A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

As mulleres, protagonistas do motín de consumos da Coruña de 1886

Motín dos consumos

O acontecido a principios de setembro de 1886 na Coruña foi un exemplo dos motíns protagonizado por mulleres contra o pago do imposto de Consumos. Neses días houbo tres mortos, varias ducias de feridos, máis dun cento de detidos, moitas manifestacións disoltas pola forza, destrozo de todas as casetas de cobro do imposto, rotura da maioría dos farois de alumeado público, folga dos labregos, leiteiras, carniceiros que fornecían á cidade de alimentos de primeira necesidade, desabastecemento dos mercados e declaración do estado de guerra en toda a provincia durante unha semana.

INTRODUCIÓN

O imposto de Consumos xorde coa reforma tributaria de 1845. Era un imposto indirecto sobre produtos de «xantar, beber e arder» como o leite, pan, carne, aceite, leña, carbón. A partir de 1874 aumentou a listaxe de produtos incluídos (sal, fariña, cereais) polo que a súa impopularidade foi medrando.

Este imposto dependía da Facenda do Estado pero arrendábase aos concellos que podían ter á súa administración directamente ou arrendalo a unha compañía privada mediante unha poxa. Este último foi o caso do concello da Coruña onde a chamada «arrendataria de Consumos» cobraba tanto o estipulado polo concello para cada produto como unha porcentaxe para o seu beneficio.

Cobrábase nos fielatos ás entradas das poboacións, nunhas casetas rexentadas polos chamados consumeiros (traballadores da arrendataria de Consumos) desde a saída do sol ata o anoitecer. Era enormemente rexeitado pola veciñanza tanto pola súa contía e por consideralo un dobre imposto xa que os produtores tiñan que pagar ademais a contribución territorial. Tamén era rexeitado polo trato recibido polos consumeiros, os que en ocasións aumentaban o importe a cobrar, poderían ser enormemente desagradables nos controles ou facer a vista gorda se lles conviña. Era de tan pouco agrado que o seu rexeitamento pódese estudar como unha forma de resistencia antifiscal[1].

En 1886 o alcalde da Coruña era Evaristo Babé y Geli, designado o ano anterior, membro do Partido Liberal-fusionista de Sagasta.

Non se pode deixar de mencionar que en moitas ocasións as protestas polos consumos estiveron directamente relacionadas coas crises de subsistencia decimonónicas, así como que estas protestas sociais foron sempre protagonizadas por mulleres por seren elas as que introducían, maioritariamente, os alimentos na cidade e, xa que logo, as que tiñan que pagar o imposto.

ANTECEDENTES

Non sería a primeira vez que na Coruña houbo problemas sociais polas cousas «do comer». Xa en marzo de 1847, recén aprobado o imposto de Consumos, e en plena crise de subsistencia[2] houbo revoltas encabezadas por mulleres co resultado de varios mortos ao disolver o exército as manifestacións[3] ou días despois feridos de bala nun fielato (El Heraldo, H, 31-3-1847).

Nas semanas anteriores ao gran motín da Coruña de setembro de 1886 pódense ler os seguintes problemas na prensa:

O mesmo 1 de xullo, cando comezou a nova arrendataria de Consumos a cobrar o imposto, houbo mulleres que se negaron a pagalo (El Telegrama, T, 1-8-1886). En Vigo as leiteiras dos seus arredores causaron desfeitas nas casetas dos fielatos ao protestaren polo elevado do imposto. Mantiveron a súa protesta durante varios días (La Voz de Galicia, VG, 4, 7-7-1886). O 12 de agosto de 1886 as mulleres que introducían froitas na Coruña, ante o intento de cobrarlles de máis, berraron «abaixo os consumos» intervindo o xefe de orde pública detendo a un varón. Di El Telegrama que estas escenas «van sendo demasiado graves […] e que se repiten con demasiada frecuencia» (El Telegrama, T, 12-8-1886).

O mesmo xornal escribe días despois que no fielato da Estación (rúa Cabaleiros), unhas lavadoras de roupa non foron tratadas con respecto polos consumeiros. Enfrontándose uns varóns cos recadadores co resultado dun ferido nas costas por unha navallada e tres persoas detidas (T, 30-8-1886).

Caseta do Fielato na rúa Marqués de Figueroa. Século XX
Caseta do Fielato na rúa Marqués de Figueroa. Século XX

O MOTÍN

Na Coruña o 1 de xullo de 1886 comezou unha nova concesión do imposto a José San Román[4] pero ademais o concello incrementou, para cubrir un déficit no seu orzamento, a contía do imposto co chamado «ramo volante»[5] (un recargo sobre o imposto) que sería o detonante da protesta (T, 6-9-1886).

O venres 3 de setembro, El Telegrama afirma «Anúnciase outra folga: Probablemente o próximo domingo (día 5) non entrarán nesta poboación legumes, patacas, froitas, peixe, etc.».

O sábado 4 comezan os problemas: detención dun carro cunha ducia de latas de petróleo ocultas; presenza pública de gardas civís e axentes municipais. Aviso de ausencia de pan e leite para o domingo (T, 4-9-188).

O domingo 5, as leiteiras fan folga. O alcalde Babé e o Gobernador Civil, Pérez Caballero, acordaron poñer parellas de orde pública nos camiños da Silva, estrada de Santiago e na de Castela para garantir a seguridade das leiteiras que non secunden a folga. O alcalde tamén ordenou apostar gardas municipais no fielatos. Apesares desas medidas preventivas para garantir a seguridade das vendedoras, as leiteiras non acudiron á cidade (VG, T, 5-9-1886.).

A protesta, para La Voz de Galicia, «tivo nas primeiras horas carácter de revolta insignificante e case infantil, dado o inmenso número de raparigos que alborotaban alentados por escasas mulleres e homes, non de moi limpos antecedentes algúns de eles».

Fanse as primeiras detención (nove varóns e unha muller). Unha gran multitude concentrouse fronte á sede da policía pedindo a grandes berros a súa liberdade «e non conseguíndoa comezaron os asubíos, as ameazas, os morra, as pedradas ás xanelas e portas da devandita oficina, as carreiras…» (VG, 8-9-1886), polo que «dispúxose a saída dalgunhas parellas da garda civil de cabalería ou infantería». Os detidos, tras toma de declaración, foron postos en liberdade ás oito da noite, agás un home e a muller.

Pola noite as protestas aumentaron e ás forzas da orde, ao mando dun comandante, dispersaron aos amotinados. Como resultado un garda civil recibiu unha pedra no ollo dereito polo que foi levado ao hospital Militar. Houbo rumores de disparos previos pola forza da orde.

A xente pretendeu entrar na casa do arrendatario de Consumos. Este intento foi respondido con diversos disparos que ocasionaron tres feridos que foron levados a unha botica da rúa Real.

A Garda Civil, ao mando do tenente Sr. Lobo, dio «varias cargas contra ou pobo, disparando algúns tiros. […] A confusión e o desórde que introduciron non paseo de Méndez Núñez os disparos ocasionaron sustos, desmaios, carreiras, atropelos e ata algún ferido». A resulta desas cargas un tenente e varios gardas civís tiveron contusións leves.

Os manifestantes comezan a esnaquizar as casetas dos fielatos e a oficina de Consumos, que pretenderon queimar pero ese intento foi frustrado por novos disparos desde o interior da mesma. Hai varias cargas da Garda Civil pola Mariña e o Recheo. Estas forzas da orde foron completadas coas que dispuxo o Capitán Xeneral na Mariña, na porta das oficinas de Consumos, na Rúa Real, Rego da Auga.

Sen contar os feridos leves e outros curados nas farmacias, ingresaron no hospital civil dous feridos de bala, un ferido polo estoupido dunha bomba, e outro por unha factura (dous feridos son nenos). Nas boticas de Lens e Pardo foron atendidos varios contusionados (T, 6-9-1886).

De madrugada do luns 6 e por acordo do Gobernador Civil e do Capitán Xeneral, forzas de cabalería e de infantería tomaron posicións no centro da cidade (T, 6-9-1886). Iso non impediu que a primeira hora se formaran pequenos grupos. Igualmente, e na Cidade Vella, sobre as 8.15 «una turba de rapazada […] berraban: ¡abaixo os consumos! ¡viva o pobo!» (VG, 8-9-1886).

A caseta de Consumos da Mariña foi tirada ao mar. «Preto das nove da mañá pecháronse todos os establecementos abandonando tamén unha hora máis tarde os seus postos as vendedoras da praza de abastos, quedando abandonada» (T, 6-9-1886).

Ao longo da mañá foron concentrándose persoas na praciña da Aduanas polo que as forzas militares situadas o Goberno Civil e na Mariña cargaron sobre a masa popular co resultado dun morto, un ferido por baioneta e tamén «foi ferida ademais unha muller chamada Xoana Varela, dun culatazo na cabeza», carniceira da praza (VG, 8-9-1886).

Nas seguintes horas continuaron as manifestacións e a súa violenta represión (T, 6-9-1886). Sobre as 12 a cidade estaba máis calmada. A pesar disto un cabo recibiu unha pedrada e dous soldados resultaron feridos por caer do cabalo.

Nesta mañá esnaquizáronse ou queimáronse todas as casetas de fielatos (VG, 8-9-1886). Tamén foron esnaquizados os farois de gas desde Xoana de Vega ata a Estación. As forzas da orde concentrábanse na Mariña para facilitar o desembarco de mercadorías. Pola noito houbo máis cargas da cabalaría e de soldados de infantería, con varios feridos entre eles.

Os mercados e todos os comercios estiveron pechados. Sobre a situación na praza de abastos infórmase que as vendedoras abandonaron os seus postos ben por consello municipal, «que temía desordes e violencias», ben pola actitude dalgúns amotinados. Mais o xornal La Voz de Galicia destaca a actuación do arrendatario dos postos de venda pública quen «pretendía ou pretende esixir ao Municipio unha indemnización pola ausencia de vendedoras no mercado» (VG, 8-9-1886).

A resposta das autoridades ante as protestas pola suba do imposto foi a seguinte (T, 7-9-1886 e VG, 8-9-1886):

– O Gobernador Civil, José María Pérez Caballero publicou ás doce e media do luns un bando no que advertía que «As forzas armadas disolverán os grupos e rexeitarán cos medios de que dispoñan calquera agresión dos revoltosos…».

– O Capitán Xeneral de Galicia, José Sánchez Bregua, proclama o Estado de Guerra en toda a provincia o mesmo 6 de setembro.

– Igualmente o alcalde, Evaristo Babé y Gely, publicou un bando na tarde do 6 para solicitar o regreso á normalidade.

Estes bandos serán duramente criticados por El Telegrama (T, 7-9-1886).

Como resultado da xornada ingresan no hospital catro feridos graves (T, 7-9-1886). No cuartel de Cabalería foron atendidos dous soldados con feridas leves.

O martes 7 semellaba que iniciábase con tranquilidade, mais con algún problema posto que «Dísenos que pola parte de San Pedro de Visma foi cortado o cano que conduce as augas a esta capital» polo que foi vixiado por un grupo das forzas da orde». (VG, 8-9-1886).

Ao amencer foron detidos dez varóns e levados ao cárcere. «Tamén foron detidos por orde do xulgado o director do xornal El Duende don Baldomero Nache[6], e o empregado de Facenda don Gabriel Rios» (VG, 8-9-1886).

Ese martes 7, ás oito da maña un coche que procedía de Sada foi detido no alto de Eirís por unha multitude e «O leite e as hortalizas que viñan no coche para o consumo desta poboación, foron espalladas polo chan» (VG, 8-9-1886).

O día 7 «abriéronse moi poucas carnicerías e estas con o exclusivo obxecto de expender a carne sobrante do día anterior, a cal, pola escaseza que se notaba, adquiriu maior prezo». Tamén escaseaban os ovos e aumentaron o seu prezo. «Ás dúas da tarde non quedaban na Praza máis que unhas cantas verduleiras. O público na súa maioría non puido fornecerse dos ordinarios artigos de consumo».

No Ventorrillo aconteceu un dos feitos máis graves deses días posto que alguén «bebeuse catorce copas de xenebra» e «Un cabo da garda civil [dando a entender que ou bebedor e ou garda civil son a mesma persoa] feriu ao labrador Antonio Paradela, duns 40 anos de idade, casado e con fillos. Este infeliz suxeito faleceu vítima de fortes lesións nas inguas e espiña dorsal e o seu cadáver foi conducido ao cemiterio de Elviña na tarde de onte» (VG, 8-9-1886).

Tamén este mesmo día un tenente de artillería foi disparado na rúa Príncipe, aínda que non foi ferido pero máis tarde un paisano pretendeu agredilo polo «tivo de desenvaiñar a espada inflixindo unha ferida na cabeza ao suxeito en cuestión que foi detido e posto ao dispor da autoridade militar» (VG, 8-9-1886).

Ese mesmo día ás catro da tarde o trompeteiro municipal anunciou a publicación do seguinte bando do alcalde, no que se suprimía o incremento do «ramo volante»: «… desde o día de mañá 8 do corrente, queda reducido o imposto das especies da devandita tarifa ao que sinala a seguinte, que é exactamente igual á que rexía e pola que se cobraba en anos anteriores» (VG, 8-9-1886). Dito bando sería ratificado días despois en sesión plenaria do Concello[7].

Novas tarifas do Imposto de Consumos tras a supresión do incremento do "Ramo volante". La Voz de Galicia, 8-9-1886
Novas tarifas do Imposto de Consumos tras a supresión do incremento do “Ramo volante”. La Voz de Galicia, 8-9-1886

A partir deste momento tanto El Telegrama como La Voz de Galicia insistirán reiteradamente en solicitar a dimisión do alcalde e da corporación municipal e o cese do xefe da garda municipal (VG, 8-9-1886).

El Telegrama resume a situación do martes 7 de setembro:

«Continua o estado de intranquilidade e os mercados completamente desertos, pois os nosos labradores non concorren cos seus xéneros.

Hoxe apenas había carne: a administración militar matou dúas tenreiras en Santo Tomás e buscou leite nunha aldea inmediata para os enfermos, tendo que pagar o cuartillo á dúas pesetas.

O telégrafo non funcionou esta noite. Fálase que a policía secreta concorre ás tabernas, cafés e outros sitios. Algúns establecementos continúan pechados. Os que se dedican á pesca suspenderon as súas tarefas.

Un individuo que ás doce do día do domingo recibira unha pedrada na cabeza ao esnaquizar o fielato da Estación, faleceu no día de hoxe. A voz pública asegura que este suxeito foi o que recibiu da Garda civil diferentes culatazos no Ventorrillo.

Tropas de Cabalería é infantería ocuparon durante o día de hoxe as carreteras e os montes inmediatos. No cuartel da Estrada áchanse detidos algúns individuos» (T, 8-9-1886).

Hai tres novos detidos. Ademais, atópanse no cárcere 12 varóns aos que habería que engadir os do cuartel da Estrada, polo menos.

Portada de La Voz de Galicia, 8-9-1886
Portada de La Voz de Galicia, 8-9-1886

O mércores 8 son detidas unhas trinta persoas e conducidas ao cárcere. Ademais:

«Os mercados desertos, á pesar do bando da autoridade local.

Hoxe unicamente concorreron á a praza de abastos algunhas cestas de ovos que se venderon á peseta a ducia, algúns pementos, tres ou catro ducias de aves e moi poucos legumes. Aos fornecedores acompañáronlles individuos do exército ata deixalos nos seus postos.

O malestar non desapareceu; o temor dos campesiños é moito e nos fogares carécese dos máis necesario.

As fraudes cometidas nestes días de desorde son o dixomedíxome das xentes. Cítanse cos seus nomes os que abusaron dunha maneira escandalosa da ausencia dos dependentes de consumos dos fielatos e faise ascender á moitos miles de duros os dereitos defraudados». (…)

«As panadeiras de Vilaboa continúan sen fornecer aos moitos fregueses que teñen na Coruña. Algún leite e legumes, moi poucas, que entraron hoxe, foron desembarcadas no Parrote e porta de San Miguel e custodiadas por soldados.

Escoitamos que o ministro da Gobernación telegrafara ao Sr. Caballero aconsellándolle que continuase detendo á os alborotadores e castigándoos con arranxo á lei» (T, 9-9-1886).

Sobre o xoves, día 9, La Voz de Galicia recolle o temor das leiteiras e doutras vendedoras a seren vítimas de agresións ao tempo que afirma que unha certa cantidade do leite foi introducido na cidade coa protección do exército mais aínda hai persoas que impiden «a entrada de hortalizas, leite, froita e outros artigos» (VG, 10-9-1886).

Detención de catro persoas. A Garda Civil custodiou a varios homes e mulleres que introduciron na cidade leite e hortalizas desde Mera (Oleiros). Pero, na «Praza de Abastos, as revendedoras […] seguen aproveitándose da ocasión vendendo os ovos e a hortalizas a prezos sumamente abusivos» (VG, 10-9-1886).

Semella que desde o xoves a violencia vai a menos mais tamén se introducen poucas mercadorías na cidade posto que «Os panadeiros de Vilaboa non concorreron hoxe aos nosos mercados que continúan bastantes desertos. O conflito non rematou» (T, 11-9-1886).

O sábado 11 foron postos en liberdade 42 persoas detidas anteriormente, a maioría de Eirís (VG, 12-9-1886).

La Voz de Galicia do 12 afirma que: «La plaza se vió ayer completamente abastecida de todos los artículos de consumo, incluso pescado, que desde hace unos días no se había expendido. Frutas y huevos hubo en exceso vendiéndose á los precios ordinarios». Para máis adiante afirmar que «Las panaderas de Vilaboa no han concurrido hoy á nuestros mercados que continúan bastante desiertos». Pola contra «En el matadero público se degollaron ayer 31 terneras, 3 bueyes y 1 novillo» o que si representaba a cantidade habitual anterior ao conflito (VG, 12-)-1886).

Sobre o domingo 12, El Telegrama informa de que os panadeiros non poden facer pan posto que non chega leña á cidade e que «en algunos puntos cercanos á esta población varios labradores amenazaban a sus convecinos para que no trageran mercancías á la Coruña en vista de lo cual el Sr. Gobernador había ordenado á los alcaldes rurales inmediatos se presentase á la autoridad».

Ás 42 persoas liberadas o sábado hai que engadir outras 28 postas en liberdade o domingo, entre elas o director de El Duende, Baldomero Nache (T, 13-9-1886).

REGRESO Á NORMALIDADE

Finalmente o luns 13, tras unha semana de conflitos, levantouse o Estado de Guerra na provincia polo Capitán Xeneral (VG, 19-9-1886). Na tarde foron postos en liberdade outros 16 detidos.

O Gobernador Civil, José María Pérez Caballero, tamén publica un bando con data do 13 de setembro, no que tras alegrase por recuperar as liberdades constitucionais, afirma que non quere que se reproduzan os «pasados balbordos» polo que está disposto «a castigar severamente á los que por malicia ó por ignorancia pretendan volver á perturbar la tranquilidad pública, tomando á debilidad e impotencia de la Autoridad la mesura y la excesiva prudencia empleada en los anteriores sucesos»[8].

El Telegrama do 17-9-1886 di que «No se oye hablar más que de atropellos cometidos por los empleados de consumos abusando de la ignorancia de nuestros campesinos. Es decir, que seguimos tan mal ó peor que antes, no se impone ningún correctivo á esa gente de la cabina y los chuzos, tan poco simpática á esta población». E decir que continuaban os enfrontamentos puntuais cos consumeiros. Mais non todo eran malas novas pois «Parece ser que la empresa de consumos á dado órden á los fielatos para que se cobren menos que por tarifa, cuando se trata de pescados y frutas de poco valor» (VG, 19-9-1886).

Nos seguintes días colocáronse todas as novas casetas dos Consumos así como se foron reparando os farois da cidade. Mais os motíns rexeitando o imposto de Consumos continuarán producíndose na cidade nos vindeiros decenios.

 


Máis información sobre este tema en: Martínez García, Xosé Antonio (2024). “O motín de Consumos da Coruña de 1886”. En Cornide, Revista do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. Segunda época, Nº 5, páxinas 273-304.


[1] Vallejo Pousada, 1996.

[2] Díaz Marín, 2003.

[3] El Eco del Comercio, 26-3-47. El Heraldo, 26-3-47 (Dous días antes este xornal informaba tamén de disturbios en Santiago).

[4] Arquivo Municipal da Coruña. A Coruña. Libro de Actas de Acordos Municipais (en adiante: AMC. AC. LAAM.) Sesión ordinaria do luns 5 de xullo de 1886.

[5] AMC. AC. LAAM. Sesión ordinaria do luns 28 de juño de 1886.

[6] Baldomero Nache, vocal do centro obreiro, republicano federal e director do semanario satírico republicano El duende.

[7] AMC.AC.LAAM. Sesión ordinaria do 10 de setembro de 1886.

[8] Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña do 14 de setembro de 1886.

Comparte esta biografía

Explorar máis

María Muñpz Portal
Pioneiras

María Muñoz Portal

María Muñoz Portal (A Coruña 1886-A Habana 1947), directora, compositora, pianista, profesora, articulista, conferenciante, promotora cultural e colaboradora con importantes institucións e intelectuais. Segundo Neira

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies