AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

As primeiras alumnas do Instituto da Coruña

Instituto Eusebio da Guarda

O Instituto da Coruña

En 1862 concedeuse á Coruña a creación dun instituto de Segunda Ensinanza completo e local que incorporaba as cátedras das escolas de Comercio e Náutica. Nese ano culminaba un longo proceso que se iniciara en 1845 e no que houbo varios intentos frustrados, de modo que o instituto da Coruña foi o último das grandes cidades galegas, pois desde 1842 xa o tiña Lugo e, pouco despois, en 1845, creáronse os de Ourense, Pontevedra e Santiago, así como o de Monforte en 1848.

O instituto Eusebio da Guarda
O instituto Eusebio da Guarda

O primeiro local no que funcionou o novo instituto foi o palacio do Marqués de Camarasa, na rúa Ferrerías, un edificio mercado inicialmente por veciños da cidade e que logo pasou a ser propiedade do Concello. Alí estivo o instituto ata que se construíu o novo edificio grazas á xenerosa doazón do empresario Eusebio da Guarda que comezou a funcionar no curso 1890-91. En 1941, en aplicación da segregación establecida no ensino pola lexislación franquista, o instituto foi dividido: as mulleres na primeira planta e os homes na última con entrada independente pola rúa de Modesta Goicouría. Así funcionou o instituto ata a inauguración dun novo edificio para os homes en 1947, o actual Salvador de Madariaga.

As mulleres, alumnas nos institutos

Os estudos de ensinanza secundaria, especialmente os de Bacharelato, ata ben entrado o século XIX, non se concibían como apropiados para as mulleres porque estaban deseñados como antesala de estudos universitarios, vetados para as mulleres. Por iso, as mulleres que decidían acudir aos institutos facíano para ampliar algúns aspectos dos recibidos na escola primaria e non desexaban facelo nas Normais, que tiñan unha finalidade especificamente profesional. De aí que, en moitos casos, as mulleres se matriculaban unicamente en determinadas materias —caso do Francés como veremos no instituto da Coruña— sen que o seu obxectivo fose obter o título final de Bacharelato, a diferencia dos homes que trataban de rematar os estudos e alcanzar a titulación.

Cando o obxectivo das mulleres non era obter o título senón ampliar determinados coñecementos (podían matricularse de materias soltas), atopamos na Coruña unha situación similar á doutros casos estudados: que se matriculaban no instituto cando xa tiñan o título de mestras de educación primaria. Este foi o caso, entre os expedientes analizados, de catro mestras: Sofía Tella Comas, María Barbeito Cerviño, Rita Amparo López Jean e María Valiño Longueira.

Atrasou tamén a incorporación das mulleres ao ensino secundario a polémica de se debían facelo en centros especiais para elas ou se podían compartir as ensinanzas cos seus compañeiros varóns. Non había acordo entre os responsables da elaboración da normativa, enfrontando aos defensores dos costumes e moral pública tradicionais cos que defendían os dereitos das mulleres a estudar nos institutos ata que se creasen outros específicos para elas. Se non podían asistir ás clases e querían examinarse nos institutos significaba que terían que preparar unhas materias de forma particular, co conseguinte custo económico, un agravio cos seus compañeiros que recibían unha ensinanza con moito menor custo.

A documentación conservada nos diferentes expedientes non nos permite coñecer, máis que en contadas ocasións, o status social das súas familias, aínda que como a maioría das alumnas eran coruñesas, o máis posible é que pertencesen ao grupo da burguesía que dominaba a cidade tanto desde o punto de vista político como económico e que caracterizaba á cidade desde había décadas. É certo que moitas mulleres de clase media recibían educación na propia casa mentres agardaban para casar, pero tamén que outras, contando co apoio familiar, decidiron ampliar fóra do fogar esa formación e outras, poucas, pero non por iso menos destacables, quixeron conseguir un medio de vida propio mediante a formación académica. Dos poucos casos estudados nos que puidemos coñecer algo más da vida desas primeiras alumnas matriculadas no instituto da Coruña, caso de María Barbeito, Sofía Tella ou Rita López Jean, casaron bastantes despois de rematar os estudios e vivir da súa profesión, que non abandonaron logo da voda.

O informe elaborado en xaneiro de 1882 cos datos transmitidos polos reitores sobre Mujeres que han hecho estudios en la Universidades e Institutos oficiales de España en los últimos años permite coñecer os nomes daquelas primeiras mulleres que, desafiando tantos prexuízos, se animaron a compartir espazos reservados aos homes e vivir situacións incómodas por estar totalmente soas rodeadas de elementos masculinos, tanto de profesores como de compañeiros de estudo.

 As primeiras alumnas no Instituto da Coruña

Relación alumnado do Instituto
Primeira páxina do libro que contén a relación de alumnado matriculado no Instituto da Coruña entre 1862 e 1928

Os datos deste traballo proceden do arquivo do propio instituto, custodiado agora no IES Salvador de Madariaga da Coruña. Alí conservan o Libro-rexistro do alumnado matriculado entre 1862 e 1928 e a maioría dos expedientes dese alumnado.

Entre 1862 e 1928 matriculáronse no instituto, aproximadamente, 11.255 alumnos e alumnas, dos que unicamente eran mulleres 507, é dicir, o 4,5% do total, pero hai que ter en conta que 484 o fixeron despois de 1900, data desde a que foron aumentando progresivamente en número. Analízanse aquí unicamente as que estiveron matriculadas no instituto no século XIX, é dicir, entre 1882 e 1899. Entre estas datas figuran nese libro os nomes de 23 mulleres, o que supón o 0,33% do total do alumnado deses anos, así que nos primeiros 37 anos do instituto (1862-1899) só estiveron matriculadas esas 23 alumnas e varias delas o fixeron unicamente para cursar algunha materia concreta, especialmente Francés. Segundo os seus expedientes, unicamente catro completaron os estudos e obtiveron o título de Bacharelato: Rita Comellas Coimbra, Inés Hernández, Isabel Martínez Morás e Rita Amparo López Jean.

O proceso da incorporación feminina ao ensino secundario continuou de forma moi lenta en toda España e, no caso da Coruña, o ritmo continuou de forma similar ata finais da primeira década do século XX. Se relacionamos o número de alumnas no instituto coa poboación total da cidade, a proporción sería, aproximadamente, de 0,71 por cada 10.000 habitantes en 1873 e de 1,5 en 1889.

As idades das alumnas, na súa primeira matriculación, son moi variadas (desde os 11 aos 27) , pois cómpre lembrar que, en calquera momento, podían matricularse dalgunha materia e que varias delas o fixeron logo de cursar os estudos de Maxisterio, ou que se matricularon na Coruña logo de estar matriculadas con anterioridade noutros institutos de fóra da cidade. Hai tamén varios casos nos que non consta a súa idade no expediente.

Se nos fixamos nas cualificacións obtidas nas diferentes materias, chama a atención a ausencia de suspensos e abundancia de sobresalientes —a maior porcentaxe— abundando tamén os notables. Parece isto demostrar que as alumnas que se decidiron a matricularse o fixeron por verdadeiro interese e aceptaron o reto de demostrar a súa valía e capacidade. Un dato que chama a atención é que, en varios casos, logo de obter moi boas cualificacións, a alumna non se presenta a materias nas que estaba matriculada e non continúa os estudos, pero cos datos que posuímos non podemos coñecer as razóns dese cambio de actitude que se puido deber a múltiples causas.

Estas son as primeiras alumnas do instituto coruñés:

Elvira Rodríguez Castiñeira. Nacera na Coruña, vivía na rúa Pórtico de Santo André nº 1 e, con 16 anos, o 20 de maio de 1873 solicitou permiso para poder examinarse, recibindo unha inmediata e favorable resposta do director do centro. Realizado o exame de ingreso o 17 de xuño de 1873, no que obtivo a nota de Aprobado, examinouse tamén, por libre e nese mesmo mes de xuño de 1873, de Latín e Castelán I que superou tamén con Aprobado. No curso seguinte de 1873-74 aprobou tres das materias nas que se matriculara —Latín e Castelán II, Xeografía e Historia Universal—, pero non se presentou a Historia de España.

O expediente non facilita máis datos sobre esta adiantada alumna coruñesa que se animou a romper unha barreira para que a seguisen outras, talvez animada polos aires de liberdade que se respiraban na Coruña republicana e nas xestións dun Concello presidio, por primeira vez na historia, polo republicano Federico Tapia Segade, bo coñecedor da situación escolar da cidade e sempre favorable a mellorar a condición das escolas e dos escolares daqueles anos.

Rita Comellas Coimbra. Naceu na rúa Magdalena de Ferrol o 22 de maio de 1865, filla do coruñés Benigno Comellas, operario no corpo de maquinistas da Armada, e da ferrolá Rosa Coimbra. Ademais de Rita, o matrimonio tivo sete fillos, entre os que destacou Manuel, escritor e periodista e impulsor do periódico de maior difusión en Ferrol, onde se fundou, El Correo Gallego, do que tamén foi director durante varios anos.

Polos datos que posuímos, matriculouse por primeira vez no instituto da Coruña no curso 1875-76, cursando as trece materias do Bacharelato con excelentes cualificacións: cinco materias con Sobresaliente, cinco con Notable, unha con Ben e dúas con Aprobado, o que lle permitiu obter o Grao de Bacharelato con Aprobado na sección de Letras e Sobresaliente na de Ciencias.

Exame de ingreso de Venancia Balsa López
Exame de ingreso de Venancia Balsa López. 28-9-1882

Venancia Balsa López. Segundo a partida de nacemento que presenta, naceu en Padrón ( A Coruña) o 17 de decembro de 1861 e foi bautizada cos nomes de Venancia, Juana e María de la O. O seu nome levou a confusión ao propio administrativo que copiaba os nomes do alumnado no libro-rexistro, pois figura como Venancio en lugar de Venancia. Tamén a prensa cometeu o mesmo erro, polo que tivo que desculparse, o que dá idea de que para moitos era impensable que o nome fose en feminino. O 28 de setembro de 1882 fixo o exame de ingreso, no que obtivo a cualificación de Aprobado.

Domiciliada na rúa Ancha de Santo André nº 19, no curso 1882-83 matriculouse na modalidade de Ensinanza doméstica na materia de Historia natural, obtendo a cualificación de Sobresaliente na convocatoria de setembro, pero sin efectos académicos. No curso seguinte, tamén en setembro, de novo obtivo Sobresaliente en Fisioloxía e Hixiene.

Estes estudos do instituto os compaxinaba cos que realizaba na Normal de Mestras desde o curso 1881-82, xunto coas súas irmás Concepción e Carmen. En xuño de 1884 obtivo Sobresaliente nos exames para obter o título de mestra da Primeira Ensinanza Superior e nas oposicións de novembro de 1889 conseguiu o nº 6 na listaxe xeral, sendo destinada á escola incompleta de Brandeso entre xuño e decembro de 1890. En novembro de 1890 volveu a opositar conseguindo o nº 2 e mellorando destino pois puido ocupar a escola de Arzúa. Nesta escola permanecía en maio de 1899 cando foi nomeada para formar parte do tribunal para escolas elementais de nenas e párvulos. Polo menos desde 1915 era mestra de párvulos na Coruña.

Venancia debía ter boas aptitudes para o canto e a pintura, pois a prensa recollía a súa actuación en 1882 na Reunión de Artesanos e alababa as calidades da súa obra.

María Tejero Márquez. Nacida na Habana o 10 de xullo de 1870, a súa nai presentou ao director do instituto unha solicitude, con data do 15 de setembro de 1883, para que puidese facer o exame de ingreso a súa filla de 13 anos. Na marxe desta solicitude, con data do 21 de setembro de 1883, o director do instituto, José Pérez Ballesteros, indica que, segundo a orde do 20 de outubro de 1882, non se pode matricular nin examinar. Pero, a continuación anota que, segundo a resolución da Dirección Xeral de Instrución Pública, quedaba anulado o anterior e por iso accede á solicitude e poderá examinarse.

Unha vez concedido o permiso, María realiza o exame de ingreso o 30 de setembro de 1883, no que obtivo a cualificación de Ben. No curso 1883-84 matriculouse, en ensinanza doméstica, en Latín e Castelán I e Xeografía, pero non consta que se presentase aos exames.

Consuelo Núñez Antón. Trátase dunha alumna procedente de Villafranca del Bierzo (León), localidade onde naceu en 1870 e onde fixo o exame de ingreso en setembro de 1883. Nesa mesma cidade estudou, durante os cursos 1883-84, 1884-85 e 1885-86 os tres cursos de Bacharelato con boas notas na convocatoria de xuño. Pasou logo uns anos sen cursar estudos de secundaria para matricularse no instituto da Coruña, durante o curso 1888-89, en Ensinanza doméstica, nas materias de Xeometría e Trigonometría, pero non chegou a examinarse.

Nieves Quiroga Pardo-Bazán. Foi breve o paso da filla de José Quiroga e Emilia Pardo Bazán, nacida o 18 de agosto de 1879, foi bautizada como María de las Nieves, Vicenta, Juana e Elena, porque na Coruña unicamente fixo o exame de ingreso con 11 anos, no que mereceu a nota de Notable, o 27 de setembro de 1890. Matriculouse de Latín e Castelán I e Xeografía no curso 1890-91 pero o 11 de novembro de 1890 pediu o traslado do seu expediente para continuar os estudos no Instituto Cardenal Cisneros de Madrid.

Carmen Teresa Méndez Gil. Naceu en Vigo o 23 de xuño de 1880 e con 11 anos ela mesma presentou a solicitude para poder facer o exame de ingreso, así como todas as solicitudes que fará para poder matricularse nas diferentes materias ou para poder optar ás mencións honoríficas ás que daba dereito a cualificación de Sobresaliente. Era filla de Eduardo Méndez Brandón, deputado polo distrito de Celanova nas eleccións de 1873 e xuíz municipal en Vigo. Instalado na Coruña, abriu despacho de avogado e foi decano do Colexio de Avogados e vicepresidente da Comisión provincial. Estivo casado con Filomena Gil de Acuña, nai de Carmen Teresa. Faleceu na Coruña en 1927.

O seu paso polo instituto foi moi paralelo ao de Luz Rodríguez Salgado pois eran as únicas mulleres no medio dos 138 alumnos de 1º no curso 1891-92, coincidindo tamén na cualificación de varias materias. O 21 de setembro de 1891 fixo o exame de ingreso con Sobresaliente, o primeiro dos moitos que obtivo ao longo dos cursos de Bacharelato, tanto estando matriculada na ensinanza doméstica como na oficial.

No curso 1891-92 obtivo Sobresaliente en Latín e Castelán I e Xeografía, merecendo a Mención nesta última. No seguinte curso, 1982-93, Notable en Latín e Castelán de II e Sobresaliente con Mención en Historia de España. No curso 1893-94 non se examinou de Aritmética e Álxebra, pero obtivo Sobresaliente en Retórica e Poética, Historia Universal e Francés I. No último curso, o de 1894-95, tampouco se examinou de Psicoloxía elemental e de Dereito usual, pero de novo mereceu Sobresaliente en Matemáticas, Elementos de Física e Historia natural. Con este bo expediente, parecería lóxico rematar os estudos para ter o título de Bacharelato, pero no seu expediente non constan máis datos. A prensa da época recolle, en varias ocasións, os resultados dos exames do instituto, confirmando os datos do expediente.

María de la Luz Rodríguez Salgado. Naceu en Santiago o 22 de xaneiro de 1879 e con 12 anos solicita persoalmente ao director do instituto ser admitida a realizar o exame de ingreso, solicitude que autoriza, coa súa sinatura, o pai da rapaza. Tras realizar o exame de ingreso o 21 de setembro de 1891, inicia os estudos de Bacharelato con notable éxito, tal como consta no seu expediente académico e recolle ás veces a prensa. Agás os cursos de 1892-93 e 1898-99 que se matriculou na modalidade de ensinanza doméstica e se presentou aos exames en setembro, o resto das materias cursounas como oficial e na convocatoria de xuño e María de la Luz foi conseguido destacadas cualificacións: Sobresaliente con Mención en Latín e Castelán I e Notable en Xeografía no primeiro curso (1891-92); Notable en Historia de España e Aprobado en Latín e Castelán de segundo curso (1892-93); Sobresaliente en Francés I e Notable en Retórica e Poética, Historia universal e Aritmética e Álxebra (1893-94); Sobresaliente en Elementos de Física e en Historia natural, Notable en Psicoloxía elemental, Ben en Dereito usual e non se presentou a Matemáticas (1894-95). No curso 1895-96 non figura matriculada, pero si nos seguintes nos que cursou Psicoloxía, Lóxica, Ética con Notable, Xeometría e Trigonometría con Ben e non se presentou a Francés II (1897-98); no derradeiro curso (1898-99) non se presentou a ningunha das materias nas que se matriculara (Física e Química, Agricultura e Francés II).

