A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Amparo López Jean

Amparo López Jean

Rita Amparo López Jean nace en Vilaboa (Culleredo) en 1885. Logo de cursar o bacharelato, estuda maxisterio na Escola Normal. Asistiu a aulas de canto e piano co músico coruñés José Baldomir. Exercerá como mestra na escola da súa nai e tamén foi nomeada profesora especial de Contabilidade mercantil na Escola Normal de Mestres da Coruña.

De ideas moi avanzadas para o seu tempo, conviviu varios anos co xornalista, político republicano e masón César Alvajar Diéguez, sete anos máis novo ca ela, co que tería cinco fillos. Casarían logo do nacemento dos fillos.

Amparo López JeanFoi a primeira muller na Coruña en militar no Partido Galeguista, sendo vogal do seu Comité local en 1936. Xa en novembro de 1935 aparece representando ao Partido Galeguista no Comité organizador de “La semana del niño” conformado por mulleres que representaban distintas organizacións sindicais e políticas da cidade. Pero o labor máis importante desenvolveuno na “Agrupación Republicana Femenina”, fundada o 13 de abril de 1933 da que foi primeiro secretaria (e presidenta a súa íntima amiga Elvira Bao) e, dende finais deste ano ata xuño de 1936, presidenta.

Esta agrupación organizou numerosas conferencias, cursos, excursións didácticas, ademais de implicarse activamente nas campañas políticas. A agrupación tiña, entre outros, os obxectivos de contribuír á xustiza social, defender os dereitos das mulleres, traballar pola consecución dos aínda non recoñecidos e impulsar a cultura.

Logo da sublevación militar fascista, co seu home e algún dos seus fillos conseguiron fuxir e, logo de viviren en Madrid e Valencia residiron en Barcelona. Aquí foi secretaria xeral do Grupo de Mulleres Galeguistas, e vogal do Comité Executivo do Partido Galeguista, que presidía Ramón Suárez Picallo.

Coa entrada das tropas franquistas en Barcelona teñen que fuxir a Francia  e logo coa ocupación nazi, a familia trasládase a Vichy e posteriormente a Montauban. Amparo falecerá nesa cidade o 12 de novembro de 1942. Desde 2006 os restos mortais de Amparo e César descansan no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Esther Casares
Represaliadas

Esther Casares Quiroga

María Casares deixou escrito que a súa irmá foi o paradigma da persecución inxusta. Esther Casares Quiroga nunca foi procesada, nin expedientada, nin se lle

Ler máis »
Clara Corral Aller
Pioneiras

Clara Corral Aller

Clara Corral nace en Ourense en 1847, no seo dunha familia acomodada e con gostos artísticos. O seu avó compuña cantos de Nadal e o

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies