co apoio do Concello, solicitaron sen éxito a instalación do instituto. Os sucesivos intentos de 1851, 1853 e 1858 tampouco tiveron éxito e houbo que agradar a 1862.
O primeiro instituto comezou funcionando nun edificio formado por varias casas unidas, propiedade dos marqueses de Camarasa, na rúa Ferreirías da Cidade Vella. Alí estivo o instituto ata que se trasladou ao novo edificio, construído a expensas de Eusebio da Guarda e a súa muller Modesta Goicouría, na actual Praza de Pontevedra, que comezou a funcionar no curso 1890-91.
O instituto funcionou como un centro de ensino mixto, con aulas ocupadas por alumnos e alumnas, ata a implantación da lexislación franquista. Así, en setembro de 1936, quedaba suprimida a coeducación.
En aplicación da citada orde e ata que se construíu un novo instituto, alumnas e alumnos non podían compartir aulas e, na medida do posible, tampouco a porta de entrada nin os patios. En función do número de matrícula, houbo anos que se tivo que facer dobre quenda.
Ata o curso 1942-43 o instituto funcionou como unha única entidade e único claustro. Foi entón cando se separaron as dúas xuntas directivas: a do instituto feminino e a do masculino, aínda que seguiron coexistindo no mesmo edificio ata que, en setembro de 1947, foi inaugurado o masculino, o actual Salvador de Madariaga. As alumnas continuaron no edificio fundado por Eusebio da Guarda e, por acordo do claustro de profesores, o instituto feminino recibiu oficialmente o nome do seu fundador como merecido e póstumo homenaxe ao ilustre patricio.
O profesorado dos Institutos de Ensinanza Media
A maioría do alumnado que acudía aos institutos trataba de conseguir o título do Bacharelato. Esta titulación permitía continuar cos estudos universitarios e alcanzar a licenciatura. Para poder impartir a maioría das materias do Bacharelato requiríase a licenciatura, situación que explica o dominio, case exclusivo durante décadas, do profesorado masculino nos institutos porque os homes constituían a inmensa maioría do alumnado universitario en España.
O acceso sen restricións da muller aos estudos universitarios comezou en 1910 grazas a varias reais ordes que foron eliminando as prohibicións e recoñecéndolles o dereito ao exercicio profesional para o que habilitaban os títulos universitarios. Deste modo foi eliminada a necesidade de solicitar autorización para poder acceder á universidade e abríronse novas posibilidades para o traballo das mulleres.
As mulleres podían obter un título de licenciatura, pero este non as habilitaba para o exercicio dunha profesión nin para o desempeño dunha cátedra. Isto tamén cambiou en 1910, aínda que as poucas que acodían ás aulas universitarias tivesen que entrar acompañadas dun catedrático e sentarse próximas á súa mesa.
O camiño estaba aberto, pero as dificultades para percorrelo eran infinitas. De aí o valor e a significación das pioneiras, das primeiras mulleres que marcaron fitos e abriron eses camiños a outras que continuaron a marcha. No ámbito do ensino das ensinanzas medias, os novos estudos van sacando á luz nomes que, no seu momento, iniciaron novas posibilidades para o traballo profesional das mulleres.
A partir de 1928/30, o aumento do número de alumnas e de novos institutos, así como de novas licenciadas, foron factores que favoreceron a incorporación de novas profesoras nos centros de Segunda Ensinanza. Unhas comezaban a traballar nos institutos logo de aprobar unha oposición, pero como para materias como Idiomas ou Debuxo non precisaban do título de licenciadas, unha alta porcentaxe formaban parte do grupo do Profesorado Especial. Neste grupo a inestabilidade era alta e ás veces unicamente traballaban uns poucos meses, pero noutros podían renovarse os contratos durante varios anos.
As primeiras profesoras do Instituto da Coruña
Nas zonas controladas polos militares sublevados en xullo de 1936 comezou a aplicarse inmediatamente a lexislación elaborada polas novas autoridades. En outubro de 1937 impúxose, de maneira obrigatoria, para todas as mulleres españolas entre 17 e 35, anos a prestación do Servizo Social. Esta decisión afectou directamente ás mulleres que desexaban entrar a traballar como docentes porque a presentación de ter realizado o Servizo Social pasou a ser condición indispensable para poder traballar en calquera organismo ou centro de carácter estatal.
Pasados os dous primeiros cursos desde o inicio da nova situación, a normativa complementouse con novas ordes e leis a partir do curso 1938-39. Así, pola Orde do 1 de setembro de 1938, nas localidades controladas polos sublevados, cesaban o 30 de setembro todos los Encargados de Curso y Profesores interinos que hubieren obtenido sus nombramientos con carácter temporal, hayan o no realizado cursos prácticos y hubieran o no sido asignados en virtud de concurso, prazas que terían que ser solicitadas por los que hayan de cesar y por cuantos se hallaren con los debidos títulos para ello. Isto significaba, na práctica, a depuración total dos corpos docentes, pois a adhesión ao novo réxime era condición imprescindible para obter o nomeamento. Unha vez resolta a solicitude, o Ministerio outorgaba nomeamentos temporais dun curso prorrogables a varios.
Para a organización do Bacharelato foi fundamental a Lei de Reforma da Ensinanza Media de 20 de setembro de 1938. A partir de entón, toda a educación formal pasou a depender do Ministerio de Educación Nacional, mentres que a non formal, a da xuventude, quedou en mans do Movemento Nacional a través da Fronte de Xuventudes e da Sección Feminina. As novas autoridades puxeron especial interese en conseguir cidadáns comprometidos cos principios do novo réxime e asignaron ao Bacharelato un papel primordial na transformación intelectual e social na nova sociedade que desexaban implantar.
A Lei establecía as condicións de acceso aos estudos de Bacharelato: ter cumpridos os 10 anos e superar unha proba de ingreso. A ensinanza da Relixión Católica e da Historia Sagrada era obrigatorias e debían cursarse en todos os cursos do Bacharelato, así como outras materias que debían actuar como as principais encargadas da formación patriótica do alumnado. A destacar tamén o papel asignado á Historia porque a través dela o alumnado debía conseguir a exaltación patriótico-imperialista, o auténtico ser de España.
A clasificación e categoría do profesorado (excepto a de catedrático/a) foi variando nos anos seguintes, así como as condicións de acceso e as retribucións dos diferentes grupos.
O primeiro curso no que figuran profesoras no instituto coruñés é o de 1933-34. A partir de 1941-42 comezaron a funcionar independentemente o Instituto Feminino e o Instituto Masculino, aínda que compartían o edificio da Praza de Pontevedra. Ademais, a partir do curso 1942-43 xa se incorpora o profesorado feminino da Escola de Fogar, situación que modifica completamente o papel e o número das profesoras e a súa significación como docentes de disciplinas académicas.
Ata o curso 1942-43 traballaron no instituto coruñés 19 primeiras profesoras, segundo os datos localizados en diversos arquivos, aínda que é posible que fosen algunhas máis porque, como a maioría destas primeiras profesoras tiñan nomeamentos de axudantes, auxiliares ou especiais, os nomeamentos deste profesorado (especialmente os gratuítos) polo xeral non transcendían máis aló do claustro do instituto no que se producían e terían que ser os arquivos dos propios centros onde se conservasen. Destas 19 profesoras consta que 6 eran licenciadas e por iso actuaron como axudantes nas áreas de Letras (4) e de Ciencias (2). No resto dos casos tiñan outras titulacións e actuaron como profesoras especiais de idiomas impartindo Francés (3), Inglés (3), Alemán (4), Italiano (1) e Debuxo (2).
Estas son as 19 primeiras profesoras do instituto da Coruña:
Julia Evangelina Puga Cerdido. É a primeira profesora do instituto da Coruña da que localizamos datos. Naceu na Coruña o 12 de agosto de 1908 no seu dunha familia de xornaleiros sadenses. O 20 de setembro de 1919 realizou o exame de ingreso no instituto Eusebio da Guarda, matriculándose uns cursos por ensinanza oficial e outros por non oficial, e en maio de 1925 finalizou os estudos de Bacharelato, obtendo o título tras aprobar os exames de reválida. A continuación, entre 1926 e 1929, cursou estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, rematando a licenciatura na de Valladolid, cidade á que se trasladou por razóns de saúde.
O domingo 8 de xuño de 1930 casou con Manuel Varela Fernández e con data do 9 de outubro de 1933 foi nomeada axudante interina de Letras no instituto coruñés para o curso 1933-34. A partir dese ano foi nomeada nos cursos seguintes, renovándoselle os contratos durante moitos anos. Consérvanse algúns destes nomeamentos e o 27 de outubro de 1939 ascendeu de categoría ao ser nomeada axudante numeraria da Sección de Letras no instituto, impartindo clases tanto no masculino como no feminino. En 1941 a Comisión depuradora do Ministerio de Educación resolveu a seu favor confirmándoa no seu cargo. Permanecerá no feminino ata que pase ao instituto masculino a partir do curso 1942-43 pero retornará ao feminino en virtude de concurso de traslados en 1963 como profesora adxunta numeraria de Filosofía e nese centro permaneceu ata a súa xubilación en 1978.
Foi unha profesora que tiña sona de seria e competente e á que o alumnado saudaba con respeto como Doña Julia. Julia tivo unha irmá —María— profesora mercantil que durante moitos anos impartiu clases na Academia Puga, situada xunto á escalinata de Santa Lucía, o barrio onde vivían seus pais, e na que se impartían clases de contabilidade, mecanografía e cultura xeral. Unha rúa do barrio de Matogrande leva o seu nome.
En outubro de 1936 e para o curso 1936-37 foron nomeadas varias profesoras como axudantes interinas: Pilar Martínez Díaz Cañedo, licenciada en Ciencias, para a sección de Ciencias; Dolores García Vázquez para Francés, sen título pero que xustificou a suficiencia pola súa actividade na ensinanza privada; María Guede Conde para a axudantía de Debuxo. Non localizamos máis datos destas profesoras, pero deberon continuar no seu posto no instituto varios anos máis, pois consta que as comisións depuradoras do Ministerio de Educación resolveron, en 1941, confirmalas no seus cargos.
Igualmente, para o curso 1936-37, foron nomeadas Otilia Babío Amor, como axudante de Inglés e as profesoras Eloísa Cervigón Díaz e María Parache de Varela para as clases de alemán.
Susana Sanz Vega e Concepción Villena Villalaín figuran como interinas con nomeamento do 6 de novembro de 1937, a primeira para as materias e Filosofía e Xeografía e Historia e a segunda para Francés. Susana Sanz, cursillista de 1936, continuou polo menos dous cursos máis.
Adela Fernández Martínez, coruñesa nacida o 2 de outubro de 1909. Estudou na Escola Normal de Mestras da Coruña entre 1924 e 1928, o Bacharelato universitario no instituto da súa cidade entre 1928 e 1930 (convalidando materias de Maxisterio), iniciando, ao ano seguinte, e a carreira de Filosofía e Letras, na sección de Historia, na Universidade de Santiago, onde rematou a licenciatura. Con data do 17 de setembro de 1937 solicitou ocupar a cátedra de Filosofía que deixaba vacante, durante uns meses, o titular Gonzalo Valentí. Non sabemos se foi aceptada a súa solicitude, pero ao ano seguinte volveu a intentalo, sen éxito. En 1938 realizou o Servizo Social e en xuño dese ano se lle expediu o certificado correspondente. Con data do 10 de novembro de 1938 foi nomeada como profesora interina de Italiano para o curso 1938-39.
África González Barbeito. O 25 de novembro de 1939 tomou posesión da praza de encargada de curso interina de Filosofía no instituto da Coruña (feminino) para o curso 1939-40. Por razón de idade estaba exenta da realización do Servizo Social. Comezou cun soldo anual de 5.000 pesetas que se elevou a 6.000 a partir de xaneiro de 1940, aplicación da nova lexislación (Lei de 30 de decembro de 1939). O 30 de setembro de 1940 se lle fixo un novo nomeamento para o curso 1940-41, pero o 15 de outubro de 1940 solicitou unha licencia por asuntos persoais, que non lle foi concedida pola «imposibilidad legal de acceder a su pretensión por no existir legislación». A interesada decidiu que primaban máis a necesidade de atender aos seus asuntos particulares e non se presentou no inicio do curso, polo que perdeu a praza.
María del Portal Emiliana Panisse Ferrer, coruñesa nacida o 11 de outubro de 1914. Fixo primeiro o Bacharelato elemental e logo o de carácter universitario no instituto da Coruña entre 1925 e xuño de 1931. No curso de 1931-32 iniciou os estudos universitarios na Facultade de Ciencias de Santiago, estudos que se viron interrompidos co inicio da guerra civil en 1936. En decembro de 1937 solicitou do reitor poder examinarse de Electroquímica, a única materia que lle quedaba para rematar a carreira, obtendo así o título de licenciada. Con data do 26 de outubro de 1939 foi nomeada axudante interina gratuíta da sección de Ciencias do instituto. Tratando de mellorar a súa condición, solicitou do reitor ser nomeada encargada de curso en calquera instituto da Coruña, Ferrol, Santiago ou Lugo. No curso 1941-42 asina nos libros de cualificación do alumnado masculino pero non continuará exercendo docencia na Coruña.
Dolores Díaz Baliño. Dolores naceu na Coruña o 6 de xaneiro de 1905 e formou parte dunha familia na que destacaron importantes artistas como Camilo Díaz, seu irmán, pai de Isaac Díaz Pardo. No instituto (feminino) impartiu docencia como profesora especial interina de Debuxo e Modelado en varios cursos e durante dous períodos: 1939-40, 1940-41, 1941-42 e, tras cinco anos de ausencia (entre os cursos 1942-43 a 1946-47), volveu ao instituto feminino para traballar durante os cursos 1947-48 a 1951-52.
Lolita, diminutivo co era coñecida no ámbito familiar e profesional, conseguiu ser recoñecida como artista plástica nunha época na que as mulleres tiñan serias dificultades para que se lle recoñecese a súa valía. Conseguiu premios, foi ilustradora de periódicos e revistas, deseñou vestiarios para representacións teatrais, participou en exposicións colectivas e tamén individuais, tanto na Coruña como na Habana e foi nomeada, xunto coa tamén pintora Carmen Corredoira, membro de número da Academia Galega de Belas Artes da Coruña converténdose así nas primeiras mulleres académicas que ingresaron nesa institución. Antes de ser profesora do instituto dirixía unha academia de pintura no domicilio familiar da rúa Porta de Aires, onde se formaron gran número de alumnas e alumnos de diferentes xeracións. En 1954 obtivo a praza de profesora numeraria de entrada de Gramática e Caligrafía da Escola de Artes e Oficios da Coruña. Faleceu na Coruña o 3 de novembro de 1963.
Carmen Casares Souto. Ferrolá nacida o 27 de outubro de 1907, foi nomeada profesora especial interina de Inglés para o curso 1939-40 no instituto coruñés (feminino), tomando posesión da praza o 1 de outubro de 1939. Tras dous anos de ausencia da docencia, volveu a impartir Inglés no curso 1942-43 pero xa no instituto especificamente masculino.
Encarnación Aguado Santillana. Pouco sabemos desta profesora, pois non se conservan máis que dúas certificacións. A primeira, asinada polo secretario do instituto, José Sánchez Mosquera, acredita que foi nomeada profesora especial de Inglés para o curso 1940-41 e tomou posesión da praza o 2 de outubro de 1940. A segunda leva a data de 2 de xuño de 1942 e o novo secretario, Enrique Míguez Tapia, certifica que á interesada se lle aumenta o salario a 6.000 pesetas anuais en aplicación da nova lexislación, desde o 1 de xaneiro dese ano, situación que nos permite deducir que tamén exerceu docencia durante o curso 1941-42 na sección feminina do instituto.
Josefina del Pino Delgado. Grazas a que se conservan unhas actas asinadas da materia de Italiano por esta profesora en maio e setembro de 1941, sabemos que estaba en activo no instituto (masculino) no curso 1940-41. Pola orde de 6 de outubro de 1942 foi nomeada para o curso 1942-43, con soldo de 6.000 anuais, como profesora especial de idiomas na modalidade de Italiano, nomeamento que se repite para o curso 1942-43 pero para o instituto feminino ao intercambiarse con Luis Curiel, que estaba no feminino e pasou ao masculino. Descoñecemos se continuou en cursos posteriores como profesora do instituto, pero non figura como asistente en ningunha das actas das reunións de claustro, polo que podemos supoñer que non seguiu impartindo clases no instituto.
Dolores Díaz Mirás. Asina como profesora de Francés no libro de escolaridade das alumnas do instituto en xuño de 1941, de modo que podemos supoñer que impartiu clases no curso 1940-41 e moi probablemente no 1941-42. En outubro de 1942 foi nomeada profesora interina de Francés no instituto feminino para o curso 1942-43 pero soamente puido exercer uns meses porque foi cesada cando se incorporou o profesor numerario de Francés Carlos Advenir Naud.
Rosario Riestra Limeses. Consta como profesora de Ciencias da Natureza nos cursos 1940-41 e 1941-42.
Dolores Ackerman Hanizch. Descoñecemos a formación académica desta profesora, da que imaxinamos que aprendería alemán no seo da súa propia familia. Dolores era filla de Juan Ackermann Schlieper, que tamén actuou no instituto como axudante de Alemán con anterioridade á entrada de Dolores. O primeiro dato desta profesora que localizamos é a súa sinatura nun libro de cualificacións como profesora de Alemán con data de 1 de xuño de 1942. Polo tanto, podemos deducir que foi profesora desta materia no curso 1941-42. O seu nomeamento oficial como profesora especial de idiomas —Alemán— foi publicado no BOE con data do 11 de outubro de 1942. Tratábase duns nomeamentos que tiñan carácter provisional porque non dera tempo a reorganizar ao persoal docente de ensinanza media que establecía a Lei de 4 de xuño de 1940 nin o Decreto de 19 de febreiro de 1942.
Grazas ao Libro de actas do claustro do instituto —xa feminino e diferenciado do masculino, con direccións propias— sabemos que asistiu como membro do mesmo durante os cursos 1942-43 e 1943-44.
A partir do curso 1942-43, pero forma moi lenta, foron incorporándose novas profesoras, como Carmen Pedrosa Pérez-Dávila na sección de Letras, Carmen Arias de Castro Montero en Debuxo ou Margarita Trulock Bertorini, encargada da ensinanza de Inglés durante moitos anos, primeiro como axudante de clases prácticas e máis tarde como profesora agregada.
Para saber máis:
ROMERO MASIÁ, Ana; CHAVERT DÍAZ, Marieta. (2022). «As primeiras profesoras do Instituto da Coruña», Nalgures, t- XIX, pp. 225-252.
RUSO, Isabel; SOTO, María Rosario (coord.) (2015). O instituto da Guarda da Coruña: 125 anos de historia. A Coruña, Deputación provincial.
SARMIENTO, Rosario (2021). Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada. A Coruña, Fundación Luís Seoane.
Sobre María del Portal Panisse en A Coruña das Mulleres