Andrea López Chao nace en Mondoñedo en 1874. Foi pedagoga, directora do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana e primeira Vicepresidenta da Sociedade Hijas de Galicia.
Estuda na Escola Normal de Maxisterio na Coruña, situada daquela no que hoxe chamamos praza de María Pita, cun expediente brillante.
Aproba a oposición en 1897 comezando a exercer a docencia xa desde ese mesmo ano.
En 1902 contrae matrimonio en Mondoñedo con Antonio Ares, que estaba emigrado en Cuba, país ao que se trasladan e onde nacerán os dous fillos do matrimonio.
En 1904 gaña praza, por oposición no prestixioso colexio do Centro Galego, sendo xa nomeada Directora nese mesmo ano, e no que permanecerá até a súa xubilación en 1951.
Baixo a súa dirección, o colexio ofertaba ensino primario e clases nocturnas do oficios. Contaba, ademais cunha Academia de Belas Artes e outra de Música.
Foi ela que propuxo que o Plantel de Ensinanza levase o nome de Concepción Arenal por “ser un claro símbolo da loita por resolver os problemas sociais de Galicia”.
Unha das súas alumnas, a pedagoga Antía Cal lembra nas súas Memorias, a admiración que Andrea López transmitía pola ilustre ferrolá.
Mais a súa ocupación pedagóxica ía máis alá das aulas. Era consciente do desamparo que sufrían moitas mulleres,migrantes e compatriotas que deambulaban por peiraos e bordeis, sen asistencia sanitaria.
Para denunciaren o abandono das súas paisanas, únese a un grupo de galegas e fundan Solidariedade Pontevedresa en 1912, asociándose a unha clínica para poderen darlles cobertura sanitaria.
Cinco anos máis tarde, e unha vez creado o sanatorio do Centro Galego, a sociedade cambiou o nome polo de “Hijas de Galicia, sociedade sanitaria e de auxilio mutuo”.
Constaba de seis pavillóns con dous andares cada un; dez salas para atención de especialidades, seis ambulancias e 54 profesionais que atendían diariamente a máis de duascentas mulleres. Tamén dispensaban medicinas gratis e chegaron a ter un Balneario.
Hijas de Galicia, única asociación formada por mulleres migrantes para auxiliar, amparar as máis necesitadas, mais, elas non podían acceder á dirección da Sociedade, como moito á Vicepresidencia segunda, sendo Andrea a primeira muller en conseguilo, en 1919
No mes de abril de 1923 participa no 1º Congreso Nacional de Mujeres Cubanas, no seu discurso afirma que “as mulleres temos un importante papel que desenvolver na sociedade, mais estamos desasistidas, ignoradas polos nosos compatriotas, polos nosos familiares e polas autoridades”.
Neste Primeiro Congreso, organizado por Hijas de Galicia e 30 Asociacións máis, reclamaron o dereito ao sufraxio feminino, a igualdade de dereitos e deberes cos homes, a patria potestade, o divorcio, o combate á droga e á prostitución…
Morre na Habana en 1954.
No seu Mondoñedo natal, foille rendida unha homenaxe no 2023, e a escritora Mª Xosé Porteiro, na súa novela de ficción histórica Sándalo na que relata as relacións entre Cuba e a Galiza, coloca a Andrea López Chao no lugar que lle corresponde.
Para saber máis:
O blogue do escritor Antonio Reigosa, MONDOÑEDO NA MEMORIA, dedica un monográfico a Andrea López Chao.