A pesar de ter cursados estudos de ensino secundario no instituto durante seis cursos, non consta que obtivese o grao de Bacharelato pero si sabemos que continuou a súa formación na Escola Elemental de Industrias e Belas Artes da Coruña obtendo, en xuño de 1904, Sobresaliente e premio en Debuxo e modelado.

Inés Hernández Sanmartín. Nacida na Coruña en 1877, Inés cursou estudos no instituto ao mesmo tempo que tres irmáns: Abelardo, Carlos e Arturo e, tendo en conta a seriación dos seus expedientes, posiblemente fose a maior de todos eles. Fixo o exame de ingreso no instituto de Zamora o 17 de xuño de 1890 e nese mesmo centro e cidade cursou os dous primeiros anos do Bacharelato; o primeiro (1889-90) por libre con Sobresaliente en Latín e Castelán I e o segundo (1890-91), na ensinanza doméstica, con Sobresaliente en Latín e Castelán II na convocatoria de setembro.

No curso 1891-92 aparece matriculada no instituto da Coruña, na modalidade de ensinanza libre, obtendo Sobresaliente en todas as materias: Retórica e Poética, Aritmética e Álxebra e Francés I e Francés II na convocatoria de xuño e Xeografía na de setembro. Case idénticas foron as cualificacións do seguinte curso 1892-93: Psicoloxía, Lóxica e Ética, Xeometría e Trigonometría, Agricultura, todas aprobadas con Sobresaliente en xuño e con Notable a Historia de España en setembro. No último curso volveu á ensinanza oficial, curso 1893-94, e obtivo Sobresaliente en todas as materias na convocatoria de xuño: Historia universal, Física e Química, Historia natural e Fisioloxía.

Con este magnífico expediente, presentouse ao exame de Grao de Bacharelato o 7 de xuño de 1894, no que, unha vez máis, obtivo Sobresaliente. Inés continuou estudos na Escola Normal de Salamanca.

Faustina González Fernández. Este foi outro dos casos que nos levou a confusión porque, igual que nos casos comentados anteriormente, no libro de rexistro figuraba como Faustino. Naceu en Oviedo o 27 de maio de 1879 e realizou o exame de ingreso no instituto coruñés o 25 de setembro de 1893 con nota de Ben. No curso 1893-94 foi cualificada con Sobresaliente en Latín e Castelán I e en Xeografía e «aprobada por asistencia» en Ximnástica. Para iso presentou un certificado asinado por D. Luis Hevia o 30 de maio de 1894, profesor de ximnasia do colexio privado Dequidt, no que indicaba que Faustina asistira como alumna durante o curso 1893-94 ao ximnasio do seu colexio na rúa Xoana de Vega.

Carolina Pérez López. Pouco podemos dicir desta alumna, nacida no concello de Santa María de Neda o 22 de decembro de 1876, que con 16 anos fixo o exame de ingreso no Bacharelato en Ferrol o 29 de setembro de 1893 para matricularse no curso 1893-94 no instituto da Coruña, pero preparando as materias no colexio privado El ángel de las escuelas de Ferrol. Matriculouse en materias de primeiro curso -Latín e Castelán I, Ximnástica e Xeografía, pero non se examinou de ningunha e non figuran máis datos no seu expediente.

María Águeda García Iribarne. Naceu en Bos Aires o 5 de febreiro de 1882 pero vivía en Betanzos cando iniciou os seus estudos de Bacharelato. Realizou o exame de ingreso no colexio privado de Betanzos, incorporado ao instituto da Coruña, o 28 de setembro de 1895 e realizou estudos de primeiro ano nese mesmo centro no curso 1895-96 obtendo Sobresaliente en Latín e Castelán I, Xeografía e Relixión e Moral na convocatoria de xuño.

No curso seguinte (1896-97), xa na Coruña e por libre, tamén obtivo Sobresaliente en xuño nas materias de Latín e Castelán II e Francés I e Notable en setembro en Historia de España, Aritmética e Álxebra. Nos seguintes cursos -1897-98, 1898-99, 1899-1900 foi aprobando con Notable e Sobresaliente as materias nas que se foi matriculando (Francés II, Historia universal, Psicoloxía, Lóxica e Ética, Agricultura, pero no curso de 1900-1901 non se examinou das que se matriculara: Física e Química e Historia natural.

Sofía María Tella Comas. Irmá xemelga de Mercedes, naceu na Coruña o 22 de setembro de 1868 e, como ela, obtivo o título de mestra de primeira ensinanza superior en setembro de 1886, tras cursar os estudos correspondentes na Escola Normal de Mestras coruñesa durante os cursos 1883-84, 1884-85 e 1885-86.

Case dez anos despois de rematar os estudos de Maxisterio, matriculouse na instituto no curso 1895-96, en ensinanza libre, para cursar Xeografía, Relixión e Moral, obtendo en todas a cualificación de Sobresaliente na convocatoria de setembro. No curso seguinte, 1896-97, obtivo tamén Sobresaliente en xuño na materia de Historia de España.

O 15 de setembro de 1900 casou con Augusto Veiga Valenzano e trasladouse a vivir a Betanzos, onde faleceu o 2 de abril de 1902.

María Barbeito en 1907
María Barbeito en 1907

María Barbeito Cerviño. Naceu na Coruña o 2 de marzo de 1880 e antes de matricularse no instituto fixo cursou estudos primarios na Anexa da Escola Normal e a carreira de Maxisterio no mesmo centro entre 1893 e 1896. Obtivo o título de Mestra Superior aos 16 anos co nº 1 nas oposicións en 1901 e elixiu destino na Escola Nacional da Guarda, centro que dirixiu desde 1915 a 1936 e no que aplicou unha nova filosofía educativa que o converteu en referencia obrigada para o maxisterio galego.

Non se conserva o seu expediente no instituto pero, grazas aos datos conservados procedentes do seu arquivo persoal, consta que se matriculou e examinou, por libre, e obtivo Sobresaliente en Francés 1 (18-6-1897) e Francés II (28-9-1899).

A extraordinaria traxectoria profesional de María Barbeito foi tronzada pola sublevación de 1936. Pola resolución do expediente de depuración realizado polas autoridades franquistas foi separada definitivamente do servizo en 1937 e posteriormente, en 1941, se procedeu á súa xubilación forzosa. Comezou entón unha nova etapa da súa vida na que realizou varias traducións de libros franceses, de modo que os estudos realizados no instituto axudáronlle nesta nova actividade profesional. María Barbeito faleceu na Coruña o 20 de novembro de 1970.

Clara Plá Escot. Falta o expediente desta alumna que figura no libro de rexistro, pero polo número de expediente debeu matricularse no curso 1896-97.

Joaquina García Iribarne. Desta alumna, irmá de María Águeda e un ano menor que ela, unicamente consta no seu expediente a partida de nacemento, a solicitude para poder facer o exame de ingreso e o propio exame. Por estes datos sabemos que naceu en Bos Aires o 2 de agosto de 1883 e que era veciña de Betanzos cando solicitou o ingreso. Fixo ese exame o 20 de setembro de 1897 e obtivo a cualificación de Ben.

Elisa Díaz Remesal. Sabemos que estivo matriculada no instituto porque así consta no libro de rexistro, pero falta o expediente na documentación do instituto. Polo número de rexistro debeu realizar o exame de ingreso en 1898.

Diploma con sobresaliente en Aritmética e Álxebra de Isabel Martínez Morás
Diploma con sobresaliente en Aritmética e Álxebra de Isabel Martínez Morás. 30-9-1901

Isabel Martínez Morás. Tamén falta este expediente na documentación do instituto, pero pola documentación conservada na Real Academia Galega podemos reconstruír parte do seu expediente. Isabel naceu en 1884, filla de Andrés Martínez Salazar, historiador, editor e escritor e director do Arquivo Histórico de Galicia (1872) e presidente da Real Academia Galega (1923).

Isabel realizou o exame de ingreso no instituto en 1898 e comezou os seus estudos no curso 1898-99 conseguido ter un dos expedientes máis premiados da súa promoción. Segundo os diplomas conservados no arquivo familiar, mereceu Diploma con Premio en Castelán, Xeografía, Arimética e Contabilidade e Doutrina cristiá do primeiro curso (1-10-1899) e en Latín, Historia, Francés e Relixión no segundo (1-10-1899). Tamén obtivo Diploma con Sobresaliente con opción a Matrícula de Honra en todos os cursos seguintes: Preceptiva literaria, Historia e Xeografía, Francés e Aritmética e Álxebra (Sección de Letras, 30-9-1901); Elementos de Cosmografía, Historia Universal, Xeometría e Trigonometría (Sección de Ciencias, 30-9-1902); Física, Química, Historia natural, Agricultura, Fisioloxía e Hixiene e Debuxo na Sección de Ciencias e Historia da Literatura, Psicoloxía e Lóxica e Ética na Sección de Letras (30-9-1903).

Pola nota necrolóxica que publicou a prensa, sabemos que obtivo o título de Bacharelato en Ciencias e Artes. A rápida enfermidade que acabou coa súa vida con apenas 20 anos impediu que Isabel continuase o que prometía ser unha carreira de futuros éxitos profesionais.

Carmen Vivero Loño. Desta alumna, nacida en Barcelona o 22 de abril de 1885, unicamente sabemos que fixo o exame de ingreso o 21 de maio de 1898 con nota de Aprobado e que tamén con Aprobado se examinou de Francés I en xuño dese mesmo ano.

Rita Amparo López Jean. Naceu en Vila de Rutis (Culleredo) o 30 de outubro de 1885 e mostrou, desde moi nena, unha enorme capacidade de traballo, aplicación e intelixencia como o demostra que con 13 anos aprobou os exames de reválida para ser mestra de Primeira Ensinanza Superior o 30 de setembro de 1898, estudos que iniciara no curso 1895-96 na Escola Normal de Mestras da Coruña.

Rita Amparo López Jean
Rita Amparo López Jean

Coa mesma data da realización do exame da reválida de Maxisterio, Rita Amparo presenta a solicitude ao director do instituto para non ter que presentarse ao exame de ingreso por ter o grao de mestra, petición á que accede o director Pérez Ballesteros. Inicia entón, no curso 1898-99, os estudos de Bacharelato que culminará en outubro de 1903 coa obtención do Grao de Bacharelato, despois de ir aprobando todas as materias dos cinco cursos dos que constaba entón a ensinanza secundaria do Bacharelato con notables cualificacións e, agás tres materias do último curso, sempre na convocatoria de xuño.

Curso 1898-99, primeiro curso, Plan do 13-9-1898: Notable en Doutrina cristiá, Castelá e Xeografía; Aprobado en Aritmética e Ximnasia con Fisioloxía. Curso 1899-1900, segundo curso, Plan do 26-5-1899: Notable en Relixión e Matemáticas; Ben en Francés e Historia; Aprobado en Latín. Curso 1900-1901, terceiro curso: Notable en Perceptiva literaria, Historia e Xeografía e Debuxo; Aprobado en Aritmética e Álxebra, Francés, Debuxo e Ximnástica. Curso 1901-2, cuarto curso: Notable en Historia universal, Elementos de Cosmografía e Debuxo; Aprobado en Xeometría e Trigonometría, Perceptiva dos xéneros literarios e Ximnástica. Curso 1902-3, quinto curso. Notable en Física, Química, Fisioloxía e Hixiene e Debuxo; Aprobado en Psicoloxía e Lóxica e Historia Xeral da Literatura, ademais de Ximnástica por asistencia. En aplicación do R.D. de 26-3-1903, na convocatoria de setembro, aprobou Ética, Historia natural e Agricultura. Nos días 28 e 30 de outubro de 1903 realizou os exames de grao do Bacharelato con nota de Aprobado.

Ademais de contar cos títulos de Maxisterio e Bacharelato, fixo estudos de piano e canto co mestre José Baldomir, actuando en diversos festivais, e de pintura con Máximo Ramos. Casou con César Alvajar Diéguez e foi a primeira muller en pertencer ao Partido Galeguista. Desenvolveu un importante labor na Agrupación Republicana Feminina, da foi a súa secretaria durante a Segunda República. Acompañou ao marido cando foi nomeado gobernador civil de Soria en xuño de 1936 e logo de pasar un tempo en Madrid e Valencia, marcharon exiliados a Francia, falecendo Amparo na localidade de Montauban o 12 de novembro de 1942. Posteriormente, os seus restos mortais foron trasladados ao cemiterio da Coruña en 2006 para que repousasen xunto aos do seu marido, falecido en 1965.

Juana Montero Font. Incluímos a esta alumna porque figura como matriculada no instituto da Coruña para o curso 1898-99, pero en realidade, segundo o seu expediente, non chegou a cursar ningunha materia nese instituto. Natural da Habana, realizou naquel instituto o exame de ingreso con Sobresaliente o 23 de setembro de 1895 e aprobou con boas notas naquel mesmo centro as materias do primeiro curso (1895-96), de segundo (1896-97), pero das de terceiro (1897-98) non chegou a examinarse. Imaxinamos que se trasladaría á Coruña coa intención de rematar os estudos, pero a documentación non nos permite saber máis.

Carmen Gutiérrez Corcuera. Nacida en 1886 na Habana, como a anterior, fixo o exame de ingreso no instituto daquela cidade, onde cursou tamén os dous primeiros cursos de Bacharelato con Sobresaliente en todas as materias como alumna da modalidade de ensinanza libre. No curso 1898-99 figura matriculada no instituto da Coruña, na ensinanza privada do Colexio do Sagrado Corazón, en tres materias, Historia natural, Agricultura e Psicoloxía, Lóxica e Ética, pero non se examinou de ningunha. Con data do 22 de agosto de 1899, o Instituto da Coruña enviou o seu certificado de estudos ao instituto de Sevilla.

María Valiño Longueira. María Francisca Josefa naceu na Coruña o 21 de agosto de 1870 e realizou estudos na Escola Normal de Mestras da súa cidade, na que obtivo o título de Mestra de Primeira Ensinanza Superior logo de aprobar os exames da reválida o 29 de xuño de 1885. Impartiu clases de Francés na Normal, de forma gratuíta, entre 1892 e 1899 ata que en xuño de 1916 obtivo a praza por oposición.

No instituto, como alumna de ensinanza libre, matriculouse no curso 1898-99 das materias de Francés I e Francés II, obtendo en ámbalas dúas materias Sobresaliente na convocatoria de xuño.

Con data de 20 de maio de 1920 María Valiño enviou unha petición ao Ministerio de Instrución Pública solicitando que os profesores especiais -caso de Francés- aos que se lles modificou a súa condición e unicamente se les permitía formar parte do Claustro cando se trataban temas da súa materia en aplicación da R.O. do 16-4-1920, volvesen a ter voz e voto como tiñan antes da publicación da citada norma.

Con data do 23 de febreiro de 1926 o Goberno da República Francesa outorgoulle a condecoración Officier d´Academie. Posuía tamén o título de enfermeira de Primeira Clase da Cruz Vermella española.


Para saber máis:

PEREIRA MARTÍNEZ, Carlos (s.d.) Rita Amparo López Jeán. Asociación cultural Alexandre Bóveda.

ROMERO MASIÁ, Ana (2014). María Barbeito. Unha vida dedicada ao servizo da escola e dos escolares. A Coruña, Baía Edicións.

ROMERO MASIÁ, Ana (2021). «As primeiras alumnas do Instituto da Coruña», Nalgures, t. XVIII, pp. 317-349.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Silueta muller
Pioneiras

Dionisia Salomón

DIONISIA SALOMÓN (Valladolid 1837-Molina (Murcia) 1904) Dionisia Salomón Sanmartín (Valladolid 1837-Molina (Murcia) 1904), coruñesa entre 1856 e 1858, está considerada unha das primeiras mulleres que

Ler máis »
Herminia Borrell
Pioneiras

Herminia Borrell

Herminia Elena Josefa Rodríguez-Borrell Feijóo nace en Camariñas en 1897 no seo dunha familia que fixera fortuna en Cuba. Muller mítica da aristocracia coruñesa, con

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies