Adelaida Muro Barbeito nace na Coruña sobre 1818, probabelmente na casa familiar da rúa Real 56, no seo dunha familia da burguesía comercial e con importantes intereses inmobiliarios na cidade.
Os avós maternos, o matrimonio Juan Antonio Barbeito – Isabel Castelo, encabezaban empresas mercantís, el como tenente de navío dos correos e ela como propietaria e comerciante. Tiveron sete fillas; as tres máis vellas casaron tamén con comerciantes. Dous destes, José Santiago Muro e Luís de Arévalo formarán parte da Sociedade Viuda de Barbeito, Muro y Arévalo fundada en 1818, con sede na rúa Real 56. A dirección da empresa correrá a cargo de Muro e Arévalo,conxuntamente, mais, en caso de discrepancias, recorrerase ao bon xuízo de Isabel Castelo “máis versada en negocios”.
José Santiago Muro e María Barbeito serán os pais de Adelaida e catro fillos máis, dos que só sobreviviron Adelaida e Juana. O pai, deputado en Cortes e de ideoloxía liberal, foi multado con 200.000 reais (cantidade que avalou a súa sogra) por ter votado, en 1823, a favor da incapacidade do rei , polo que tivo que exiliarse.
A profesora Consuelo Mariño Bobillo constata a estreitísima endogamia que practicaba a burguesía comercial coruñesa, e fala da súa xenerosidade en relación coas institucións de caridade, non só por conviccións morais e relixiosas, senón tamén porque consideraba que a familia era o eixe da orde social e que era obrigado protexela. Adelaida Muro Barbeito vai simbolizar perfectamente estes principios.
Adelaida casa na igrexa de san Nicolás en 1860, con Juan de Arévalo y Gener, comerciante. Ela era dona dun patrimonio, dado que posuía accións do Banco de España, do que chegou a estar entre os cincuenta maiores propietarios no momento da súa morte.
O matrimonio residirá en Madrid nos últimos anos da súa vida, onde morren ambos. Adelaida fina en 1892 aos 75 anos de idade.
O nome de Adelaida Muro quedou ligado ao Asilo que se levantou na rúa que leva o seu nome, dado que no seu testamento lega á cidade parte da súa fortuna, uns dous millóns de pesetas, que se debían inverter na creación dun asilo para recoller a pobres e desamparados. Os restos mortais de Adelaida Muro, do seu esposo e da cuñada, Elvira, tamén doante, repousaron na cripta tras o altar maior da capela do asilo, que comezou a funcionar en 1903 .
Este edificio singular, que, no seu momento, posuía a maior superficie acristalada da cidade foi derrubado, vítima da especulación urbanística, no ano 2001 no medio dunha forte oposición veciñal.
Bibliografía:
- Consuelo Mariño Bobillo, La Coruña bajo el reinado de Fernando VII. La burguesía comercial, Librería Arenas, 2009
- Luís Alonso Álvarez, Comercio colonial y crisis del Antiguo Régimen en Galicia (1778-1818). Xunta de Galicia, 1986
- Boletín Oficial del Arzobispado de Santiago, 21/8/1899, pp. 5-16
- La tierra gallega : periódico bisemanal de intereses regionales: Ano II Número 81 – 4/08/1895, p. 3.
- Lista de los señores accionistas del Banco de España. Años 1861 a 1886, Madrid, Banco de España.
- FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Carlos M. SÁNCHEZ GARCÍA, Jesús Ángel (2007), Espacios para el refugio. La asistencia a la vejez y los asilos en Galicia, SEMATA Ciencias Sociais e Humanidades, v. 18, Santiago de Compostela, Universidade, pp. 167-203
- Revista Gallega: semanario de literatura e intereses regionales, ano I núm. 11, p. 1.
- ROBLEDO HERNÁNDEZ, Ricardo (1988), ¿Quiénes eran los accionistas del Banco de España?, Madrid, Revista de Historia Económica, Ano nº 6, Nº 3, 1988, pp. 557-591.