AC Alexandre Bóveda
A Coruña das Mulleres

Somos un grupo de persoas que traballa no coñecemento da historia das mulleres na cidade da Coruña

Amparo Alvajar López

Amparo Alvar

Amparo Alvajar López nace na Coruña o 8 de agosto de 1916, no berce dunha familia republicana formada pola Irmandiña Amparo López Jean e César Alvajar, destacadas personalidades da cidade.

Recibiu desde moi nena clases de inglés e de piano. Alumna brillante do Instituto Eusebio da Guarda onde cursou o bacharelato, viviu con intensidade a chegada da República e o ambiente cultural e político da cidade. Aos dezaoito anos comezou a traballar no concello coruñés onde colaborou estreitamente con Casares Quiroga nas eleccións da Fronte Popular e, cando este foi nomeado presidente do goberno, marchou con el a Madrid (maio de 1936) e desempeñou un cargo de confianza nos Servizos de Información do Ministerio de Gobernación (SIM).

Ao estourar o levantamento militar, trasládase co goberno republicano a Valencia, e intima con Arturo Cuadrado Moure, poeta e editor con quen casa en Valencia nunha cerimonia civil que tivo como testemuña a Castelao.

Pouco antes de caer Barcelona baixo a bota fascista, Amparo, co seu home e coa súa filla Silvia partiu cara o exilio. Despois dunha breve estadía en Francia, onde morreu Silvia aos cinco meses , a parella embarcou no buque insignia do exilio republicano, o Massilia, o 18 de outubro de 1939. Vai grávida e dá a luz ao chegar a Bos Aires, mais o neno que levaba no seu ventre naceu morto.

Amparo foi empregada en oficinas editoriais, traballou como pianista nunha academia de baile e até estudou apicultura e cultivou colmeas. Mais, a actividade que máis sona lle deu foi a de tradutora. Fixo numerosas traducións do inglés, do francés, do italiano, do portugués, que foron obxecto de eloxiosas críticas. Máis tarde tamén aprendería ruso. Estaba considerada como a mellor tradutora de Hispanoamérica.

Canto á obra orixinal, alén de numerosos artigos e ensaios espallados por diferentes medios, é autora, con Agustín Caballero, de dúas obras dramáticas, Un balcón para los Lester e Amada y tú, que foron estreadas con moito éxito en Bos Aires en 1949 e 1955 respectivamente, nas que se ocupou tamén da dirección de escena.

En Bos Aires foi unha muller moi coñecida e valorada, como indica o feito de ser inmortalizada pola cámara de Grete Stern.

En 1955 e após 15 anos en Arxentina, decide iniciar unha nova etapa na súa vida, divórciase do segundo marido e abandona o país.

Exercerá como tradutora en Nova York, nas oficinas da ONU, en París no Correo da UNESCO e, en 1960, instalouse en Xenebra onde traballou nas oficinas da Organización Internacional do Traballo.

Foron anos de traballo intenso, de enorme responsabilidade. Eran informes para a OIT, para o Comité Intergobernamental para as Migracións Europeas, para o Comité de Desarme da Organización da Enerxía Atómica, para o Código Marítimo Internacional de Mercadorías Perigosas…

En 1961 recibe o nomeamento de “Caballero de la Orden de la Lealtad a la República española”, diploma asinado polo presidente da República no exilio.

Foi en Xenebra onde retomou o interese polo teatro e onde fundou e dirixiu o Grupo Artístico Hispanoamericano que representou obras de: Moratín, García Lorca, Lope de Vega, Buero Vallejo e Castelao. Mantén contacto coa Comunidade Galega e fai achegas económicas para a UPG.

En xuño de 1965 morre en París o pai, momento en que puideron xuntarse por primeira vez desde 1936 os catro irmáns: Ana María, María Teresa e Xavier.

No que di respecto a Galiza, reitera unha e outra vez a saudade da terra, á que está unida “por un sentimento vexetal, sinto aí as miñas raíces. Ese é o meu clima, o meu aire e o meu mar; esa é a miña choiva e o meu falar. Dóeme Galiza na alma”. Por iso, na xubilación fixa a súa residencia a carón da terra, en Monçao, onde morre en 1998, en soidade procurada.


Para saber máis:

  • Ana María Alvajar , 2002, Soltando lastre, Ediciós do Castro.
  • Aurora Marco, 2012, María Teresa Alvajar, Memorias dunha republicana, Edicións Laiovento.
  • Aurora Marco: Silencio no centenario da exiliada Amparo Alvajar, Praza Pública, decembro 2016.

Comparte esta biografía

Explorar máis

Andrea López Chao
Pioneiras

Andrea López Chao

Andrea López Chao nace en Mondoñedo en 1874. Foi pedagoga, directora do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana e primeira Vicepresidenta da Sociedade

Ler máis »
Ruth Matilda Anderson
Pioneiras

Ruth Matilda Anderson

Se pensamos en foto antiga de Galiza seguramente vénnos á cabeza a figura de Ruth Matilda Anderson, a fotógrafa da Hispanic Society of America que

Ler máis »

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies