Ángela Ruíz Robles (1895-1975).
No Museo de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña atópase, dende o ano 2012, unha peculiar caixa metálica de cor verde esvaído. Leva o curioso nome de Aparato para lecturas e exercicios diversos. Este aparato considérase hoxe en día como un antecedente do libro electrónico.
En 2016 Google dedicoulle un doodle, no aniversario do nacemento da súa inventora Ángela Ruíz, unha mestra, que aínda que naceu en León, desenvolveu case toda a súa vida en Galiza.
A caixa tamén é coñecida como libro mecánico ou enciclopedia mecánica, debido aos nomes das sucesivas variantes do invento.
En 1918, Ángela Ruíz, aprobou as oposicións de maxisterio, e iniciou a súa carreira profesional nunha escola en Mandiá, no concello de Ferrol.
A súa preocupación social, levouna en 1934, a cambiar o seu destino polo da Escola de nenas do Hospicio de Ferrol, que desenvolvía o seu labor educativo con nenas orfas e abandonadas. Tamén fixo unha subscrición ao Fondo de axuda ás familias dos mestres presos na revolución de outubro dese mesmo ano en Asturias. Precisamente este feito sería o que despois do golpe de estado militar do 1936 propiciará que se lle abra un expediente de depuración que non pechará até cinco anos despois, aínda que sen ningún tipo de sanción.
No ano 1945, accedeu ao seu último destino, no colexio Ibáñez Martín de Ferrol.
As súas inquietudes educativas parece que non quedaban satisfeitas co traballo dirixido ás crianzas, e por ese motivo, xa dende a posguerra, creou unha academia onde formaba ás persoas que quedaron sen traballo. Co paso do tempo, na academia, preparará fundamentalmente oposicións.
Tamén impartirá gratuitamente aulas nocturnas na escola obreira.
Entre as materias do seu interese destacou fundamentalmente a lingua, sendo defensora do uso do esperanto, igual que os socialistas, anarquistas e moitos movementos obreiros da primeira metade do século XX, que tiñan unha importante presenza en Ferrol.
O feito de rexistrar as patentes do libro mecánico, un Atlas gramatical, un Novo método taquigráfico e de escribir 16 libros sobre temas pedagóxicos e educativos, non evitou que, nunha entrevista realizada en 1958, un xornalista lle preguntase. Unha boa inventora pode ser ao mesmo tempo unha boa ama de casa?
Para saber máis:
Vídeo de RTVE cunha breve presentación da vida de Ángela Ruíz.
Animación na que se explica o funcionamento da enciclopedia mecánica.