O arquivo municipal da Coruña garda o legado de María de los Ánxeles Alvariño González (Ferrol, 1916 – California, 2005), oceanógrafa experta en zooplancto, descubridora dun total de 22 novas especies animais mariñas.
Esta oceanógrafa galega formada na Universidade de Santiago de Compostela e mais en Madrid, da que se di que foi a primeira muller en actuar como científica nun barco de investigación británico.
En 1948 iniciou a súa carreira investigadora como bolseira no Instituto Español de Oceanografía (IEO), en 1952 traballa como investigadora en Vigo, no Instituto Español de Oceanografía, especializándose en zooplancto. En 1953 recibe unha bolsa do British Council para realizar investigacións sobre zooplancto no Laboratorio de Plymouth, Inglaterra. Participou en varias expedicións científicas no Atlántico e Pacífico, a bordo de buques oceanográficos de Inglaterra, Estados Unidos, España e México.
No 1956, grazas a unha subvención da Comisión Fulbrigth para realizar investigacións, comeza a traballar no Instituto Oceanográfico Woods Hole en Massachusetts e logo no Instituto Scripps de Oceanografía de California e no Servizo Nacional de Pesca Marítima dos EEUU.
En 1970 ingresa no instituto de investigación de California: o Southwest Fisheries Center (SWFSC), que forma parte do National Marine Fisheries Service, da National Oceanic and Atmospheric Agency (NOAA), alí as investigacións de Ángeles Alvariño centráronse na distribución xeográfica e na ecoloxía do zooplancto.
Ánxeles Alvariño foi distinguida coa Medalla de prata de Galicia no ano 1993. A Universidade da Coruña dedicoulle a Semana das Ciencias en 2005. No ano 2012 o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ponlle ao seu novo buque oceanográfico o nome “Ángeles Alvariño”. Como homenaxe púxoselles o seu nome a dous exemplares planctónicos, o quetognato Aidanosagitta alvarinoae e a hidromedusa Lizzia alvarinoae.
Nos últimos anos de vida, traballou na reivindicación do pasado científico do Estado Español para reivindicar o papel de primeira expedición científica oceánica para a expedición de Malespina fronte á de James Cook.
No ano 2015 celebrouse por primeira vez o Día da Ciencia en Galicia e a primeira científica na que recae a honra foi Ánxeles Alvariño. No programa Efervescencia da Radio Galega podes escoitar o técnico do Centro Oceanográfico de Vigo, Alberto González-Garcés, falar de Ánxeles Alvariño.