AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Ana María Josefina Alvajar López

Ana María Alvejar López

Ana María Josefina Alvajar López nace na Coruña no 1918 e morre en Madrid no 2005. Foi violinista e escritora.

Sempre foi Mariquiña para súa nai e “a nena do violino” para os veciños.

Filla da Irmandiña Amparo López Jean e de César Alvajar, destacadas personalidades da cidade.

Estuda na escola pública de Panadeiras que rexentaba Teresa Torréns. Asiste a clases de debuxo na Escola de Artes e Oficios e comeza a recibir clases de piano, mais axiña destaca tocando o violino.

Entra na Orquestra Filharmónica con 13 anos, sendo ela e Victoria Casal as únicas mulleres entre máis de sesenta homes.

En 1936 examínase no Conservatorio de todos os cursos de solfexo e dos sete de violín, obtendo as máximas cualificacións.

O 30 de xuño do 36 hai un concerto extraordinario no Teatro Rosalía no que actúan os alumnos máis distinguidos. Ela e Mª Luísa Béjar serán as únicas alumnas no escenario.

Descríbese como miúda, pálida, había que empuxala para entrar no escenario… mais, a partir do 18 de xullo do 36 esta moza tímida vai ter que comezar a tomar decisións para resistir e sobrevivir. Está soa na Coruña co seu irmán Xavier, máis pequeno e ten que exercer de cabeza de familia. Rexeita, por escrito, participar nun concerto no Rosalía a favor do “exército de salvación”, co cal ten que renunciar á “súa Orquestra” e ante a obrigatoriedade de colocar a bandeira bicolor no balcón, ela simplemente cobre a franxa morada cunha tea vermella.

No 39 chaman o seu irmán a filas, que marcha coa idea de se pasar ao lado republicano.

Nese mesmo ano chega súa irmá Mª Teresa, fuxindo desde Barcelona e, pouco tempo despois, é detida, estando cinco meses no cárcere. Ela peta en todas as portas reivindicando a súa inocencia. O seu irmán tamén regresa á Coruña e avísana de que o van deter por desertor. Ten que petar noutras portas e atopará coa axuda de Adela Martínez, da xunta directiva da Agrupación Republicana Feminina e compañeira da nai. Ela, o seu home, Mejuto, os fillos e unha sobriña axudaron a esconder a moita xente. Xavier quedará oculto nunha aldea de Cambre.

Despois de moitas xestións, consegue pasaporte para ela e a súa irmá e marchan da Coruña o 14 de abril de 1940 , vestidas de vermello e vixiadas pola Garda Civil. Deteñen a Adela Martínez por telas acollido na súa casa.

Reencóntrase cos pais en Vimoutiers, atópaos abatidos, a nai con 30 kg menos. Cando chegan os alemáns, o 30 de outubro queren trasladarse á zona liberada e instálanse en Mountauban.

A estadía en Francia lémbraa con descanso, a pesar das estreiteces. Declara ter sufrido máis aquí: “fun testemuña forzosa de crimes e sádicas persecucións, as mortes na Galiza cóntanse por miles, desapareceron familias enteiras”.

En xullo do 42 ten que voltar para salvar o irmán que foi descuberto. Regresa só cun bolso e o violín. Consegue un carné da Falange para que Xavier poida marchar cara a Barcelona. Ela ten que permanecer aquí, soa. Nunca máis verá os pais.

Anos despois trasládase co marido e un fillo a Madrid onde segue tocando e escribe.

Traballa nunha orquestra feminina que acada certa sona, mais non pode facer xira internacional porque o marido non lle asina o permiso.

Escribiu un poemario e dous libros de memorias para non esquecer e que non se esqueza.


Para saber máis:

  • Ana María Alvajar : Vivencias, publicado en 1979.
  • Ana. M. Alvajar, 2000, Notas sobre Amparo Alvajar, exiliada gallega, Ediciós do Castro.
  • Ana María Alvajar L. Jean, 2002, Soltando lastre. Memorias. Ediciós do Castro.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Eco de Galicia
Pioneiras

Ánxela Labaca

Cando os servizos públicos non daban resposta ás necesidades da sociedade, –e a alimentación, a educación, ou a sanidade non eran dereitos da cidadanía–, a

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies