A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

As cigarreiras da Real Fábrica de Tabacos da Palloza

Cigarreiras

Fábrica de TabacosNa Fábrica de Tabacos da Palloza concentrouse o maior cadro de persoal fabril de cantos existiron na Coruña no século XIX. Por antigüidade, volume de produción e número de traballadores, esta fábrica destacou no panorama xeral das factorías coruñesas e tamén galegas. Comezou a funcionar nas instalacións que ocupaban os Correos Marítimos, cando estes foron trasladados a Ferrol en 1802. A elaboración do tabaco debeu comezar en 1804, aínda que unicamente temos constancia documental a partir de 1807. Ao longo da súa dilatada vida a fábrica foi ampliando as súas instalacións, renovando a maquinaria e aumentando e especializando a súa produción.

Foi nota característica das fábricas de tabacos empregar maioritariamente a mulleres que, co pretexto de facer mellor que os homes la delicada labor de la elaboración de los cigarros (tal como figura no decreto de creación da fábrica) permitía, ben ao Estado ou á Compañía Arrendataria de Tabacos (que explotaba o monopolio deste produto entre 1887 e 1945) e posteriormente a Tabacalera ou Altadis, obter uns enormes beneficios. As cigarreiras constituíron, en todas as cidades que contaron con fábricas de tabacos, un grupo ben diferenciado no conxunto da poboación asalariada. Como sucedía con todos os colectivos femininos, as cigarreiras tiveron que soportar que os seus salarios fosen moito menores que os dos homes, aínda que realizasen un traballo similar. Porén, convén sinalar que sempre foron un dos colectivos femininos mellor pagado e que desenvolveu o seu labor nunhas condicións mellores que o resto de colectivos fabrís maioritariamente femininos (misteiras, tecedoras, modistas…). A razón estaba nos altos beneficios obtidos pola venda do tabaco, situación que permitía á empresa a conceder determinadas peticións das traballadoras.

Fábrica de TabacosPara poder cumprir coa dobre faceta de ama de casa (e de nai de familia na maioría dos casos) e de traballadora de fábrica, o regulamento da fábrica establecía unha ampla flexibilidade á hora das entradas e das saídas, de modo que puidesen compaxinar as dúas facetas. Desde o inicio da fábrica e ata entrada en vigor da xornada laboral máxima das oito horas, o seu salario non era fixo, senón que estaba en relación ao número de cigarros ou pitos elaborados; é dicir, que cobraban por obra feita, en función da súa habilidade e do número de horas de trabalo, de modo que só elas sabían o que realmente cobraban. Estas peculiaridades, ademais da tranquilidade e seguridade que daba traballar nunha empresa sen riscos de quebra, facían que as cigarreiras fosen vistas como unha auténtica aristocracia obreira no conxunto dos traballadores do século XIX. Ben o observara a atenta mirada de Emilia Pardo Bazán cando escribía, en 1882, unha das mellores novelas da narrativa naturalista española: La Tribuna, protagonizada pola cigarreira Amparo.

Otra causa para que Amparo se reconciliase del todo con la fábrica fue el hallarse en cierto modo emancipada y fuera de la patria potestad desde su ingreso. Es verdad que daba a sus padres algo de sus ganancias, pero reservándose buena parte; y como la labor era a destajo, en las yemas de los dedos tenía el medio de acrecentar sus rentas, sin que nadie pudiese averiguar si cobraba ocho o cobraba diez. Desde el día de su entrada vestía el traje clásico de las cigarreras: el mantón, el pañuelo de seda para las solemnidades, la falda de percal planchada y de cola.

CigarreirasA Fábrica de Tabacos era un elemento neurálxico na vida económica da cidade. Para valoralo, anotamos soamente un dato que resulta suficientemente significativo: a medidos do século XIX traballaban nela unhas 4.000 mulleres e a poboación total da Coruña non chegaba aos 30.000 habitantes. Isto significa que, aínda que non todas as cigarreiras vivían na cidade, senón que se desprazaban desde os núcleos rurais veciños, eran moi poucas as familias que non tiñan a algunha das súas mulleres empregadas na fábrica. Isto creaba uns intensos vínculos entre a Palloza e A Coruña e os problemas da fábrica pasaban a ser problemas da cidade, situación que tamén explica a continua intervención das autoridades locais a favor da rápida solución dos problemas orixinados na Palloza, así como a atención e os espazos que a prensa local dedicaba constantemente ás cigarreiras.

Os conflitos laborais son frecuentes nas fábricas e a da Palloza non foi unha excepción. Ademais de conflitos menores, durante o século XIX destacaron dous: o de 1831, consistente nunha maioritaria e ruidosa protesta e negación de ir a traballar estaba orixinado pola falta de tabaco para elaborar (de modo que vían reducido o xornal) e o descontento pola actuación dun inspector de labores, excesivamente esixente á hora de aceptar o tabaco elaborado. O segundo tivo lugar en 1857 e constitúe o mellor exemplo galego de protesta ludista: o punto de mira das cigarreiras non eran os directivos da fábrica senón as novas máquinas introducidas pouco antes:

El lunes 7 del actual hubo un pronunciamiento de mujeres en la fábrica de La Palloza de esta ciudad [A Coruña]. Parece que en lugar de los cigarros que antes se hacían en esta fábrica, están ahora ensayando la construcción de otros de diferente hechura y cuyas hojas van engomadas, suprimiéndoles los virginias o comunes, y los de capa habana o mixtos, y en vez de éstos crearon un taller de pitillos con una máquina para picar el tabaco. Como ambas operaciones son nuevas, no se prestan ni acomodan a ellas las cigarreras, porque no saben hacerlos, tardando tanto en elaborarlos que apenas sacan la tercera parte del jornal que acostumbraban. Esto y lo poco satisfechas que están del director de la fábrica, las exasperó en términos que el expresado día 7 a cosa de las once de la mañana, se alborotaron aquellas cuatro mil mujeres, arremetiendo contra los jefes y empleados del establecimiento, destruyendo todo el tabaco picado, pitos y hoja que tuvieron a mano y el que hacía tiempo estaban elaborando, pisoteándolo y arrojándolo al mar, rompieron e hicieron pedazos las máquinas nuevas para picar el tabaco, y que se dice costaron catorce mil duros, tirándolas al mar, lo mismo que los muebles, papeles, libros de caja y efectos que hallaron en las habitaciones del director.

El País. Diario de Pontevedra. 13-12-1857

CigarreirasA escaseza de tabaco deu motivo para varias protestas masivas na Palloza, destacando o conflito de 1874, e as reivindicacións salariais e laborais provocaron o de 1882. A necesidade de buscar solucións para solucionar os conflitos levou ás cigarreiras a organizarse, primeiro formando sociedades de socorros mutuos e caixas de auxilio e posteriormente formando sindicatos. Así, animadas polo líder sindical socialista Severino Chacón, fundaron en 1916 Unión Tabacalera, formación que foi o xermolo da Federación Tabaquera Española na que se afiliaron a inmensa maioría de cigarreiras e tabaqueiros de todas as fábricas de tabacos da península. Pouco despois fundouse Nueva Aurora, auspiciada pola la poderosa Federación Local, intentando impedir que un colectivo tan significativo como eran as cigarreiras se organizase sindicalmente fóra de seu seno e tendencia anarcosindicalista. Os enfrontamentos entre as asociadas dunha e outra sociedade foron permanentes, alcanzando momentos de especial virulencia entre 1918 e 1920. As tácticas sindicais de Chacón permitiron que as cigarreiras conseguisen múltiples melloras, e grazas ao crecemento da afiliación foi posible cumprir parte dun programa que se viu interrompido polo inicio da Guerra Civil: a creación de centros sociais para atender as necesidades das cigarreiras, especialmente as daquelas sen familia, para que contasen cun lugar de refuxio na súa vellez e así se construíu na Coruña, grazas ás achegas económicas das propias afiliadas a Unión Tabacalera, a coñecida como Casa as Cigarreiras, fronte á fábrica, edificio incautado polas autoridades fascistas en 1936.

Co inicio da Guerra Civil houbo unha profunda depuración na Palloza, pero a necesidade de contar con cigarros para atender as tropas sublevadas fixo que pronto se reiniciasen os traballos. A vida na fábrica cambiou radicalmente e as actividades sindicais e reivindicativas desapareceron, pero as cigarreiras seguiron sendo un referente básico na cidade, Mágoa que esta vetusta fábrica non puidese celebrar o seu 200 aniversario. Os intereses económicos decretaron o seu peche definitivo ao finalizar 2002 a pesar das masivas protestas e mobilizacións que no apoio dos seus traballadores protagonizou a cidadanía coruñesa.

PARA SABER MÁIS:

Contrato de traballo dunha aprendiza da Fábrica de Tabacos no ano 1961.

BIBLIOGRAFÍA

– ALONSO ÁLVAREZ, L. “De la manufactura a la industria: la Real Fábrica de Tabacos de La Coruña (1804-1857)”, Revista de Historia Económica, nº3, 1984, pp.13-34.

– ALONSO ÁLVAREZ, L. As tecedeiras do fume. Historia da Fábrica de Tabacos da Coruña. Vigo, A Nosa Terra, 1998.

– BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. Historia de la ciudad de La Coruña. A Coruña, La Voz de Galicia, 1986.

– BECERRO DE BENGOA, R. Viajes descriptivos. Caminos de hierro de León, Asturias y Galicia. D e Palencia a La Coruña. Palencia, 1883.

– BREY, G. “El movimiento obrero en La Coruña entre 1881 y 1889″, Cuadernos de Estudios Gallegos, 1982, nº98-99, pp.345-372.

– BREY, G. “Los tres primeros de de mayo en La Coruña (1890-1892)”, Estudios de Historia de España, 1981, T. I, pp.413-428.

– BREY, G. “Mulleres e conflictividade social na Coruña (1874-1910)” en Os conquistadores modernos. Movemento obreiro na Galicia de anteguerra. Vigo, A Nosa Terra, 1992, pp.25-46.

– COLINO, A., GRANDÍO, E. La Coruña en el siglo XIX. A Coruña, Vía Láctea, 1994.

– COUMES GAY, A. Guía de La Coruña. A Coruña, 1877.

– FAGINAS ARCUAZ, R. Guía indicador de La Coruña y de Galicia para 1890-91. A Coruña,1890.

– GARCÍA BARROS, J.Medio siglo de vida coruñesa 1834-1886. A Coruña, 1970.

– HERCE Y VALES, F. La vieja y memorable Marineda. A Coruña, 1951.

– MARIÑO LÓPEZ, J. Guía y plano general de La Coruña. A Coruña, 1905.

– MEIJIDE PARDO, A. “Censo de comerciantes coruñeses en los años 1830 a 1845″, Revista, nº8-9, 1972-73, pp.227-246.

– MEIJIDE PARDO, A. “La fábrica de jarcia y cordelería de La Coruña (1770-1823)”, Revista, nº17-21, 1981-85, pp.211-246.

– MEIJIDE PARDO, A. “La primera industria coruñesa del vidrio 1827-1850”, Revista, nº10-11, 1974-75, pp.143-201.

– MEIJIDE PARDO, A. Temas y personajes de la hitoria coruñesa contemporánea. A Coruña, Deputación Provincial, 1997.

– MORENO GONZÁLEZ, X. “Federales y proletarios. Los orígenes del movimiento obrero en Galicia (1868-1874)”, Estudios de Historia Social, nº15, 1980, pp.215-228.

– NAVAJAS LESTAU, F. “Proyección económica y social de la Fábrica de Tabacos de La Coruña”, en Presente y futuro de La Coruña II. A Coruña, Inst. José Cornide, 1984, pp.141-158.

– PALOMARES IBÁÑEZ, J.Mª. “La condición obrera en La Coruña a finales del siglo XIX”, en II Xornadas de Historia de Galicia. Ourense, Deputación Provincial, 1986, pp.43-84.

– PARDO BAZÁN, E. La Tribuna. 1883.

– POSE ROMERO, A. As misteiras coruñesas. Loita e asociacionismo na fábrica de fósforos. Santiago, Fundación Tilve, 1999.

– REY ESCARIZ, A. Historia y descripción de la ciudad de La Coruña [1845]. Facsímil, A Coruña, Concello, 1996.

– ROMERO MASIÁ, A. A fábrica de tabacos da Palloza. Producción e vida laboral na decana das fábricas coruñesas. Santiago, FATB-UGT, 1997.

– ROMERO MASIÁ, A., ALFEIRÁN RODRÍGUEZ, X. Salgadeiras e conserveiras de pescado en Galicia. Evolución histórica e o traballo das mulleres. Santiago, FATB-UGT, 2000.

– TETTAMANCY GASTÓN, F. Apuntes para la historia comercial de La Coruña. A Coruña, 1900.

– VEDÍA Y GOOSSENS, E. Historia y descripción de la ciudad de La Coruña. A Coruña, 1845.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Mercedes Romero Abella
Represaliadas

Mercedes Romero Abella

Mercedes Romero Abella nace en Cee (A Coruña) en 1907, con quince anos trasladouse á Coruña porque quería ser mestra. Estudará na Escola Normal nun

Ler máis »
Pioneiras

María Casares

Unha das actrices máis senlleiras da escena francesa do século XX foi a coruñesa María Casares. María Victoria Casares Pérez nace na rúa Panadeiras, o

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies